Lat.: 43º 47' 23.6” N, Lonx.: 7º 41' 17.9”O
“Aló en baixo, o Atlántico;
mirando á man dereita o Cabo Ortegal, o mar Cantábrico, a Estaca de Bares, a
serra da Coriscada, a Faladora, o monte Caxado, a ría e vila de Ortigueira...”
Narciso Luaces
Non podiamos liscar das terras da Mariña Occidental sen pasarnos polo rochoso
mástil do Norte, a punta de Estaca de Bares. Este recodo atópase no Concello de
Mañón, entre as rías de Ortigueira e O Barqueiro. Esta enclave é o punto máis
setentrional do país e, ó igual ca Ortegal, fica coma fronteira de mares, linde
mariño que divide o Océano Atlántico do Mar Cantábrico, nun acompasado valse de
ventos que acompañan o itinerante voo das aves de paso. A paisaxe de cantís
mostra a cara máis feroz destas terras, onde o vento, coma un perfeccionista e
metódico escultor, foi azoutando a súa furia e moldeando a vertixinosa paisaxe. Deixamos atrás o fermoso Faro de Estaca de Bares collendo rumbo ó Norte e
loitando de cara a un vento oposto e resistente para ollar as invisibles
ribeiras bretonas e os galeóns empuxados polo vento da necesidade. Unha vez desafiamos as forzas da natureza, decidimos baixar a Porto de
Bares, unha abrigadiña e xeitosa vila mariñeira onde as chalanas descansan na
area da praia, a carón do mar onde viaxan ceibes cada abrente, cada alborada. A
vila móstrase silenciosa e solitaria, completamente inmersa no ruxido feroz do
seu mar. Pero o máis sorprendente deste pequeno porto pesqueiro é o seu Dique
fenicio, anterior á chegada dos romanos, e construído con bolos ou pedras
circulares moldeadas pola acción mariña. Voltarei, algún día, a retarme co vento de Estaca de Bares!
2 comentarios:
Sei o que dis do vento na costa recortada de riscos e penas que temos no Norte. O vento fero no septentrión galego!
Aproveito para viaxar nas túas páxinas ó mar, xa que teño que estar en terra unha tempada.
Saúdos!
Outro dos cabos míticos do país. Excelente foto do seu faro. Gran entrada, coma sempre.
Publicar un comentario