xoves, 13 de decembro de 2012

A factoría de Caneliñas e os cazadores de baleas


"Teu voo de auga rasante
á altura das escumas
na cúspide da vida se consome
á vontade dos ventos das correntes
das bágoas do sorriso da maré...
Agora xa coñezo que este náutilos
é doa dun rabaño de fragatas
que foron naufragando como tristes
badalos de campá
na viuvez xigante das baleas.
E o náutilos deixoume comprender
que o tempo é un delicto imperdoábel.
Delicto é o pasado
punido no presente. E o futuro
delicto tamén é ese futuro
delicto dun porvir premeditado".
Antón Cortizas Amado, Nos páramos da lúa

As hedras e as silveiras cobren os derradeiros vestixios dunha actividade artesanal que noutrora foi unha parte fundamental da cultura pesqueira de tempos pasados. A caza de baleas tivo o seu derradeiro representante peninsular ós pés do rochoso promontorio de Caneliñas, na parroquia da Ameixenda, no concello coruñés de Cée. Esta próspera actividade, que se remonta na nosa terra ó século XIII, disque ten as súas orixes nos mariñeiros vascos, que introduciron aquí a cultura da caza baleeira. En tempos, esta actividade, hoxe prohibida, foi o sustento da xente da contorna de Caneliñas, e marcou de xeito profundo as raíces culturais das terras ceenses.


A paraxe de Caneliñas fica acubillada no fondo dunha pequeña enseada que se abre baixo un gran macizo rochoso e esgrevio. Trátase dunha paisaxe de granito vermello, semellante ó veciño Monte do Pindo. Sitúase no extremo sur da Costa da Morte, e pechando a Ría de Corcubión pola banda de leste. Cara poñente, Caneliñas olla eternamente a maxestosa silueta do Cabo Fisterra, e os pequenos e escuros illotes que salpican a ría.


A factoría baleeira de Caneliñas 
estivo en actividade durante 48 anos
Baixo esta paraxe rochosa, consérvanse os restos de antigos edificios e naves que antano conformaron a factoría baleeira de Caneliñas. As areas desta praia aínda lembran o cheiro e o ruído desta antano próspera actividade.

A factoría comezou a súa andaina no ano 1927, da man dunha compañía hispano-norueguesa, montada a duras penas con buques de vapor reutilizados da mariña norueguesa e inglesa. Foi a primeira parte dunha longa historia baleeira.

Quen sabe a intensa actividade que se levou a cabo entre estes muros, agora fendidos polo tempo. Os arpoeiros galegos, que tiveron que aprender con medios rudimentarios e buques oxidados, pronto colleron fama polo seu valor. Deles contan que eran dos poucos capaces de capturar máis dunha balea ó mesmo tempo.


Nesta pequeña e estreita enseada, dominada pola impoñente presenza do lendario Monte Pindo, entraban os vellos buques de vapor, cada vez máis obsoletos, e que tiñan a vantaxe de ser moi silenciosos, para poder achegarse a escasos metros das baleas, e poder dar caza a estes xigantes do mar. Eran coñecidos popularmente co nome de catchersOs buques capturaban a balea en alta mar, e traíana pendurada do costado ata a factoría. Dende o alto dunha atalaia, vixiábase a chegada das capturas, para mobilizar ós obreiros e despezar o animal antes de que a carne se malograra. Os mariñeiros traían o cetáceo ata o fondo da ría, e fondeábano na entrada da enseada de Caneliñas, para que as gamelas a trouxeran logo ata o varadoiro.


Os vellos catchers afastábanse ata cincuenta millas, na procura de cetáceos, entre os cales as especies máis cobizadas eran o cachalote e o rorcual común. Os vellos falan de buques baleeiros que teñen capturado e transportado até once cachalotes nun mesmo día. Tal era a actividade desta factoría, e outras do litoral galego, que a piques se estivo de extinguir a balea franca, especie típica do Atlántico.


Na pequena enseada de Caneliñas, aínda se conservan os vellos diques de pedra que se adentran na baía e que recibían os animais recén capturados. As súas pezas comezan a se derrubar, e a perdérense baixo as tranquilas augas de Gures.


A enseada foi dividida en varias partes, a través de varios diques. Deste xeito, adaptábase o terreo areoso ás necesidades desta industria. Os operarios, na súa meirande parte mulleres da contorna, eran convocados nas ribeiras para ergueren o animal coa axuda das súas propias mans e coas súas propias forzas. As guerras que tiveron lugar a partires da década dos trinta paralizaron temporalmente a actividade desta factoría, que quedou relegada ó esquecemento durante máis dunha década. Mais a actividade baleeira voltou a Caneliñas aínda con máis forza a partires do ano 1951, cando comezou a traballar coa compañía española Industrias Balleneras S.A. (IBSA)


A partires dos sesenta, a factoría viviu un gran auxe, capturando centos de exemplares ó ano. A balea era pelada, despezada e picada no exterior, sobre a “cama de despece”. As operarias traballaban baixo as ordes dos mestres baleeiros xaponeses, que as instruían na antiga e milenaria arte baleeira. Aquelas mulleres valíanse da sabedoría herdada dos noruegueses, e dos seus coitelos específicos para esta laboura.


Ademais da carne, moi saborosa e consistente, da balea aproveitábase todo. As barbas servían para fabricar armas e para outras aplicacións, namentres os ósos empregábanse como escombro para a construción. Ademais, extraíanse multitude de líquidos corporais do animal, entre os cales o máis importante a prezado era a graxa, coa que se facía o saín, imprescindible para a iluminación da época, e outros produtos como a margarina, o xabón, ou as velas.


A partires dos anos setenta, as autoridades internacionais comezan a vetar a caza de cetáceos mariños, unha actividade que non deixa de ser un dano irreparable para tódolos océanos do mundo. Os anos oitenta foron os do declive da industria baleeira, sometida a moratorias que somentes retrasaron o inevitable. A mediados da década, os buques baleeiros da Caneliñas sufriron boicots ecoloxistas, namentres o resto de factorías foron pechando. No ano 1985, esta era a derradeira que quedaba na península, e non tivo máis remedio que pechar, poñendo fin a corenta e oito anos de historia.


Hoxe, o acceso á factoría está pechado, e somentes se poden albiscar a certa distancia os vellos depósitos de aceite, as naves desmanteladas, ameazando xa a inevitable ruína. Atrás quedan os anos da bonanza, cando os vellos e oxidados buques de vapor entraban a diario na ría, escorados polo peso das capturas. Por aquel entón, era un sector chave da nosa contorna. Hoxe, cando esta actividade está máis que extinguida, e a captura das baleas é considerada un crime, somentes queda na memoria a historia dos valentes, dos vellos arpoeiros que combatían man a man cos terribles e poderosos xigantes do mar. As hedras, a humidade e os liques comezan a tomar posesión dos derrubados e fendidos muros da antiga factoría de baleas, e toda a actividade e o balbordo que aquí se tiña vivir a diario, xa hai tempo que esmoreceu.

Ningún comentario: