venres, 25 de novembro de 2011

Allariz d’Augas Santas


“A mañá de Allariz vai e ven na mañá clara do rio Arnoia.
O verán cala en mel é labio que beixa a Raiña Adormecida
e, nas follas das árvores, a sua infancia le as letras
que este dia último de Xullo debuxa”. 
Cesáreo Sánchez

Acompañamos o curso do río Arnoia para adentrarnos nunha fermosa e mítica vila da Provincia de Ourense, Allariz. Visitamos estas terras para ollar de preto o seu importante patrimonio cultural, monumental e natural. A xoia principal deste fermoso lugar é, sen dúbida, o seu coidado casco histórico, onde as pesadas lousas fican xa fatigadas polo tempo, desgastadas polo destino das nosas propias pisadas. Outro valioso monumento que paga a pena visitar é a Igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, afundida nos húmidos vales que o Arnoia foi rabuñando por entre os montes dos Canteiros e Armariz. Situada no corazón dun importante cruce de camiños, a vila de Allariz naceu das mans dos reis e condes do antano próspero Reino Suevo de Galicia. O seu nome é un reflexo daquela esquecida época: Vila Alaricii, “o burgo de Alarico”. Os monarcas galegos e leoneses contribuíron a incrementar a súa fama e importancia: construíronse murallas, erguéronse mosteiros, pazos e pontes sobre o Arnoia, conformando unha vila de granito envellecido polo tempo e moldeado pola historia. Os seus habitantes adicáronse dende tempos inmemoriais ás actividades agrícolas. Así o demostra o feito de que a súa principal actividade fora o cultivo e tecido do liño primeiro; e o curtido do coiro en tempos máis recentes. Que o Arnoia continúe levando no seu curso as Augas Santas ó feiticeiro lugar de Allariz!


3 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

Grande entrada, unha vez máis. Xa tiñamos ganas dalgún recuncho ourensán, e dende logo a fermosa e histórica vila de Allariz é un bo referente. Noraboa!

Anónimo dixo...

Xa pensei que tiñas algo contra os ourensáns... Pero penso que terías que haber falado da Revolta dos Irmandiños...tan actual ... o 15M do século XV, levado a máxima expresión... Eu sempre oín que as rúas de Allariz estaba feitas coas pedras do castelo derrubado polo poder popular, e con elas fixeronse tamén moitas casas... ou tal vez sonche contos de Ourense. En todo caso, repito, alegrame moitísimo a vosa volta. Antonio.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Grazas a vós por seguir regularmente este espazo.

Benquerido Antonio, naceches nun recanto dourado e fermoso. Coñezo menos esta túa provincia pero xuro que, en breve, irei amosando os centos de lugares que aínda quedan por descubrir en Ourense.

Unha aperta ós dous