xoves, 23 de maio de 2013

San Paio de Narla e as lendas da Castronela


“Para a túa almea traio esta bandeira
que cruzou tamén ventos e batallas
Pona ergueita arriba sobre o teu castelo
Deixa que tremule sobre a túa casa
É bandeira ousada de ilusión e canto
que por ti contenta se abre branca e franca”

Bernardino Graña, Ardentía

Neste noso País de lonxeva historia, as lendas semellan emerxer da multitude de lugares máxicos que atesoura o noso chan. Son historias incribles herdadas dos nosos devanceiros que nos achegan, con certo misterio, cara tempos xa finados. As entrañas dos pazos e mosteiros galegos aínda gardan vellas historias que chaman por nós e mesmo nos incitan a investigar. Baixo a sombra das afiadas ameas das nosas fortalezas, somentes é preciso poñer o noso maxín a traballar. Viaxamos cara a Comarca de Lugo para coñecer máis de preto a contorna da súa antiga e amurallada cidade, e xa de paso procurar eses lugares lendarios onde poder recrear vellas historias. Na parroquia de Santa María de Xiá, pertencente ó concello lucense de Friol, existe un lugar coñecido como A Castronela. Procurabamos unha fortaleza medieval onde coñecer parte da súa historia, mais o certo é que pouco sabiamos das lendas de amor e desgraza que atesouraba. Chegamos á Castronela unha escura e gris mañá de outono, e nada máis entrar, as xigantescas e rexas torres da fortaleza de San Paio de Narla, un dos máis senlleiros castelos do noso País, escureceron máis, se cadra, un día xa de por si bretemoso. Á fin ficabamos baixo a simbólica sombra dun antigo fogar nobiliario coas portas abertas; liberado. Nembargantes, a súa historia non coñecía esa palabra. Este antigo castelo foi a morada dos Vasco de Seixas, unha familia que preferiu matar ós seus seres queridos denantes de que estes se mesturasen co pobo. Contan que nesta fortaleza da Castronela, tal e como nos suxire o propio nome do lugar, existiu un castro da Idade do Ferro sobre do cal, séculos despois, se erixiu a fortaleza que agora coñecemos. 


Aquí, nesta verdescente campiña que nos somerxe nun mundo de fábulas, as lendas tórnanse, se cadra, máis certeiras. Sorprenden, e moito, as soberbias dimensións desta antiga fortaleza, a súa desafiante silueta. Contan que foi construída entrámbolos séculos XII e XIII, mais o certo é que a edificación que hoxe podemos ollar é froito das sucesivas reformas levadas a cabo entre os séculos XVI e XVIII. Todas elas baixo o mandato de Vasco de Seixas, e logo de que un século antes, no XV, a torre fora destruída polas Revoltas Irmandiñas. Os primeiros documentos achados que fan referencia ó castelo datan do século XIV, e nun deles, do ano 1350, aparece citado como “Rocha Narrela”. A pesares de que estivo habitado polos Parga, os Ulloa, os Campomanes ou os Novo, na meirande parte da súa historia foi a morada dos Vasco de Seixas, unha estirpe sen escrúpulos nin corazón. As máis tristes e sanguentas lendas de San Paio de Narla quedaron escritas, coma vellos documentos, na memoria colectiva do seu pobo. Unha delas conta que nesta fortaleza viviu Dona Catalina de San Tirso, a muller do Señor das Torres; un déspota e ruín descendente da estirpe dos Vasco de Seixas. Catalina, coñecida tamén como a Dona das Torres, era unha honesta e fermosa muller que trataba con dozura e bondade ós seus servos. Co tempo, o Señor das Torres comezou a desconfiar, pois non podía comprender como a súa nobre muller se levaba tan ben coa servidume. Ninguén soubo nunca o que lle puido pasar pola cabeza, pero a lenda conta que o atroz Señor das Torres comezou a envelenar á súa muller. Mais o peor estaba aínda por chegar. 


Unha fría mañá, nun arrebato de loucura, o sanguinario Señor das Torres asestoulle nove puñaladas no peito a Dona Catalina até matala. Logo de cometer tal atrocidade, o asasino fuxiu cara Portugal para procurar a súa protección nas terras do Duque de Verganza, namentres o corpo da súa muller, a Dona das Torres, xacía sobre das silveiras. Tiveron que pasar varios días até que os seus servos a atoparon. E somentes eles foron quen de soterrala. Tempo despois, o pai de Dona Catalina, Don Lope de San Tirso, reclamou ante a xustiza a investigación do cruel asasinato da súa filla. Conta a lenda que ó abrir a tumba, logo de máis de vinte días, o corpo de Dona Catalina apareceu incorrupto, cos brazos cruzados sobre do seu peito ferido. Cando retiraron os brazos, o seu sangue comezou a brotar e un arume de rosas esparexeuse polo lugar. Mesmo din que se escoitou a melodía dun órgano sen músico algún que o puidera tocar. Logo das comprobacións oportunas, o corpo volveu ser soterrado na igrexa do Mosteiro de Sobrado dos Monxes. Uns emisarios partiron cara terras portuguesas na procura do cruel Señor das Torres e con fame de xustiza. Pouco despois, Vasco de Seixas aparecería asasinado. Nesta paraxe lendaria, aínda podemos ollar a capela na que Dona Catalina fora inicialmente soterrada. Como diciamos ó principio, nesta maxestosa fortaleza de San Paio de Narla, as lendas tórnanse máis certeiras, máis reais. Se algo está claro é que esta soberbia fortaleza foi feita a imaxe e semellanza dos seus altivos señores. As afiadas ameas das torres semellan testemuñar parte das súas máis sanguentas lendas. 


Por sorte, a historia deste castelo non remata co paso dos Vasco de Seixas. Anos despois foi pasando de man en man coma unha torre de xadrez. No século XVIII, a fortaleza de San Paio de Narla pasa a mans dos Campomanes, que habitaron nela durante os dous séculos seguintes. A finais do XIX, foi vendida á familia Novo, mais estes non tardaron en desfacerse da propiedade. Contan que a volveron a vender a un novo propietario que somentes a quería derrubar para, dalgún xeito, sacarlle proveito á pedra. Coa chegada do século XX, a paz e a humildade apoderáronse das entrañas mesmas desta maxestosa fortaleza. No 1939 foi adquirida pola Deputación de Lugo, e aló polo 1983, o arqueólogo Felipe Arias Vilas converteuna na sección etnográfica do Museo Provincial de Lugo. Agora esta soberbia fortaleza alberga o Museo etnográfico e histórico de San Paio de Narla, e fica coas portas abertas para todo aquel que queira coñecer máis de preto a súa historia. Deixamos tras de nós A Castronela maxinando a lendaria bondade de Dona Catalina, mais cos ollos postos nas afiadas ameas das torres do Señor. Que non esvaezan nunca as historias deste castelo nin as máis tristes lendas da Castronela! 

Ningún comentario: