venres, 18 de novembro de 2011

Adeus, Cidade da Coruña


¡Ouh, meiga cibdá d'a Cruña,
Cibdá d'a torre herculina,
de xeneraciós recordo
máis fortes q' as d' hoxe en dia;
Cibdá que por'sobr' os mares
érguel-a cabeza altíva,
cal onte n 'as tuas murallas
o brazo de María Pita:
¿Qué tés n'ese teu recinto,
que tés pr'os que te visitan,
que conecerte non poden
sin que deixarte non sintan?

Manuel Curros Enríquez

Cheguei a esta cidade cuns estreados dezaoito anos para rematar os meus estudos e comezar a voar. Sete anos despois, o destino, coma una coitela, rachou coa monotonía para obrigarme a buscar un leito baixo o máxico mapa estelar da nosa histórica Capital, Santiago de Compostela. A escasos días da miña inminente fuxida, comezo a pensar nas noites coruñesas e os seus marítimos abrentes, na melancólica visión dende os cristais dunha vella galería ou no impetuoso e bravo vento que, coma de costume, azouta o faro máis vello, a Torre de Hércules. Lembrarei por sempre a súa fermosa muralla defensiva e o Castelo de San Antón, bastións defensivas da cidade, e como non, a María Pita; heroína e defensora coruñesa que, aló polo século XVI, loitou contra flota da armada inglesa capitaneadas polo corsario Francis Drake para libertar a súa cidade. Non esquecerei xamais as leccións aprendidas nestes sete capítulos de vivencias nin os amenos seráns de Orillamar, onde acostumábamos a deixarnos naufragar na estrela máis dourada do país; a de Galicia. Resulta estraño e desconcertante para min enfrontarme a unha nova cidade, unha nova xente e unha nova vida, mais onde queira que vaia e onde queira que pise, levarei a canda min todas esas vivencias, todas esas leccións aprendidas, e o grato recordo dunha xente marabillosa. A cidade que bautizou a miña independencia deixará de ser o meu fogar de aluguer para pasar a ser un banco de recordos no caixón dunha memoria, cada vez máis roída polo tempo. Os meus ollos ficarán nos cons dunha deserta Praia do Orzán, no seu mar e nas súas illas, as miñas mans na humidade das pedras da Torre e os meus pés, non o dubidedes, percorrendo Galicia. Boa sorte pois, amigos coruñeses, que o vello faro continúe aloumiñando, coma cada noite, o noso mar e as nosas perigosas ribeiras atlánticas!.

1 comentario:

Xoán S. Pazos dixo...

Ti tranquilo, que en Santiago vas estar ben. Dígocho eu, que vivín alí cinco anos. Da Coruña sempre podes levar as lembranzas e os vellos amigos. Moita sorte nesta nova singradura, camarada!