domingo, 28 de abril de 2013

A morte do Xallas nos ermos confíns


Feros corvos de Xallas,
Que vagantes andás;
En salvage compaña,
Sin hoxe nin mañan;
¡Quen poidera ser voso compañeiro,
Pol-a gándra longal!
Algo de vago e fero,
Do meu ser no profundo
Eu levo, com' as brétomas
Dos curutos escuros;
E unha ruda e salvage
Incrinacion dos seres vagamundos.
Algo do rudo vento
Q' azouta o cabo Ougal;
Do salvage miñato,
Que leva o vento soán;
E con nobre ufanía,
O esquivo mato registrando vai!
Algo das vagas brétomas,
Algo das uces altas,
Algo dos libres corzos,
E das feras bandadas
Dos corvos vagamundos,
Ques' espaIlan de Xállas pol-as gandras.
Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos

Retornamos ó noso particular universo pondaliano para viaxar coma corvos vagamundos sobre das gándaras, aloumiñados polo rudo vento soán. Coma feros corvos, en salvage compaña, que agoiran a morte do Xallas nos ermos confíns. Voltamos de novo a somerxernos nas augas daquel río tantas veces atravesado por unha das figuras máis importantes da nosa historia literaria, o senlleiro poeta Eduardo Pondal. Non é a primeira vez que seguimos os pasos do Bardo polas solitarias e antigas terras do Xallas. Na nosa última visita a Brandomil, temos falado da riqueza que aporta o río que dá nome a esta comarca, e demos boa conta do legado histórico e paisaxístico que atesouran as terras ermas do Xallas. Lembremos que nesta comarca que tanto ten inspirado a Pondal aínda se poden atopar xoias megalíticas extraordinarias, como a Arca da Piosa ou a Mina da Parxubeira. O Río Xallas, logo de acoller a auga de multitude de regatos entr'os concellos da súa comarca, procura a súa morte nos sanguentos solpores dos confíns da terra, no dourado crepúsculo da Costa da Morte. Nos primeiros capítulos desta fraga, temos visitado un miradoiro que, dende o máis alto dos cantís e a carón dos Montes do Pindo e Peñafiel, olla a feiticeira i espectacular morte deste río nas salgadas augas do mar. Mais aínda nos quedaba por ver a excelsa morte do Xallas, de fite i en case toda a súa plenitude, embaixo mesmo daquel miradoiro. Este chuvioso inverno deixou terreos anegados, botou a perder colleitas e o curso do Xallas viuse desbordado en numerosas ocasións. Os encoros semellaban mares, e a terra xa non tiña sede. A primavera trouxo consigo un pouco de calma. 


Un día solleiro e caloroso semellaba estar da nosa parte, polo que non dubidamos en achegarnos ata o único río da vella Europa que desemboca en ruxidoira sobre do mar. Ansiabamos ollar, cal forasteiros, unha das máis espectaculares e distintivas fervenzas do planeta como poucas veces pode verse; case como nos seus mellores días. Saímos de Fisterra cara o concello coruñés de Dumbría, ata procurar a praia i enseada do Ézaro, o único lugar costeiro deste municipio. Alí é onde fica a Fervenza do Río Xallas, acubillada no fondo da Ría de Corcubión, baixo das faldras do Monte Pindo, e preto da antiga factoría baleeira de Caneliñas. Alí, ruxindo con forza dende as rosadas ladeiras, agarda por nós o derradeiro laio do Xallas, a maxestosa morte do noso pondaliano río. Esta pasada semana santa, as represas estiveron ó límite da súa capacidade, polo que os verdadeiros donos desta singular fervenza consideraron oportuno abrir un pouco a billa, ceibando dende a monstruosa guillotina de formigón, un caudal de auga maior do que estamos acostumados a ver. E isto chama a atención de moitos fotógrafos, turistas e xentes d’arredor. En moi poucas ocasións se pode ver, sentir i escoitar, o balbordo dunha fervenza coma esta case en estado puro, polo que eramos coñecedores do interese que esta nova ía espertar pola contorna. E o certo é que achamos máis xente da que pensabamos. Non nos foi sinxelo entrar no lugar, milleiros de persoas e centos de coches concentrábanse arredor da enseada do Ézaro. Nesta fermosa vila de estreitas rúas onde os fogares se erixen sobre dos petoutos, os forasteiros, ateigados de cámaras, arremuiñábanse uns sobre dos outros para dar coa mellor fotografía, cun recordo máis que levar da nosa feiticeira terra. A pesares de vir a este lugar dende ben meniño, nunca tal cantidade de xente vira. Nos últimos anos, a contorna da fervenza foi mudando para ben. Nos nosos días podemos achegarnos ata escasos metros da ruxida grazas á construción dunha pasarela de madeira, e mesmo entrar nos antigos edificios da primeira factoría de luz. Estes albergan agora un museo que lembra os comezos da negra historia desta monumental fervenza, mais tamén o proveito que todos os veciños destas terras lle teñen sacado. Non debemos esquecer que desta represa sae a auga corrente de moitos concellos veciños, e grazas á forza da mesma, xérase a enerxía eléctrica que abastece tamén ós pobos da contorna. Ás veces temos que pagar moi caro o custo do progreso, mais a paraxe, de por si fermosa e impresionante, non deixa a ninguén insatisfeito. 


Á fin ollamos de fite a fervenza do Río Xallas e o seu pálido bafo. Deixámonos acariñar polas pingas e a humidade que se desprenden da ruxidoira. Canta auga baixa impetuosa baixo a sombra do Monte Peñafiel, entorno ó que se arremuíñan os feros corvos pondalianos. O bafo da milenaria fervenza comeza a empapárnola cara, as mans e a roupa. Non podemos chegar a imaxinar as sensacións que nos produciría ver este río ceibo, no seu estado orixinal. Nembargantes, non deixan de sorprendernos os vertixinosos e rosados penedos do Pindo, a cara núa deste monte milenario, semellante a un xigante de pedra que emerxe excelso sobre do mar, fero e desafiante. Tampouco a silueta da Fisterra que se afunde no horizonte, a miña terra nai. A fervenza fica nun recuncho máxico, acubillada baixo a sombra do Pindo e de fronte ó mar da fin da terra, o Océano Atlántico. O derradeiro tramo do río ten uns 155 metros de desnivel, namentres que a ruxida conta cuns corenta de altitude. Logo de máis de sesenta quilómetros instintivos dende o seu nacemento en Monte Castelo, no concello de Coristanco, as augas do Xallas son retidas en tres encoros denantes da súa precipitación final sobre dos petoutos da enseada do Ézaro. Trátase das represas de Santa Uxía, Castrelo e Fervenza. A última é a máis importante, e foi construída nos anos sesenta. A función destas represas é garantir o caudal necesario para facer xirar as turbinas que transforman a forza das augas do Xallas en enerxía eléctrica. As primeiras construcións desta antiga factoría da luz comezaron aló polo ano 1897, e dende aquel entón, a primitiva e auténtica paisaxe trocou nun labirinto de xigantescas tubaxes, nunha encrucillada de cables metálicos. Deixamos tras de nós o estrondo da ruxidoira e a mestura das augas doces do Xallas coa salgada escuma do mar. Marchamos deste espazo único e danado para procurar novos horizontes, desexando que os erros cometidos no pasado, non rexurdan na alborada do mañá. 

Ningún comentario: