domingo, 11 de novembro de 2012

Os refachos do nordés no Porto do Pindo



“No sagro Pindo que hastra o ceu levanta
Do Ézaro ó pé garrida testa
E bica a sua pranta
Dourado mare donde en louca festa
A Ieda silfe co a Serena canta.
Naquel monte d' antigo tan famoso
A quen os grecos e os romans cantaron,
Onde amaña mimoso
O sol dos arreboles que inframaron
A cantos ver viñeron o chau noso.
(...)
Mesmo alí ond' a vista s' enfeitiza
Entre Lira, Fisterra e a Lobeira,
Ollando a prata riza
Que mostra á Colombian fonda carreira
Onde vorcans o sol á tarde atiza;

Nun campo de mentrastes e espadanas
Mimado pol o alento recendoso
Das frores gayolanas,
Tén Galicia o seu tempro maxestoso
Gardado po Ias Musas galicianas”.
Francisco Mª de la Iglesia. A Galicia

O Monte Pindo sobre a enseada do Ézaro
Tiña xa nostalxia do salitre das salvaxes costas coruñesas, e decidimos arribar a porto nun dos encraves máis pintorescos e belidos que se poden atopar na vertente sur da Costa da Morte, a costa fría e asasina. Achegámonos ata un dos máis míticos lugares do occidente galaico, o lendario e misterioso Monte Pindo. Este xigantesco macizo de granito avermellado, que se ergue a máis de seiscentos metros sobre do Atlántico, é unhas das montañas máis singulares e coñecidas de Galicia. Namentres bordeamos as faldras do monte, imos contemplando a esgrevia paisaxe que caracteriza á enseada do Ézaro, ós pés do alto da Moa. As paraxes rochosas adquiren un aspecto vertixinoso e impracticable segundo nos achegamos ó último treito dos canóns do Xallas, que verten as súas augas directamente sobre o mar, formando unha das fervenzas máis fermosas e singulares de Europa. Sorprende contemplar dende a praia do Ézaro a silueta da remota Fisterra, así como as pedras do Carrumeiro e das Lobeiras.
Sobre de nós, érguese o maxestoso monte dos petoutos, dos carballos ananos, a gran balconada do vello Atlántico. Este monte sagrado agocha numerosas lendas e os anacos que resisten de antigos castelos, castros, e petróglifos. Por antr’os seus angostos camiños e por antr’as súas covas, téñense refuxiado os guerrilleiros republicanos que resistían fronte á represión, e as súas misteriosas pedras foron obxecto de culto para  afastadas civilizacións ó longo dos séculos. A paisaxe do Pindo amosa unhas ladeiras rochosas, entre as que sobresae unha flora atlántica a base de matogueiras de toxo e uceira, e algún piñeiral disperso. Entre as especies máis valiosas que posúe este monte, atópase o carballo anano (Quercus lusitanica), que ten no Pindo a súa única colonia en Galicia. Tamén se pode albiscar algún que outro acivro ou mesmo loureiros. No que respecta á fauna, este outeiro sacro conserva multitude de especies de réptiles, aves rapaces, pequenos mamíferos, e mesmo cabalos salvaxes.


Descendemos ata os pés deste vertixinoso monte, ó outro lado da desembocadura do Xallas, e atopamos nun recodo do camiño as primeiras casiñas pintadas de diferentes cores, penduradas de xeito inexplicable, da faldra montañosa. É o porto do Pindo. Sobre dos xigantescos bolos de pedra, descansan os fogares que semellan superpoñerse uns por riba dos outros. As coloridas vivendas ollan eternamente ó mar, e moitas delas reciben o seu embate nos fortes temporais de inverno, mais todas elas semellan seren construídas adaptándose á esgrevia orografía do terreo. Os barcos apuntan ó nordeste, e este frío e seco vento impídenos andar. O mar loce un turquesa cristalino, e a superficie das augas comeza a se encrespar. Algunhas chalanas retornan a porto, e depositan no peirao, as nasas, as artes e as capturas. O Pindo conserva unha profunda tradición mariñeira, asentada na pesca de baixura, e no marisqueo a pequena escala. A meirande parte da veciñanza sobrevive grazas ó mar. A súa historia está fortemente vinculada ás labouras do mar. 


A pequena lonxa pesqueira do Pindo é un ir e vir de caixas de xeo ateigadas das máis prezadas e variadas capturas. Son os tesouros do Atlántico, o sustento milenario destes garridos mariñeiros carnotáns. No porto do Sinal, descárganse a diario peixes coma os pintos, maragotas, sarretas, congros, raias, robalos, sardiñas, xurelos, xardas, san martiños, lirios ou fanecas. Os cefalópodos tamén constitúen unha parte importante da rula, entre eles cabe destacar o polbo, a lura e o chopo. O marisqueo do berberecho, a ameixa fina e da coquina, decaeu nos últimos anos, polo que a extracción da mexilla se ten convertido na principal actividade marisqueira. Tamén se explota o percebe, o ourizo, as lapas e as caramuxas.
Máis alá do porto, a vila extténdese ó redor das marismas e da praia de San Pedro, ó outro lado dunha estribación que se adentra do Atlántico. Un vello mariñeiro volve a porto, dándolle as costas ó frío vento do Nordés. Pronto chegarán os duros días de inverno, e os temporais farán tremer os cimentos da montaña sagrada. Os vellos lobos de mar gardarán os remos nos seus fogares e se quecerán a carón das lareiras, nesas duras e longas xornadas de treboada que están por chegar.

Ningún comentario: