“Alecrín, alecrín dourado
que naceu no monte
sen ser sementado:
a túa loaira infinita
compensa de que eu morra.
Ai amor, amor,
quen che dixo a ti
que a flor do toxo
entre os petróglifos
transxénicos de sol
se chamaba así?
Eu teño un alecrín
composto por cinco pétalos
de ouro capilar
medrando exuberante
no lugar da caricia
para poder amarte
cóncava e convexa.
Porque ti es un ciborg
de arco iris rupestre
e luz cosida nos meus ollos
con finísimo bramante azul”.
que naceu no monte
sen ser sementado:
a túa loaira infinita
compensa de que eu morra.
Ai amor, amor,
quen che dixo a ti
que a flor do toxo
entre os petróglifos
transxénicos de sol
se chamaba así?
Eu teño un alecrín
composto por cinco pétalos
de ouro capilar
medrando exuberante
no lugar da caricia
para poder amarte
cóncava e convexa.
Porque ti es un ciborg
de arco iris rupestre
e luz cosida nos meus ollos
con finísimo bramante azul”.
Claudio Rodríguez Fer
Terra extrema de radiación amorosa

A cultura dos
petróglifos, cuxas mostras máis antigas poden datarse en torno ó IV milenio
a.C., esténdese por gran parte do País, mais desenrólase con especial
relevancia na metade sur, destacando as costas pontevedresas e a contorna do
Barbanza e da Ría de Muros e Noia. Nembargantes, no interior da Coruña, as
terras de Compostela amosan unha elevada concentración deste tipo de
xacementos, moitos deles arredor do sacro Monte do Pedroso, ó norte da cidade. Poden
acharse no altos dos abondosos penedos que presiden e dan sombra ós longos e
fértiles vales da contorna compostelá. Nun destes penedos, na faldra occidental
do macizo do Pedroso, e dándolle ás costas ó cumio sagrado, localizamos un dos
mellores petróglifos desta zona. Trátase da estación rupestre do monte de
Correxíns, situado na Parroquia de Santa María de Figueiras, no mesmo Concello de Santiago.
Para acadar
este petróglifo, debemos camiñar por antr’ as carballeiras, albiscando as
longas e vastas chairas que adormecen no val, e as pequenas e fermosas aldeas
que, ficando a un paso da capital, conservan o encanto e as formas de vida do
xenuíno rural coruñés. Á fin, chegamos a un alto, un balcón natural de rocha
granítica azoutada polos elementos, un miradoiro sobre os fértiles vales da
contorna da Mahía. Alí, naquela laxa fendida e rabuñada por longos e infindos
procesos tectónicos, perviven os derradeiros trazos desta mensaxe ancestral,
legado polos nosos máis lonxevos antergos. Alí, no alto de Correxíns, o sol da
tardiña comeza a debuxar as sombras que revelan os sucos das misteriosas
figuras deste fermoso petróglifo. Na beira esquerda da rocha, destaca unha
figura principal, formada por oito círculos concéntricos con cinco liñas
radiais e unha coviña central.

2 comentarios:
Estiven hoxe alí coa miña moza e costounos moito atopalo, está moi desgastado, case que irrecoñecible. É unha mágoa que as administracións non lle adiquen tempo nin fondos a este e outros petróglifos da zona.
A verdade é que si, oxalá empecemos a outorgarlles a atención e respeto que merecen. Grazas polo teu comentario, amigo!
Publicar un comentario