as estacións crean a efémera escrita
da memória.
Instantes de amor debuxo
na traza
horizontal do branco mármore
da páxina”.
Cesáreo Sánchez. A Escrita do Silencio
De entre tódolos agasallos que nos brinda a nosa marabillosa terra, a pedra é un dos bens máis prezados e necesarios. Dende os tempos máis remotos, este material ten sido un tesouro fundamental na nosa historia e na nosa cultura; dende os monumentos megalíticos ata as catedrais, dende as cabaceiras ata os mosteiros, dende os cruceiros ata os muíños. A pedra foi a que conformou os fogares dos galegos ó longo da súa historia, dende os castros até o día de hoxe. Mais a importancia da pedra nunca tería sido posible sen a gran sabedoría, talento e habelencia dos vellos canteiros. Foron eles os que transformaron, con infinda paciencia, este agasallo da natureza en obras que, séculos ou milenios despois, aínda nos asombran.
En trazos xerais, na meirande parte do noso chan predominan dous tipos de rocha que teñen utilidade para a arte e a construción; a lousa, por unha banda, que se distribúe pola Mariña Oriental e pola montaña lucense; e pola outra o granito, ocupando o resto do territorio. Nembargantes, pouca xente sabe que no noso país aínda conservamos un pequeno reduto onde se ten explotado dende antano outro material moi diferente, e que non adoitamos relacionar coa Galicia do granito e dos liques.
Atravesamos as terras altas que preceden ás grandes serras lucenses, terras sagradas polas que entraban as vellas rutas de peregrinación, e onde os ermitáns se refuxiaban do mundanal ruído. Na profundidade destes vales, entre fragas verdescentes e veigas primorosas, atópanse auténticas xoias artísticas, entre as cales destaca o mosteiro de San Xiao de Samos. Os montes ábrense en eidos e infindas devesas, e por antre as fragas descubrimos a riqueza e fertilidade destas terras case fronteirizas.
A medio camiño entre Santa Cruz, capital do concello lucense de O Incio, e a aldea de Ferrería, achamos de súpeto unha das edificacións máis singulares entre as que temos visitado no percorrer desta Fraga. Ante nós, erixíanse os brancos muros do vello conxunto parroquial de San Pedro Fiz de Hospital, unha das obras máis senlleiras da arquitectura medieval galega.
A singular cor agrisada deste templo destaca sobre os profundos verdes da fraga que o arrodea. Dende alí, e ata onde se perde a vista, unha xigantesca fraga cubre os outeiros e os montes do val. A carón do complexo, un xigantesco e lonxevo castiñeiro dá sombra á cara sur do vello santuario. Na cara norte, nembargantes, sorprende ollar un rudo e robusto campanario con teito a dúas augas, completamente separado da nave central do templo. De aspecto case militar, o pequeno campanario amosa con fachenda as cordas coas que aínda repenican as badaladas ó longo e ancho do val. Malia todo, o aspecto máis singular e chamativo a primeira vista é a pálida cor que amosan os seus muros, coma se refulxira dende as entrañas mesmas do val. Achegámonos ó adro da igrexa para coñecermos de preto os segredos e detalles daquela fermosa construción que tanto nos asombrou. Unha vez ousamos abrir a pequena cancela que daba acceso ó adro, descubrimos que estabamos a ser atentamente observados por un ancián do lugar, un veciño que pronto se achegou a recibirnos. Ó contrario do que adoita acontecer cando un profunda nas aldeas máis solitarias, este ancián non se sorprendeu da nosa presenza. Pola contra, quixo falarnos da gran cantidade de visitas que aquel templo recibía de cotío. “Esta igrexa ten moito mérito”, dixo con evidente fachenda, “é a única igrexa feita en mármore en todo o país”. E así é, en efecto, e sen dármonos conta, estabamos atravesando unha terra de marmoreiros, a única do chan galiciano.
Foron os romanos os primeiros, coma sempre, en explotaren este prezado e luxoso material, que era trasladado á cidade de Lucus Augusti, capital da antiga Gallaecia. A tradición do mármore do Incio perdurou ata hai ben pouco tempo. De feito, aquel ancián, que resultou ser o gardián e sancristán da igrexa, revelounos que el tamén baixara o lombo naquela vella canteira, extraendo o mesmo mármore dos seus antergos. Entre saúdos e boas palabras, despedímonos do hospitalario veciño, e achegámonos ata a igrexa, que é un dos poucos edificios que se conservan deste antigo complexo relixioso. En tempos pasados, San Pedro Fiz estaba fortificada con dúas torres, e contaba cunha hospedaría e un hospital para atender ós peregrinos que percorrían un antigo ramal do Camiño de Santiago.
Unha gran Cruz de Malta preside a fachada principal, revelándonos a orixe hospitalaria desta igrexa. Foi a orde de San Xoán de Xerusalén, coñecida tamén como a Orde Hospitalaria, a que edificou este complexo románico aló polos últimos anos do século XII, na época dourada do medievo galego e das peregrinacións. Esta comunidade de monxes guerreiros de escuras capas, tivo certo arraigo na metade oriental da provincia de Lugo, como o demostran igrexas como a fortificada San Nicolás de Portomarín. Volvendo á fachada, destaca a portada, con catro arquivoltas de medio punto decorada con multitude de motivos vexetais e axadrezados. Cando tocamos as brillantes columnas, descubrimos a suavidade do pulido, o seu sedoso tacto, a multitude de pequenas e febles vetas de múltiples cores que se deixan ver ó longo dos potentes sillares. Dous rexos contrafortes encadran a fachada, namentres un zigzagueado delimita a espectacular portada. Bordeamos a única nave do templo, dividida por anchos e potentes contrafortes, e acadamos a fachada sur, na que unha solaina de pedra semella un miradoiro sobre a profundidade e fermosura do val.
Baixo aquel pequeno tellado, atopamos outra portada, semellante á principal, aínda que de menores proporcións. Finalmente, bordeamos o conxunto ata unha leira lindante, para poder ollar a ábsida en toda a súa plenitude. É de planta poligonal, con longas e esveltas columnas, e elegantes fiestras de medio punto.
Abandonamos a pequena igrexa de San Pedro Fiz de Hospital. Ó saír do adro, e pechar a xeitosa cancela, despídenos o pequeno e belido camposanto, ós pés do solitario campanario, entre musgo, flores e roseiras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario