Cando vos oyo tocar,
Mórrome de soidades.
Cando vos oyo tocar,
Campaniñas, campaniñas,
Sin querer torno á chorar.
Cando de lonxe vos oyo,
Penso que por min chamades,
E das entrañas me doyo.
Dóyome de dor ferida,
Qu' antes tiña vida enteira,
Y oxe teño media vida.
Solo media me deixaron
Os que d' aló me trouxeron,
Os que d' aló me roubaron.
Non me roubaran, traidores,
¡Ay! uns amores toliños,
¡Ay! uns toliños amores.
Qu' os amores xa fuxiron,
As soidades viñeron...
De pena me consumiron.
Paseniño, paseniño,
Vou pó la tarde calada,
De Bastabales camiño".
Rosalía de Castro. Cantares Gallegos
Acadamos as terras santiaguesas nunha mañá calorosa e despexada. As raiolas do sol penetraban ata os máis recónditos vales do interior coruñés, namentres os pastos semellaban reverdecer baixo a intensa luz do astro rei. Facemos unha parada para adentrármonos no extenso e fértil Val da Mahía, no concello de Brión. Ascendemos polas sinuosas ladeiras que arrodean o val, e contemplamos a amplitude e fermosura desta privilexiada contorna. As pradarías semellan mesturarse cos pequenos bosques e conxuntos de especies hidrófilas que debuxan os lindes das fincas, os prados e as veigas. Dende o lonxe, ollamos abondosas aldeas que semellan pendurar deste histórico val.
Para atopar Bastavales, somentes se debe seguir o son das súas badaladas. Seguir os latexos incesantes, e deixarse levar pola mesma maxia que debeu sentir tamén a nosa musa Rosalía. A nosa chegada é ben recibida polo ergueito campanario, que semella celebrar a nosa arribada nas terras da Mahía. As constantes badaladas remataron por acompasar o noso camiño, achegándonos paso a paso ata un dos santuarios máis emblemáticos e coñecidos do chan galego.
Que pouco semellaron mudar as cousas por aquí. As eternas badaladas que tanto teñen atormentado á nosa musa continúan a resoar ó longo e ancho do val da Mahía. Non en van, o nome deste lugar deriva do latín Vasta Valles, “amplo val”. As súas notas semellan non ter fin, e os seus ecos de malencolía seguen a perturbar o silencio das longas e verdescentes pradarías.
A igrexa de San Xulián de Bastavales olla eternamente a occidente, contemplando dende o lonxe as torres da anterga Compostela. Este santuario foi proxectado por Juan Nogueira e Tomás do Río, aló pola metade do século XVII. Non foi rematada ata 1772, cando se erixiu a rexa e portentosa fachada barroca. Consta dun pétreo telón dominado por un tímpano partido e un reloxo circular. Dúas esveltas columnas decorativas flanquean o conxunto, que fica presidido por dous xigantescos aguillóns de granito, e unha cruz que se mantén en perfecto equilibrio sobre dunha rocha circular. Á dereita da fachada, o esvelto e vertixinoso campanario de catro alturas debuxa a súa alongada sombra a través das lindeiras pradarías. Foi erixida no ano 1827, nun traballado barroco. Amosa unha rexa balconada de pedra, e multitude de pequenos detalles decorativos. As súas campás, penduradas en diferentes niveis, levan en servizo dende o ano 1828. Dende as primeiras badaladas, as campás de Bastavales colleitaron moita sona, pois os seus ecos esparexidos resoaban por varias millas á redonda. A pequena parroquia, situada nun lugar privilexiado no alto do val, pronto se converteu na escola dos vellos campaneiros, e hoxe é un dos poucos recunchos onde sobrevive esta arte milenaria.
Os nosos pasos condúcennos pola contorna da igrexa, onde descubrimos o seu amplo e axeitado adro. Ó longo dos anos fóronse instalando pequenas e máxicas fontes esculpidas na rocha. Tamén ollamos portentosas balconadas barrocas, cruceiros, e mesmo outra pequena capela que se agocha tralo santuario principal. Trátase da hermida do Carme, tamén barroca, e tamén co seu particular campanario. Os gustos de épocas pasadas remataron por introducir os espléndidos e vistosos exemplares de flora exótica. No medio destes bastos vales, as palmas e as camelias aportan unha nota de cor e de señorío.
A sombra dos cipreses semella confundirse coa dos impoñentes campanarios de Bastavales. Sobre deles, teñen tocado xeracións enteiras de campaneiros. Quen sabe cal deles tocaría aquela tarde chuviosa na que, ferida e soa, a musa compoñía os lendarios versos sobre aquelas sombrías badaladas.
2 comentarios:
Ola, gustaríame saber se podo utilizar unha das imaxes desta entrada. Non é nada comercial, é para un homenaxe aos 150 anos de Cantares Gallegos.
Se pode ser, senón nada. Moitas grazas.
Sen ningún problema, Xoylhat. Se é con ese propósito non podo negarme. No caso de que precisaras un tamaño maior ou/e máis imaxes dos arredores, podes pedirmas sen compromiso a través da seguinte conta:
ifragamoure@gmail.com
Boa sorte, pois!
Publicar un comentario