“ten unha xunta de bois
y-unha vaquiña de leite
y-unha porca con leitos,
y-un hórreo cheo de millo
y-unha tulla que... ¡meu Dios!
se non ten pan pra tres anos
ten-o ben certo pra dous”
Filomena Dato Murais, Follatos
Ás veces, namentres avanzamos polos longos camiños que nos conducen até os nosos procurados destinos, obviamos os símbolos máis elementais e abundantes que nos distinguen como nación. En calquera aldea galega, por moi descoñecida que sexa, podemos ollar multitude de mostras dunha arquitectura tradicional única no noroeste peninsular. O noso país é un territorio que soubo conservar tan ben o seu patrimonio histórico e cultural como o gran que, ano tras ano, se vai atesourando nos cabazos. O certo é que se aínda conservamos cabaceiras, muíños, cruceiros, igrexas, pombais, e outras moitas mostras senlleiras de arquitectura popular, é porque até non fai moito, formaban parte das nosas vidas. Desta volta, centraremos a nosa atención nunha desas mostras tradicionais que aínda se manteñen con vida en Galicia; o hórreo ou cabazo. O termo procede do latín Horreum, e foron moi empregados durante o Imperio Romano para almacenar todo tipo de produtos, tal que viño, provisións e outros alimentos. Isto lembrounos a viaxe efectuada á terma romana de Aquis Querquennis, onde coñeceramos por vez primeira as comodidades das que gozaban os romanos no noso territorio, así como os hórreos e diferentes espazos dos que dispoñía o complexo termal. A primeira mención e representación gráfica coñecida sobre destas construcións no noso País aparece nas Cantigas de Santa María, que datan do século XIII e son atribuídas a Afonso X, O Sabio. Na cantiga CLXXXVI aparece o termo “orrios”, en referencia ós hórreos ou cabazos, e revélanos que o cereal almacenado nos mesmos non era outro que o trigo: “Como huos monges non avían que comer a rogaron Sancta María que os acorresse / Como os monges s'acharon outro día os orrios cheos de muy boo trigo”. Na susodita representación gráfica aparecen dous hórreos góticos, con portas en arco de ferradura na cara máis estreita dos mesmos. Ámbolos dous carecían de crus e de aguillón. Nembargantes, a meirande parte destas simbólicas mostras arquitectónicas galegas comezaron a aflorar coa chegada do millo das Américas. Este prezado cereal, xunto coa pataca, borrou a fame do país e fíxonos prosperar, mais tamén é certo que por aquel entón aínda non eramos coñecedores dos requirimentos que se precisaban para conservar este dourado gran. Para tal fin fóronse construíndo os hórreos que hoxe coñecemos e que se estenden, non somentes polo noso país, senón tamén polos territorios veciños de Asturias, O Bierzo e o norte de Portugal.
Polo xeral, as nosas cabaceiras enmárcanse en diferentes estilos moi característicos en función da zona xeográfica na que se sitúan. Hainos de pedra, de madeira e até mesmo de vimbio. Nos Ancares abundan os hórreos ó estilo Becerreá, de estrutura cadrada a base de madeira, pés de pedra e teitos de palla, namentres que na zona norte de Lugo son máis frecuentes os hórreos de estilo Mondoñedo e Ribadeo; característicos polas súas afiadas ameas sobre dos tellados. Amais dos xa citados, o noso pequeno pero particular territorio conserva outros moitos estilos como o da Fonsagrada, o bergantiñán, o Mariñán, o de Tui, etcétera. Na fermosa e histórica vila de Combarro xa tiveramos ocasión de coñecer ós verdadeiros protagonistas do lugar. Alí, amontoados uns sobre dos outros, acharamos os prezados hórreos que atesouran a semente da terra, en fronte mesmo do mar. Mais desta volta ansiabamos procurar un dos tres hórreos máis grandes e senlleiros do País. Viaxamos cara o estremo sur da sempre bravía Costa da Morte, atravesando o fondo da Ría de Corcubión; onde o leito do Xallas se mestura coas augas do mar. Logo de deixar atrás a pintoresca vila de O Pindo, achamos ó lonxe, aberta ó Atlántico e protexida polo macizo do Pindo, o infindo e dourado areal de Carnota. De fronte a esta feiticeira praia, a sombra do maxestoso Promontorium Nerium fisterrán e a silueta das Illas Lobeiras dominan o horizonte, e nada máis se pode ollar na liña dos solpores. Á fin estabamos a pisar o antigo Condado de Cornatum, unha terra de petoutos que no seu día pertenceu ós Condes de Lemos e ós Trastámara, mais polo que contan, as súas fortalezas foron derrubadas coas Revoltas Irmandiñas. Nada parece quedar xa daqueles tempos. Nembargantes, este concello coruñés da Comarca de Muros atesoura un importante legado cultural e patrimonial. Aquí podemos atopar dende petróglifos como o da “Laxe escrita” até asentamentos celtas e castros tan senlleiros como o de Mallou. Mais se por algo destaca este municipio costeiro, non é somentes pola gran cantidade de hórreos que posúe, senón porque posúe os dous máis grandes do país, e por tanto, do mundo.
O máis alongado do noso país é o de Santa Baia do Araño, no Concello de Rianxo, que mide uns 37 metros de lonxitude. Nembargantes, este hórreo carece de pés. O segundo e terceiro máis longos fican en Carnota, un na parroquia de Santa María de Lira e outro na de Santa Columba. O último, por ser o máis senlleiro, é desta volta o noso procurado obxectivo. Entramos paseniño por antr’os rueiros que nos encamiñan cara o conxunto conformado pola igrexa en honor a Santa Columba, a casa reitoral, un pombal e, por suposto, o hórreo máis senlleiro do país. Ficamos abraiados ó contemplar a lonxitude deste monumento granítico, feito á medida da mesa e sotana do crego desta parroquia; o seu antigo dono e señor. Segundo se pode apreciar nas inscricións que fican sobre das tres portas que posúe este senlleiro hórreo de Santa Columba, a súa construción foi obra do arquitecto Gregorio Quintela. Enmarcado nun estilo fisterrán, foi erixido os anos 1768 e 1783. As súas dimensións, de 34 metros de longo por case dous de ancho, concretamente 1,90 metros, resultan impresionantes. Quen sabe canto non deberon suar os veciños para encher, ano tras ano, este hórreo xigantesco de Carnota. Que neste concello podamos contemplar os máis grandes hórreos do país, non é froito da casualidade. Os hórreos de Santa María de Lira e Santa Columba gardan unha estreita relación e mesmo unhas características que os fai moi semellantes, case idénticos. Ámbolos dous teñen o mesmo número de pés, un total de 22 pares, conservan o mesmo estilo fisterrán e carecen do aguillón tradicional. Este é substituído por outra crus. As únicas diferenzas radican en que o de Lira, erixido entrámbolos anos 1779 e 1814, é uns metros máis longo que o de Santa Columba, mais consérvase en peores condicións. Todas estas grandes similitudes e pequenas diferenzas indícannos que entre estas dúas parroquias existiu, antano, unha certa rivalidade. Ollamos os tornarratos, esas pezas circulares que se sitúan estratexicamente sobre dos pés do hórreo e que manteñen afastados ós ratos, e outras alimañas, do prezado gran. Fitamos todas e cada unha das caras deste declarado Monumento Nacional, así como o pombal que fica ó seu carón; de estrutura cilíndrica, cun cónico teito cuberto de tella do país.
Somentes a Igrexa podería erguer, naqueles tempos, un hórreo de tamañas dimensións coma este. Mais no noso pensamento ficaban os fieis, as humildes e traballadoras xentes da parroquia. É sabido por todos que antano era case unha obriga agasallar ós cregos coa mellor parte das colleitas e das matanzas. Supoñemos que namentres os cregos destas parroquias carnotás rivalizaban sobre do tamaño dos seus hórreos, ás xentes tocaríalles enchelos de fartura. Quizais, detrás desa popular rivalidade que mantiña en vilo ás dúas parroquias, ata poida que se escondesen outros intereses; lembremos que canto maior sexa a capacidade dos hórreos, maior riqueza poden albergar. Mais non viñemos a este lugar pra xulgar a ninguén. Logo de coñecer esta xigantesca mostra de arquitectura tradicional galega, os nosos pasos encamiñaríanse cara o santuario da parroquia. As badaladas de Santa Columba, coma o bombeo dun enferruxado corazón, semellaban reclamar a nosa presenza no seu adro. Pisamos as sacras tumbas que se estenden sobre do chan. A monumental torre do campanario, erixida por Carlos Aboy a comezos do século XIX, non deixa a ninguén desapercibido. A igrexa, de estilo barroco clasicista, foi fundada aló polo 1755, pouco antes de que se comezase a construír o hórreo, e conserva unha estrutura que mestura a planta de crus latina coa basilical de tres naves. Alí, fronte á igrexa de Santa Columba e sobre das tumbas, prometemos volver para coñecer máis de preto as características do veciño hórreo de Santa María de Lira. Que estas cabaceiras carnotás fiquen en pé por moitos séculos máis, pois son os simbólicos piares sobre dos que se asenta boa parte da nosa historia, cultura e tradicións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario