mércores, 25 de xuño de 2014

Ante as portas do San Paio de Diomondi


"Cobra de cristal brilante
qu' antre frores,
con fantástecos romores
vas correndo sen parar,
cóntame o que vas dicindo
¡ouh Miño! qu' estout' oindo
e n' entendo o teu falar.

Dime, Miño, se te gabas
d' o tesouro
que vas arristrand' en ouro
y-e dino de se gabar?
que ti sempre vas roxindo
¡ouh Miño! y-estout' oindo
e n' entendo o teu falar.

Cicais cantas, craro Miño
as bellezas
y-as espréndedas riquezas
que refrexas ô pasar,
y-a miñ' alma está sofrindo...
¡a tua canción oindo
n' entender o teu falar!"
Filomena Dato Murais, Follatos

Fai un tempo, namentres visitaba a Ribeira Sacra e o chantadino Muíño de Tarrío, sentín a necesidade de vos ensinar algúns dos máis históricos e senlleiros santuarios que se espallan polas intricadas e socalcadas ladeiras do Miño. Por antr’estas ribeiras tiveramos a sorte de coñecer, anos atrás, as lendas e a historia de San FacundoSanto Estevo, e a Igrexa de San Martiño da Cova, que fica de fronte ó impresionante meandro de Cabo do Mundo. Mais aínda nos quedaba por coñecer outro senlleiro santuario que formou parte dun mosteiro beneditino irmandado secularmente co de Santo Estevo. Estamos a falar da Igrexa de San Paio de Diomondi, outra importante mostra do Románico galego na Ribeira Sacra. 

Esta antigo santuario localízase na parroquia de Diomondi, no concello lugués do Saviñao. Moito nos ten sorprendido este concello. Nel, amais do citado Santo Estevo, tamén coñeceramos a fermosísima Torre da Candaira, as cristalinas augas da Praia fluvial da Cova e os dolmens de Abuíme e Leira da Rapada. O certo é que O Saviñao é un concello rico a nivel histórico, natural e paisaxístico; un lugar moi especial que sempre nos obriga a retornar. Non lembro moi ben cómo deramos chegado até Diomondi, somentes que o fixeramos logo de coñecer os segredos que agocha Santo Estevo das Ribas do Miño. En Diomondi, nada máis albiscar a igrexa, decatámonos que a antiga casa reitoral estaba a ser rehabilitada, polo que decidimos centrarnos somentes no templo. Achegámonos paseniño até a fachada da igrexa do antigo mosteiro beneditino de Diomondi e comezamos a contemplar as moitas similitudes que garda co veciño Santo Estevo. A Igrexa de Diomondi, ó igual que Santo Estevo, foi declarada Monumento Nacional no ano 1931. Ámbalas dúas comezáronse a construír a finais do século XII, e presentan unha estrutura común; planta rectangular, muros de cachotería granítica e cuberta a dúas augas. A fachada, aínda sendo máis simple que a de Santo Estevo, tamén garda moitas similitudes coa súa igrexa irmá, pois posúe unha porta abucinada enmarcada por catro arquivoltas que descansan sobre chapiteis historiados e columnas de mármore. Por se fose pouco, a ámbolos dous lados da porta principal do templo achamos, ó igual que en Santo Estevo, dous arcos de descarga que conforman portas cegas. 


Achegámonos agora até a porta mesma destoutro templo da Ribeira Sacra para ollar de preto outra característica que o emparella con Santo Estevo, as súas pétreas e misteriosas criaturas. Baixo da porta deste sacro edificio achamos unha gran cantidade de figuras que sobresaen de todos e cada un dos seus chapiteis. Achamos figuras humanas con corpos cuadrúpedes que contiñan arcos e frechas, tal que saxitarios, amais de paxaros e outras representacións animais. No tímpano, liso, acharíamos tamén as cacholas do que semellan ser dous lobos, ou cans, coas orellas gachas e mostrando os seus dentes afiados. Contan que no interior deste templo consérvanse retablos neoclásicos, unha pía bautismal do século XIII e unha crus de prata do século XVIII. Abandonamos San Paio de Diomondi, estoutra mítica igrexa con pasado monacal, estoutra importante mostra do Románico galego, namentres o sol, agonizante, comezaba a afundirse antr’as lombas do val e a tinguir de nostalxia as ensanguentadas ladeiras do sacro mencía. 

venres, 20 de xuño de 2014

"A Cidade" de San Cibrao de Las


“Chega ond'a cerca do castro,
mira pro fondo do val,
finca na parede o codo,
deita a cabeza na mau,
e namentras que coa outra
arricando musgue está,
pensatible, triste e morno,
así se pon a falar:
-Alá van os nosos eidos,
a miña casa alá vay;
xa me mataron os fillos,
matárom'a muller xa;
morreron os nosos homes
que souperon peleyar,
morréron-nos os druidas
servidores de Teutás,
e matáron-nos as virxes
que'andaban ó pé do altar
ca fouce d'ouro no cinto
y-a vara verde na mau.
Xa queimaron a devesa
consagrada á soledá...”
Arcebispo Lago, O derradeiro celta

Xa facía ben tempo que non me achegaba até a histórica e sempre sorprendente Provincia de Ourense, -até as terras do ouro, do viño e das burgas-, até as serras que manan augas puras e transparentes. Retornamos até estas terras non somentes pra mergullarnos nas súas quentes e menciñeiras augas ou deixarnos tentar polos caldos do Ribeiro, senón pra coñecer tamén parte da historia desta provincia, e do noso país, a través dos derradeiros e meirandes achados castrexos que atesoura. Desta volta viaxei acompañado polos meus amigos cascarilleiros Adrián, Facun e Fariña. Tiñamos como obxectivo percorrer a franxa máis occidental da provincia, concretamente, as comarcas do Carballiño, Ourense, Celanova e O Ribeiro. Nas tres primeiras comarcas agardarían por nós os asentamentos castrexos de “A Cidade” de San Cibrao de Las, o Castro de San Tomé e o senlleiro Castromao. No Ribeiro, uns viños e un xantar baixo a sombra dun granítico soportal xudeu.


O noso primeiro obxectivo sería coñecer “A Cidade” de San Cibrao de Las, o meirande asentamento castrexo do chan galiciano, somentes comparable co de Santa Trega, no concello pontevedrés da Garda, e coas citanias do norte de Portugal. Viaxamos pois cara esta antiga e xigantesca cidade fortificada, aínda en proceso de escavación, coñecida antano como Lambrica, Lanobrica, Lansbrica ou Lansbricae. Esta cidade castrexa localízase nun pequeno outeiro que divide os concellos de San Amaro e Punxín, máis concretamente, entre as parroquias de San Cibrao de Las, de San Amaro, e a de San Xoán de Ourantes, do Concello de Punxín. Chegamos a San Cibrao de Las unha solleira e calorosa mañá de maio, era cedo e aínda non se albiscaba xente polo lugar. Nada máis chegar, ficamos abraiados ante a grandeza desta antiga cidade amurallada. Baixo dela, albiscamos tamén un moderno edificio que alberga o Centro de Interpretación.


Achegámonos de vagar até a entrada principal desta antiga e xigantesca cidade ollando unhas murallas que semellaban infindas. Unha vez atravesada a porta, franqueada por dúas torres circulares, comezamos a camiñar sobre dunha pétrea calzada que semellaba conducirnos até o máis alto; até o centro mesmo desta antiga e monumental "Cidade". Nesta calzada puidemos apreciar as rodeiras de antigos carros talladas nas pedras. Estabamos dentro xa de San Cibrao de Las, o asentamento castrexo máis grande do noso país. A ámbolos dous lados da calzada principal albiscamos unha gran concentración de construcións galaico-romanas. Crese que este castro, esta Cidade, puido ser habitada entrámbolos séculos II denantes de Cristo e o II despois de Cristo, ou iso é o que semella desprenderse dos estudos arqueolóxicos levados a cabo e dos restos achados nas escavacións. Trátase dun xacemento correspondente á etapa final da cultura castrexa, un momento no que o xeito de vida de castrexos e romanos se estaba a mesturar.


Como diciamos anteriormente, esta cidade era coñecida como Lansbricae, ou iso é o que semellan revelar os documentos medievais e as diferentes inscricións achadas neste castro. Unha destas inscricións apareceu na porta de poñente do recinto central, namentres que outra foi achada na superficie dunha rocha da acrópole. Esta "Cidade" de San Cibrao de Las posúe dous recintos amurallados circulares, case que elípticos, e ó mesmo tempo tamén case que concéntricos. A primeira muralla que vimos, a exterior, fica reforzada por unha terceira muralla e conta tamén con foxo e parapeto. A muralla interior, que é a que delimita a acrópole, posúe unha anchura duns tres metros e pénsase que na súa parte superior puido existir un paseo de rolda; tanto pola anchura da muralla como polas escaleiras achadas nos muros. 


Este impresionante castro, ó igual que outros moitos xacementos arqueolóxicos como a Anta de Argalo ou o a Arca da Piosa, foi o soño e o anhelo de escritores e historiadores, de ilustres e inmortais galeguistas. De feito, a meirande parte das escavacións levadas a cabo en San Cibrao de Las estiveron directamente estudadas, dirixidas i executadas por insignes personaxes galegas como López Cuevillas ou Xaquín Lorenzo “Xocas”. Os seus nomes, e os doutros moitos ilustrados, ficarán por sempre na historia deste castro. Detémonos pois a profundar un pouco na curta historia coñecida de San Cibrao de Las, a romanizada Lansbricae; o castro máis grande do chan galiciano.


Os primeiros estudos realizados neste castro xurdiron aló polo 1921, logo de ser visitado polos mesmísimos Florentino López Cuevillas e Vicente Risco. Moito lles debeu impresionar esta "Cidade" para que nese mesmo ano solicitasen a documentación e os permisos oportunos para realizar a primeira escavación oficial. Tan somentes un ano despois, no 1922, e baixo a dirección de López Cuevillas, levaríanse a cabo os primeiros traballos no recinto interior, onde inicialmente foron achados os muros dunha construción de planta cuadrangular. Os traballos de escavación continuaron até o 1925, abarcando a franxa sueste do asentamento e sacando á lus construcións de diferentes tipos, tal que circulares, cadradas, rectangulares, ovaladas, etc. Nestas escavacións tamén foi achado un alxibe. A partires do ano 1948 levaríase a cabo unha segunda escavación. Desta volta dirixida polo historiador i escritor ourensán Xaquín Lorenzo “Xocas”, mais coa estreita colaboración e apoio de López Cuevillas. Xocas dirixiría dúas campañas nas que se abarcaría o centro do castro, e nas que sairían á lus construcións de plantas circulares e rectangulares, así como tamén, as portas da muralla interior. Máis tarde, namentres escavaban na ladeira de poñente, acharían tamén a muralla exterior e volverían a escavar o alxibe. No ano 1953, o castro sería visitado polos asistentes a un Congreso Nacional de Arqueoloxía onde se recoñeceu a súa importancia e as súas dimensións. Malia todo, isto non impediu que se sucedesen danos i espolios no castro. Foi entón cando o historiador Xesús Ferro Couselo conseguiu deter, mediante denuncias, a salvaxe extracción de pedra que estaba sufrir a Cidade de San Cibrao de Las. No ano 1980 comezarían as labouras de limpeza, mantemento e consolidación das estruturas, así como tamén novas campañas de escavación. 


Namentres percorriámolo recinto inferior, o primeiro recinto amurallado, a meirande parte das construcións que achamos posuían unha planta cadrada ou rectangular e algunhas dispuñan tamén dun patio. Ficamos pampos ante a gran cantidade de construcións que se concentran somentes neste recinto. Logo de percorrermos a meirande parte da franxa inferior deste castro, o primeiro recinto amurallado, e denantes de volver de novo cara a rúa principal para continuar ascendendo até acadar o recinto amurallado interior, decidimos deternos a ollar a fonte alxibe. Este alxibe atópase detrás mesmo da porta principal da muralla exterior. Posúe unha planta rectangular e crese que no pasado puido ficar baixo unha falsa bóveda que lle serviría de cuberta. A bo seguro que este alxibe debeu ser un lugar ben frecuentado polos últimos castrexos e romanos que eiquí cohabitaron. Volvemos de novo cara o vieiro principal, onde volvemos a achar as marcas das rodeiras de antigos carros romanos tatuadas nas rochas.


Á fin estabamos ante as portas da gran acrópole de San Cibrao de Las. O derradeiro tramo deste camiño resultaba un pouco intricado e presentaba unha considerable pendente. Contan que antigamente o acceso á acrópole era mediante escaleiras, para evitar a entrada dos carros. Nada máis atravesar a porta achamos á nosa esquerda dúas construcións. Unha delas de planta cadrada e outra circular. Tras delas achamos o resto, de diversas plantas e illadas entre si. Dende o alto albiscamos a grandeza deste xigantesco asentamento, a impresionante paisaxe da contorna e o moito que queda aínda por saír á lus daquela Lansbricae. Sentamos no alto dos muros e ficamos, por un anaco, mudos e absortos ante a paisaxe, ante a historia e a natureza que eiquí se aperta, sentindo nos bandullos a vertixe que provocan a altura e os séculos.


Tódos e cada un dos utensilios e materiais achados neste castro fican agora no Museo Arqueolóxico da Provincia de Ourense. Entre eles destaca unha gran cantidade de adornos e moedas de bronce, amais dunha gran cantidade de vaixelas de variadas formas. Moitas destas moedas e vaixelas, ó igual que en Neixón, procedían de intercambios comerciais que mantiñan con outros pobos estranxeiros.


Logo de coñecer esta impresionante e xigantesca "Cidade", de empaparnos da súa historia e de recrear a vida cotiá daquela sociedade galaico-romana, decidimos poñer fin a esta nosa visita e proseguir na procura dos máis senlleiros castros desta fermosa i esquecida provincia. Foi todo un honor e un privilexio coñecer San Cibrao de Las, a romanizada Lansbricae; o castro máis grande do noso país. Oxalá que a historia deste castro non esqueza nunca os nomes dos insignes galegos que o sacaron á lus.

xoves, 5 de xuño de 2014

A Ermida da Virxe do Porto


“Marianiña vay secando,
A probe sin sangre queda,
N'hay alimento que tome,
N'hay augua que ll'apeteza.
Amigas n'hay qu'a consolen,
Músicas n'hay que a entreteñan,
Y â vista do sol acora,
Y â vista das frores tembra.
A sua nay anda tola
En busca de santas erbas,
Que n'o leito de Mariana
Pon de noite â cabeceira,
E vay d'hermida en hermida,
Leva ofrenda tras ofrenda.
Á cada bendita virxe,
Á todo-l-os santos reza
Y âs ánimas lles pon luces
Para que pidan por ela”.
Rosalía de Castro, Follas Novas

Esta pasada fin de semana, o meu bo amigo Samuel e máis eu, decidimos achegarnos até as terras do noroeste galaico co obxectivo de coñecer os máis envexábeis areais da costa da Ferrolterra, e xa de paso visitar algúns dos máis feiticeiros recunchos que atesouran estas costas, estas Rías Altas galegas. Xa facía tempo que non pisabamos estas terras proletarias e loitadoras, i estes antigos dominios dos Andrade. Nesta recente e fugaz viaxe tiñamos unha prioridade, a de coñecer unha das capelas mariñeiras máis sinxelas, inusitadas e feiticeiras que atesoura este noso país. O noso obxectivo principal non era outro que a Capela da Nosa Señora do Mar, tamén coñecida como a Ermida da Virxe do Porto. Para dar con ela debiamos achegarnos até o Concello de Valdoviño, i en concreto, até a parroquia de San Vicenzo de Meirás. A capela ficaría no estremo sur da senlleira Praia da Frouxeira, preto da Punta Frouxeira. Este concello coruñés pode gabarse de posuír os mellores areais destas terras, coma o da citada Frouxeira ou o de Pantín. Este último é moi frecuentado polos amantes do surf. De feito, cada mes de setembro celébrase nesta praia o campionato internacional de surf “Pantín Classic”. 


Chegamos a Meirás sen dificultade, e o primeiro que vimos ó lonxe foi a vertical silueta do faro de Punta Frouxeira, un dos máis modernos do país; construído no ano 1992. Denantes de chegar ó faro, desviámonos á esquerda e comezamos a descender cara a Praia de O Porto. De camiño á praia comezamos a albiscar a branca e diminuta capela que procurabamos, que semellaba erixirse sobre dun petouto e a carón do mar. Denantes de chegar até a capela tivemos que arrodear o enreixado dunha vella e decadente piscifactoría. Ó pouco de deixar atrás a susodita piscifactoría, á fin comezamos a albiscar de fronte a nós, antr’os cons, o claro refulxir da branca e feiticeira capela, á fin estabamos ante a Ermida da Virxe do Porto, a carón do santuario dos mariñeiros de Meirás. A Ermida da Virxe do Porto fica sobre dun pequeno illote na beiramar, acariñado i azoutado polas mareas, rabuñado pola furia indomable do Atlántico. A esta fermosa capela somentes podemos achegarnos coa marea baixa, pois cando esta sube, a ermida convértese en illa e afástase do mundo terreal. 


Detivémonos sobre dos cantís e de fronte a aquela fascinante estampa. Maxinamos os temporais da pasada invernía nesta, tamén, bravía i asasina costa, as xigantescas ondas que deberon asolagar i escachar sobre deste sacro petouto. Percorremos uns cantís ateigados de herba namoradeira tratando de procurar a mellor cara deste santuario mariñeiro. Foi unha mágoa non coñecer este recuncho coa marea alta, mais coido que coa baixamar tamén ten o seu encanto. O certo é que este recuncho presenta un aspecto moi variable en función do estado da marea, algo que o fai máis máxico e sorprendente. Esta capela atesoura unha fermosa lenda que conta como uns mariñeiros do lugar atoparon unha imaxe no mar e, logo de recollela, levárona a terra firme. Ó día seguinte, aqueles mariñeiros volveron a atopar a imaxe flotando no mar, polo que non dubidaron en volver a recollela e facerlle unha capela, outorgándolle a esa imaxe o nome de Virxe do Porto. Cada verán celébrase neste fermoso lugar unha romaría na que se saca á virxe en procesión.


Foi todo un privilexio coñecer esta Capela da Virxe do Porto, esta ermida da beiramar, este illote que semella pendular o ritmo das mareas. Logo de percorrer estes impresionantes cantís e fitar cada unha das caras desta capela dende terra firme, decidimos emprendelo camiño de regreso desexando que esta Nosa Señora do Porto siga a resistir os embates do fero Atlántico para guiar, protexer e saudar ós mariñeiros que, cada madrugada, lle gañan un pulso ó bravo mar e ás súas propias vidas.