martes, 1 de abril de 2014

As ruínas da Torre de Friol


“E pasei outra volta pola beira
do pazo fachendoso
que recorta no val úbedo e fresco
a grácil cheminea
e a torre derretida polo tempo.
E de novo a tenaz hipocondría
sentoume nunha pedra do carreiro...
O pazo de Galicia
cubre a nobre fachada de granito
de areiras, musgo, líquenes e cinza
que lle dan a fasquía turbulenta
dos iris fuxidíos,
das pátinas de néboa”.
Miguel A. Mouriño, Camariña: Sete cruces e unha esperanza

Fai un tempo, namentres percorriámola Comarca de Lugo, e máis concretamente o Concello de Friol na procura do Dolmen da Moruxosa e a Fortaleza de San Paio de Narla, achamos no núcleo urbano deste concello lugués, a carón da estrada que o une con Palas de Rei, un pazo abandonado que chamou fortemente a nosa atención. Estabamos na parroquia de San Xián, na capital municipal de Friol, ante un dos fogares nobiliarios máis antigos desta verdescente provincia; o Pazo Fortaleza ou Torre de Friol. Achegámonos até este antigo fogar en ruínas, até este noutrora “pazo fachendoso”, movidos por unha profunda curiosidade. Contan que este antigo fogar, esta casa forte, puido comezar a erixirse aló polo século XIII, ou iso é o que semellan revelar uns gravados de signos lapidarios que foron achados nos restos dos muros interiores; similares a outros achados en igrexas e fortalezas erixidas naqueles tempos e polas terras de arredor. Esta fortaleza segue a ser nos nosos días unha propiedade privada, polo que non se permite a entrada ó interior do edificio.


Namentres percorriamos o exterior deste edificio, achamos na súa parte traseira a Torre da Homenaxe que dá nome a este pazo, a esta casa grande, a esta fortaleza. A torre deste antigo fogar nobiliario de Friol, de planta cuadrangular, carece nos nosos días da altura que debeu ter nos seus mellores tempos. Esta fachada do edificio orientada ó poñente, onde achamos a torre, coñecese co nome de “vara alta”, e agocha unha planta case cadrada, duns 10,60 por uns 10,40 metros. Voltamos de novo cara a fachada principal desta casa forte, a que dá ó patio, ollando as fendas que percorren boa parte dos seus muros. Na parte superior dereita desta fachada ollamos dúas pequenas ventás. Á esquerda desta aparece a fachada da vivenda, máis tardía, posiblemente do século XVII. Esta fachada conserva unha porta en arco e un balcón voado, sobre duns soportes graníticos, delimitado por balaústres de ferro. Estas fachadas principais sufriron numerosas modificacións ó longo da súa historia. 


Esta torre ou fortaleza, este pazo ou casa grande, foi o antigo fogar da estirpe dos Prado, descendentes todos eles da casa real de León. De feito, nunha das portas de acceso a esta fortaleza consérvase unha inscrición gravada que reza: J. ANTº DE PRADO. Segundo o “Diccionario Nobiliario” de Julio de Atienza, as orixes do apelido Prado son galegas, e poden descender dun infante leonés que tivo un fillo cunha doncela nun prado. Ao parecer, cando o fillo naceu e coñeceu tal suceso, decidiu tomar Prado por apelido. Este apelido foi estendéndose por toda a Península Ibérica. Contan tamén, que amais da xa citada inscrición gravada nunha das portas de acceso ó edificio, foi achado un escudo nobiliario moi desgastado no costado esquerdo da vivenda, sobre dun liso lintel dunha porta de servizos. Tanto a inscrición como o escudo son as mellores probas de que este pazo, torre ou fortaleza, foi o fogar de boa parte da estirpe dos Prado.


É toda unha mágoa ver este importante e histórico edificio nun estado tan ruinoso, tan baleiro, tan escuro e silencioso. Ollamos as diferentes portas e ventás, as profundas fendas que presentan a meirande parte dos muros, os teitos de lousa derrubados, “a grácil cheminea e a torre derretida polo tempo”. Quen sabe o que lle agardará a esta vella torre que hoxe agoniza, a esta ruinosa fortaleza, a este antigo e nobiliario fogar da estirpe dos Prado. Deixamos tras de nós este edificio, esta torre, este fogar, coa ollada posta nos misteriosos muros da “nobre fachada de granito" e desexando que o destino lle devolva algún día todo este tempo perdido, a súa estirpe, a súa vida, e por suposto, a súa fachenda.

2 comentarios:

navegacruz dixo...

Fermosas fotos, coma sempre, con ese ceo gris tan propio destes días...O pazo, dos Prado, fíxome graza, pois son Prado por parte de nai!
Unha aperta, Mouro.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Prezadísima compañeira Cruz!

Non sabes o que me alegro de ler, e até escoitar, as túas verbas sempre reconfortantes. Alégrome que voltases a esta fraga, e moito máis de saber que eres unha descendente desta estirpe nobiliaria dos Prado. Que casualidades ten a vida! Unha vez máis, grazas polo teu comentario.

Unha aperta compañeira!!