sábado, 8 de xuño de 2013

A Ponte de Santo Alberte sobre do río Parga


“A espada escintilante tendeu os pontes sagros
do paraíso céltigo. Nos craros hourizontes
choutou a luz a rir. Os verdecentes agros,
os ríos cristaíños, os encrestados montes
enchían de dozura a illa dos miragros”.
Ramón Cabanillas, Camiños no tempo

“Ata o corenta de maio non te quites o saio”, reza o sabio refraneiro popular. As últimas chuvias semellan constatar estas antigas e proféticas verbas. Canta sabedoría se desprende dos refráns, e que pouco se trabucan. As sombras dun inverno tardío e unha primavera inconclusa lémbranme a aquela viaxe na que descubriramos a Terra Chá dos extensos horizontes, o máis xigantesco brañal da nosa Terra. Durante tres intensos e chuviosos días percorreramos as comarcas da Ribeira Sacra, Lugo, Monforte e, coma diciamos, a Terra Chá.  Ollamos o curso do Pai Miño, do Támoga, do Ladra, do Saa, do Cabe e do Parga. No concello de Guitiriz, visitamos fermosos espazos como o Encoro de San Xoán e, por suposto, o sorprendente conxunto de muíño e presa de Merra d’abaixo. Mais denantes de recadar nesta paraxe tan descoñecida, tivemos ocasión de visitar outros moitos lugares que se perden nas ribeiras do Parga. Un deses primeiros espazos visitados foi a ponte que dá comezo á extensa Ruta da Auga de Guitiriz. Procurabamos outra paraxe máis deste concello onde contemplar as valorosas augas, o seu máis prezado tesouro. Falárannos dunha gótica ponte que atravesa o Río Parga e que conduce ata unha capela e unha fonte de augas sacras. Saímos de Guitiriz unha chuviosa e gris mañá, aterecidos polo frío e a humidade. O noso obxectivo, logo de coñecer o núcleo da vila, non era outro que a Ponte de Santo Alberte, a medio camiño entre Parga e Baamonde. Para dar coa procurada ponte debiamos achegarnos até a parroquia de Sambreixo, e iso fixemos.


Non foi doado atopar a ponte de Santo Alberte nin a mesta carballeira de Sambreixo de Parga, pero todo esforzo ten os seus froitos. Á beira dunha ampla estrada que une Guitiriz con Mondoñedo, e a carón mesmo da vía do ferrocarril, puidemos dar coa ponte gótica que procurabamos. Comezamos a atravesar este vieiro sobre o Parga, ollando a máxica carballeira que nos arrodeaba e as fermosas ribeiras do río, mais aínda non caeramos na conta da maxestosa ponte que estabamos a pisar. Cada vez chovía con máis forza, polo que logo de acadar a outra ribeira, non dubidamos en buscar acougo baixo a sombra das ramaxes. E así, case sen decatarnos, contemplamos a súa afiada i elegante silueta. O Parga, que nesta paraxe xa atesoura un importante caudal, apresúrase pra mesturar as súas augas coas do Ladra. As pingas comezan a debuxar líquidas auréolas no espello do río, e a brétema acentúa a sobria presenza da súa ponte. Esta construción, de estilo i estrutura gótica, foi erixida no século XIV en sillería de granito e sobre dunha antiga ponte romana. Conserva dous amplos arcos oxivais, así como dous aliviadoiros en cada extremo da mesma. Mide dous metros e medio de ancho, e ata non fai moito era atravesada por vehículos e persoas.  Durante a súa longa existencia sufriu diferentes reformas. A primeira levouse a cabo entorno ó século XVIII, namentres que a segunda, máis recente; foi emprendida no ano 2006. 


Por este elevado e gótico vieiro pasa o Camiño do Norte, polo que transcorren milleiros de almas que se dirixen ata Compostela. Ademais, a través desta ponte pasaba o Camiño Real que, antano, unía a noso territorio con Castela. Dende a última reforma, prohibiuse o paso de vehículos para protexer esta antiga e fascinante construción. Agora é o punto de partida para moitos camiñantes, non somentes peregrinos, que queiran coñecer a Ruta da Auga de Guitiriz. O percorrido, duns vinte quilómetros, acompaña o curso dos ríos Parga, Ladroil e Roca. A nosa viaxe viuse interrompida polo tempo, mais o certo é que aínda nos quedaba por ver a tamén gótica capela de Santo Alberte, e a súa fonte medieval de augas milagreiras. A chuvia semellaba non dar tregua, polo que tivemos que apresurarnos en liscar para non rematar cun bo arrefriado. Nembagantes, comprendemos que as nosas pontes non terían razón de ser sen a chuvia e humidade que tanto abunda no noso nutrido e verdescente territorio. A auga é o noso máis prezado tesouro, a nosa eterna e milagreira fonte de vida. A que nos conforma, a que nos sacia, a que nos nutre, a que nos limpa, a que nos alimenta; a que escacha o noso gran e a que atravesa a nosa bandeira. Deixamos tras de nós Sambreixo e as augas do Parga para procurar novos eidos e historias, pois como reza o sabio refraneiro popular: “Á auga de correr e á xente de falar, non se lle pode privar”.

Ningún comentario: