"Ás traicións e ás inxurias xordo e cego
sobre todas as cousas deste mundo
arrolar meu amor, nobre e profundo
á redención do escravo chan galego.
E si un día felís contra a inxusticia
nos agros celtas o cramor se escoita,
ser dos primeiros en abrir a loita
baixo a santa bandeira de Galicia.
Seguila sempre, e, lavar o ultraxe
dese feudal, sangrento vasalaxe
que lle impón, contra a lei, a irmán Castela,
ou no aberto combate malferido,
ó pé dun valo vello e frorecido,
unha mañá de sol, morrer por ela!"
Ramón Cabanillas. Vento mareiro
Foron moitas e diversas as formas de vida que
existiron no chan galego ó longo dos séculos. Infindas existencias anónimas e silandeiras
que poboaron dende sempre tódalas terras ó longo e ancho da vella Patria. A historia
de Galicia escribiuse con suor e sangue, con longas e infindas xornadas de
loita e traballo na procura dun porvir, dunha terra onde os seus fillos
medraran libres no chan que herdaron de seus pais. O nobre chan galego foi traballado arreo por
innumerables xeracións de compatriotas, de bos e xenerosos.
As ruínas do Castro de Troña |
Sempre é un privilexio achegarnos ata os recunchos
máis indómitos do país para achar novos e descoñecidos vestixios dos fogares
máis primitivos dos nosos antergos. Desta volta, viaxamos ata o interior das
pontevedresas terras do Condado para adentrármonos nunha das xoias castrexas
máis importantes do chan galiciano. Quen sabe cantas familias, antano, escoitarían
as historias dos vellos a carón das inmemoriais lareiras deste Castro de Troña!
As esquecidas ruelas lembran outros tempos nos que a vida sinxela víase
constantemente ameazada polas guerras entre as diferentes tribos.
A situación
mesma do Castro de Troña fálanos dunha sociedade combatente; a cidadela érguese
impoñente no alto dun outeiro de case trescentos metros de altitude e que
domina os vales do Tea. Este macizo, auténtica atalaia de vixía, sería
empregado séculos despois polos señores feudais que ergueron o Castelo de
Sobroso, na outra cara do monte. O castro atópase na parroquia de Santa María
das Pías, no concello pontevedrés de Ponteareas. Despois das longas escavacións
arqueolóxicas, efectuadas entre os anos oitenta e noventa, este encrave tivo que
agardar ata o 2010 para verse declarado Ben de Interese Cultural.
En torno ó século II a.C., antigas tribos que
vivían en cabanas de madeira e adobe comezaron a ergueren vivendas e muros de
pedra neste outeiro arrodeado de carballeiras. Para podérense adaptar ó
esgrevio terreo, tiveron que escavar socalcos e desenrolar potentes cimentos
para as súas vivendas. A aldea distribuíuse ó longo e ancho do outeiro,
afincándose nas accidentadas ladeiras deste monte. As pequenas vivendas
circulares eran recubertas no seu interior con adobe que se decoraba en tons
ocres. Os teitos de palla tiñan que ser substituídos cada ano, e era unha das
tarefas estacionais máis comúns para estas antigas familias. As vidas camiñaban
ó compás das estacións, das tradicionais sementeiras e das agardadas e vitais colleitas.
Mais os habitantes de Troña tiñan medo. Vivían agardando
as invasións e saqueos de tribos veciñas que, empurradas pola fame, cobizaban
os bens alleos. Naqueles tempos de crise, nos que Galicia era terra de ninguén,
os castrexos víronse na obriga de protexeren a cidadela con rexos muros e un
profundo foxo que se adentra dezaoito metros baixo terra. Mais nin sequera a
rexa fortificación puido frear o avance inevitable do Imperio Romano. A pesares
de todo, baixo o xugo imperial, o Castro de Troña experimentou certa prosperidade. O urbanismo imposto polos
conquistadores aínda semella resistir a pesares do paso do tempo; as escaleiras
seguen en pé, así como as vellas canles que hoxe en día xa non carrexan auga. Os
castrexos de Troña, ante o pequeno auxe que estaban a vivir, ergueron despensas
e engadiron comodidades nas súas vivendas, tales como lareiras, enlousados e ata
pequenos recibidores.
Contan que se teñen atopado varios muíños de man para
moer o gran, auténtico e necesario xerme de riqueza. Pero coa chegada dos romanos, apareceron tamén novas actividades ademais das agrícolas; o comercio
converteuse nunha realidade cotiá, que trouxo un novo xeito de entender o troco. As escavacións, efectuadas por vez primeira
a comezos do século XX baixo a dirección de Florentino López Cuevillas,
revelaron que existiu unha importante actividade comercial con outros lugares
do Imperio tan afastados como as Galias. As decoradas cerámicas, as xoias e os
obxectos de bronce e moedas, fálannos dunha clase acomodada que ansiaba sacar a
relucir a prosperidade e a riqueza da vella cidadela.
Ermida barroca do Doce Nome de Xesús, no alto do Castro de Troña |
Pero a partires do século III d.C., os habitantes
comezaron a abandonar, non se sabe o motivo, a vella aldea de Troña. Os séculos
foron cubrindo de terra e vexetación os antigos fogares desta estirpe de
castrexos esquecidos. Os carballos cravaron as súas raigames na profundidade do
milenario outeiro, e novas crenzas e xeitos de pensar, foron ocupando a
soterrada cidadela. Aló polo século XVIII, a Igrexa ergueu unha capela barroca,
a bo seguro que coa idea de extinguir os derradeiros restos de primitivas
crenzas pagás. Un fachendoso cruceiro proclama o seu dominio sobre o corazón
do castro. De todas aquelas vidas, aqueles fogares, somentes quedan as ruínas.
A herba miúda medra verde por antr’os muros, coma
se o alento dos antergos se quixese sobrepor ó esquecemento. Un vello alxibe,
esculpido nunha mole de granito, reflicte o mesmo ceo azul e as mesmas
estrelas que contemplaban os ancestros dous mil anos atrás. A serpe, símbolo
dun deus pagán, sobrevive gravado nunha rocha na que debeu ser unha das rúas
principais. A carón da fachendosa capela e do ergueito cruceiro, semella que o
antergo petróglifo quixera ceibar un berro de loita, na lembranza de tempos finados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario