“EU, príncipe das tebras e da luz,
xiro
e xiro
coma un muíño que agardase nunha páxina
a inmortalidade literaria
a máis ferinte
porque é quen de confundir a memoria das xentes
de facer dun triste muíño
un ser xigante
ao son dun olifante
que nunca soou”.
Estíbaliz Espinosa, Pan (Libro de ler e de desler)
Voltamos á Comarca da Ferrolterra con ganas de coñecer máis polo miúdo algúns dos tesouros e recantos máis singulares que deixa tras de si o serpeante curso do Río Xuvia. Este río coruñés, coñecido tamén como Xubia ou Río Grande do Xuvia, nace nos montes do Concello de As Somozas, a uns escasos 500 metros de altitude, e percorre uns 30 quilómetros a través dos concellos de Moeche e San Sadurniño denantes de morrer conformando a Ría de Ferrol. Mais xusto denantes desa morte, desa mestura de augas doces e salgadas, o curso deste río verá represadas as súas augas por derradeira vez a carón do Muíño Grande, no esteiro do Xuvia, nos límites entre os concellos de Neda e Narón. Viaxamos cara as antigas Terras de Trasancos co obxectivo de coñecer o treito final do Río Xuvia e repasar a historia dun dos muíños máis grandes e importantes do noso país, agora baleiro e abandonado.
O Muíño Grande localízase no núcleo orixinal da antiga poboación de Xuvia, un concello independente que foi absorbido no ano 1837 coa constitución do Concello de Narón. Estas terras tiveron dende antano unha gran actividade industrial. Nesta antiga poboación, aló polo século XVIII, asentáronse importantes industrias e factorías da Terra de Trasancos. O motivo principal deste desenrolo e asentamento industrial foi a estratéxica localización do lugar no interior da Ría de Ferrol para complementar a industria do naval e aproveitar os seus recursos enerxéticos. Ó pouco de chegar a Narón, e logo de atravesar o núcleo urbano rumbo a Neda, achamos a ponte que une e separa estes dous concellos; a Ponte de Xuvia ou Ponte dos Andrade. Dende esta ponte, de orixe gótica, puidemos albiscar os dous obxectivos que procurabamos; o derradeiro tramo do Xuvia e os muros do Muíño Grande. Agora somentes nos restaba achegarnos até este histórico edificio, até a beira mesma do río, para tratar de profundar un pouco na historia deste importante muíño que nos nosos días presenta un estado, non de ruína, pero si de abandono.
A historia do Muíño Grande do Xuvia comezou no 1775, ano no que se rematou a súa construción. Foi erixido seguindo o modelo de muíño francés; con limpadores e peneiras accionados tanto de xeito hidráulico como manual. As peneiras empregábanse para clasificar a fariña en función da súa finura, i estas de Muíño Grande clasificábana até en cinco tipos distintos. Estas pezas, as peneiras e limpadores, foron importadas dende a Franza expresamente para estas instalacións. Aló polo 1858, este Muíño Grande do Xuvia foi, dentro da súa clase, o principal muíño do país en capacidade de produción. Esta antiga e importante factoría de moenda recibía o cereal chegado en barcos dende Santander, dende o Báltico e mesmo das Américas. Nembargantes, o tempo foi mudando este importante muíño e trocando o seu uso e as súas faenas. As labouras de moenda deixarían paso a outras actividades industriais con maior demanda na época. Os muros i estancias de Muíño Grande serían reconvertidos e chegarían a albergar unha factoría de papel, outra de tecidos e unha siderurxia de laminados de cobre. Antano, na outra ribeira do río atopábase tamén a Real Fábrica de Moeda de Xubia, que se abastecía da enerxía xerada pola Presa do Rei.
Esta factoría de moedas, ó igual que o Muíño Grande, tivo que mudar co paso do tempo a súa actividade empresarial, a súa produción, chegando a albergar nas súas instalacións unha factoría de cobre e outra de armas, mais sempre co obxectivo de abastecer os arsenais da Mariña. Dende o alto da Ponte dos Andrade puidemos ollar tamén outro edificio en ruínas que debeu ser un ir e vir de xente na súa época; as oficinas do Banco Hispano Americano. Cústanos maxinar a importancia que debeu ter a nivel económico e industrial a antiga vila de Xuvia. Quen sabe cantos obreiros e cantas familias atoparían nesta antiga e desaparecida vila, neste fondo da Ría de Ferrol, o comezo das súas vidas, o seu porvir, os seus soños e as súas espranzas. Denantes de liscar, cruzamos a ponte e a estrada de Castela para ollar unha árbore, un xigantesco magnolio, que chamou a nosa atención. Trátase do Magnolio da Raíña, e calcúlanselle uns 300 anos de antigüidade. Hai quen di que pode ser o único magnolio desta idade que se conserva no noso país. Baixo a sombra desta senlleira árbore, e logo de coñecer unha pequena parte da historia deste muíño e deste recanto do Xuvia, decidimos emprendelo camiño de volta desexando que estas terras resistan a cruel e inxusta crise que estamos a sufrir, e volvan a ser o abeiro do porvir, dos soños i esperanzas das familias dos obreiros, sempre loitadores, da Comarca da Ferrolterra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario