domingo, 20 de decembro de 2015

Santa María de Lagostelle


“Noites de pedra, de bronce, de ferro, noites e días
de historia cega esperaran ver subir polas cuíñas
a sombra de Xesús vivo, súa nau entrar na baía.
¡Non quería erguerse a aurora sobor da terra baleira!
Calada a herba orballada e calaban as estrelas.
Berraron na noite as pedras, e a noite encheuse de lus;
as pedras berraron, e a sombra de tódalas cousas
asemellouse á sombra de Xesús;
as pedras berraron, e os seus berros ¡petrificáronse en
torres rematadas por unha crus!”
Xosé María Díaz Castro, Nimbos

Logo de percorrer tantos vieiros e coñecer tantos recunchos na luguesa Comarca da Terra Chá, nos húmidos eidos de Manuel María e de Díaz Castro, e ter o pracer de deleitarme en lugares de infinda beleza como a Lagoa de Cospeito, o Encoro de San Xoán, a presa e muíño de Merra d’abaixo, as Penas de Rodas, a Ponte de Santo Alberte e a de Duarría, a Pena Xiboi, Pedra Chantada, a Capela da Nosa Señora do Rosario ou a torre vilalbesa dos Andrade; decidín deter os meus pasos na capital municipal de Guitiriz, a carón mesmo da súa igrexa parroquial. O solpor comezaría a alumear aquel templo e incitaríame a retratalo e a coñecer a súa curta pero interesante historia. A Igrexa de Santa María de Lagostelle, de estilo Neorrománico e coñecida popularmente como “Igrexa Nova”, localízase na Praza Sagrado Corazón de María, no centro mesmo da vila de Guitiriz. Este impresionante santuario chairego foi construído por orde do párroco Manuel López Bande, e deseñada polo arquitecto Andrés Reboredo, entrámbolos anos  1949 e 1968 do pasado século XX. O arquitecto encargado da obra apostou por un deseño baseado no románico francés, dando como resultado un fermoso e impoñente templo de planta de cruz latina erixido con granito guitiricense, procedente das Canteiras de Mariz, e teitado con lousa luguesa.


A fachada está presidida por un fermoso rosetón, no que destaca a imaxe de San Xoán Bautista. Tamén chama a atención a torre do campanario, que se localiza na franxa dereita da fachada. A Casa Reitoral e demais dependencias eclesiásticas fican solapadas á nave. No ano 2003, a igrexa sería reformada de xeito parcial. Nas entrañas deste templo chairego destacan abondosas tallas do século XVIII así como unha imaxe do Corazón de María do escultor zamorano José Luís Coomonte. No adro existe tamén un busto na honra de Manuel Bande, o párroco e promotor desta igrexa. O motivo polo cal se procedeu a construír esta “Igrexa Nova” en Guitiriz, non foi outro que a teima do párroco Manuel Bande de considerar que Guitiriz ía medrar moito grazas ó auxe do Balneario, ó feito de que a Guerra Civil deixase centos de soldados vivindo na vila e ás expectativas xeradas pola creación dun Campo de aviación nos arredores. Todas estas cousas fixéronlle pensar ó párroco que a "Igrexa Vella" íase quedar pequena, polo que viu necesario erguer un novo templo de meirandes dimensións. Esta igrexa nova de Santa María de Lagostelle foi custeada coas doazóns dos veciños de Guitiriz, e moitos deles mesmo chegaron a participar na súa construción. Algúns visitantes que adoitaban pasar as súas vacacións no Balneario da vila tamén contribuíron economicamente para a súa edificación. Funme coa noite, coa chegada da brétema e coa lembranza de intres petrificados “en torres rematadas por unha crus!”

Ningún comentario: