que pod'a canl'entoar
e non hai paus na debesa
pra podelo esbaleirar.
[…]
Xa teño o muíño corrente:
ven moer tí, meu amor,
que n'hay mozo máis valente
que seipa möer millor”.
Francisco Mª de la Iglesia, D'o mar e d'a terra
Logo de contemplar a monumental morte en fervenza do Río Xallas e o ronco ruxido das súas augas, o destino quixo mostrarnos outro curso fluvial onde procurar paz e silencio. O destino quixo levarnos ata outra terra de augas menciñeiras, até a braña chairega dos extensos horizontes. Deixamos tras de nós o bulicio da máis fachendosa ruxidoira do País para procurar o murmurio i a paz dun río menos coñecido, mais non por iso menos especial. Os nosos pés encamiñábanse cara a sempre fértil Terra Chá, i en concreto, cara o concello lucense de Guitiriz, onde xa visitaramos o encoro de San Xoán; unha fermosa paraxe de gran importancia na vida cotiá dos seus veciños. O certo é que Guitiriz conta con centos de fontes, muíños, regatos, pontes e numerosos espazos onde a auga é a eterna protagonista. Eramos coñecedores da sona que foi atesourando, tanto o seu balneario como as súas augas termais, e da cantidade de ríos e regatos que se entrecruzan sobre deste territorio. Mais desta volta non nos foi nada doado acadar o noso obxectivo.
Chegamos a Guitiriz cun ceo incerto, ameazante. Botamos a andar na parroquia de San Salvador de Parga, onde pisamos o húmido e valioso chan dunha comunidade de gandeiros composta por máis dun cento de veciños. Nestas terras debiamos procurar o curso do Río Requeixo, tamén coñecido como Río Roca, e as nosas indicacións levábannos até a aldea de Bascuas. Preto de alí puidemos atopar o muíño e presa de Merra, unha das paraxes naturais que conforman a Ruta da Auga de Guitiriz, nembargantes, non era o lugar que nós andabamos a buscar. Logo de moito cavilar, caemos na conta de que o noso humilde recuncho ficaba augas abaixo. Acompañamos o curso do Requeixo denantes de que este pase a doar as súas augas ó Río Parga, nunha terra onde os regatos semellan veas, e os ríos; arterias que bombean auga dende o brañal. Neste labirinto de regatos, calquera paraxe resulta fascinante e sorprendente, mais nós viaxabamos trala paz e o silencio; tralos descoñecidos remansos que abondan no vello fogar de Breogán. Ansiabamos afastarnos do xentío, do ruído e do asfalto, para viaxar como cabaliños do demo a rentes de mansas augas. E así, seguindo o curso do Requeixo, foi como achamos a presa e muíño de Merra d’abaixo.
Atopámonos nun remanso de paz e frondosa natureza. Dende as profundidades do río i entrámbolas dúas ribeiras, emerxen estraños petoutos pulidos polas augas dende a longa noite dos séculos. Foron moldeados polas correntes, refinados polas chuvias e polo vento. As súas pardas cores foron enverdecidas polos musgos, escurecidas polas algas e as crecidas. Unha mesta fraga conformada por centos de árbores e matogueiras, fentos e silveiras, protexe o curso do Requeixo. Salgueiros, ameneiros e bidueiros, son algunhas das especies arbóreas que precisan das augas deste río para subsistir. A humidade conformou un paradiso de musgos e fieitas, un chan escorregadizo de extrema beleza. Pero o que máis chama a nosa atención é a vella presa de pedra e o muíño chairego que fica ó seu carón. Comeza a chover, e as primeiras pingas escachan en aros o espello do río. Buscamos refuxio no vello muíño que tanto interese espertou en nós, dándolle as costas ó vento, e coa espranza de que voltase o sol.
O conxunto conformado pola presa e muíño de Merra d’abaixo supón unha pequena mostra máis do proveito que os veciños de Guitiriz lle souberon sacar á súa auga. En moitos muíños galegos podemos ollar canles que, dende o leito do río, dirixían e transportaban a auga ata os baixíos destas vellas construcións. Desta volta, e ó igual que no muíño de Merra que acabaramos de visitar, este muíño d’abaixo conta cunha enxeñosa represa feita en pedra que regula o caudal da auga para sacar un maior proveito da mesma. A chá orografía desta comarca fai que as súas augas discorran de vagar, e a represa garantía unha maior constancia na presión das augas denantes de pasaren polo muíño. Mais esta presa supoñía, tamén, unha barreira protectora para o muíño de cara a posibles crecidas. Os niveis das últimas crecidas fóronse tatuando nos solitarios petoutos do Requeixo. A paz que se respira neste lugar fai que nos deteñamos a ollar cada detalle, cada perspectiva. Fitamos o vello muíño chairego e o seu tellado de lousa a dúas augas, a pequena represa e o manto de musgo sobre das rochas. Cantas historias e segredos gardarán as catro paredes deste vello muíño, e canta fame debeu quitar. Ollamos o leito do Requeixo ata quedarmos pampos, coma posuídos pola paz e absorbidos polas augas vagarosas. Non cabe dúbida que estabamos a pisar un lugar especial, un remanso onde achar a paz e o silencio que ás veces precisamos nas nosas vidas. As chuvias foron amainando, dándonos unha última oportunidade para deleitarnos nesta fermosa i esquecida paraxe.
Ás veces, prezados lectores, os lugares que máis nos sorprenden son os que menos sona e renome posúen. A Terra Chá atesoura paraxes únicas, como a Lagoa de Cospeito, e xoias históricas de gran importancia, tal que castros, dolmens e mesmo menhires como o de Pedra Chantada. Mais o verdadeiro tesouro deste xigantesco brañal, coma comentabamos ó principio, é a súa auga. Nesta comarca, o bafo da terra alenta a fartura do gando e nutre infindos leirados. A forza dos seus de regatos, antano, fixo xirar o eixo de centos de muíños, espallando a fame e a miseria do País, facéndonos medrar como o centeo. A Chá é un útero onde se xera osíxeno e humidade, unha mestura vital que nos conforma e nos alimenta. Cada recanto que visitamos nesta terra resulta máis máxico e impresionante. Mais con fonda tristura, debiamos poñer fin á nosa particular andaina pola Ruta da Auga de Guitiriz. Por estas terras aínda nos agardan lugares ben senlleiros e fermosos. Logo de atravesar a estreita i escorregadiza represa, abandonamos este remanso de natureza cheos de vitalidade, coas nosas sombras perfiladas no leito do Requeixo. Que nunca se perda a paz nin o silencio da presa e muíño de Merra d’abaixo!
Ningún comentario:
Publicar un comentario