“Érel-o vivo semello
do tempo consomidor,
a vida cargand'a tolva,
e él royendo treidor.
Tamén coma tí, tolviña,
meus pensamentos dán grán;
pro cán n'o muíño do mundo
e coma foula s'esfán.
Róla, róla, non te pares,
muiñíño de meus pais,
mentras tí rolas eu penso
pra meu tormento nomais”.
Francisco María de la Iglesia, D’o mar e d’a terra
Esta pasada semana, namentres percorría boa parte da sempre fascinante Ribeira Sacra Miñota por asuntos alleos ás miñas viaxes, tiven a sorte de atopar un máxico e belido recuncho que chamou a miña atención e que non dubidei en coñecer e retratar. Tratábase dun vello muíño e unha fascinante fervenza que ficaban inmersos nun frondoso e húmido val. Este pequeno verxel, este anaco de historia, maxia e natureza, atópase no lugar de Tarrío, na parroquia de San Fiz de Asma, no Concello de Chantada. Albisquei este pequeno pero espectacular recuncho a carón da estrada LU-533 que une as localidades luguesas de O Saviñao e Chantada, pouco despois de atravesar o minguado curso do Miño, pouco despois de ver como as súas augas son inxustamente represadas pola man humana no Encoro de Belesar.
Dispúxenme a descender por unha intricada ladeira para ollar máis de preto esta sinxela pero espectacular paraxe, mais xusto denantes de comezar a descender cara o val, vinme arrodeado dunha infinidade de ringleiras de paus que semellaban guiar as vellas cepas das ribeiras socalcadas de Tarrío; estaba a pisar de novo as terras ensanguentadas, as húmidas ribeiras do mencía. Namentres descendía puiden ollar tamén unha infinidade de especies arbóreas que mergullan as súas reigames nas doces augas do río. Segundo me ía achegando até o muíño, achei á miña esquerda unha pequena leiriña ateigada de cultivos que non poden faltar na cociña tradicional galega; tal que allos, cebolas, patacas, grelos e verzas.

O río que, coas súas forzas e correntes, fixo xirar o rodicio, o eixo e as moas deste vello muíño, foi o Asma, un pequeno curso que nace e atravesa estas terras de Chantada e doa as súas augas ó minguado curso do Miño, logo de que este sexa represado no Encoro de Belesar. Agora xa non semella xirar roda algunha, as pezas fican danadas, esnaquizadas polo tempo e as crecidas. Ó igual que os muros do edificio, que presentan unhas profundas fendas case que irreparables. Quen sabe canto gran terían moído as moas deste muíño, quen sabe canta fame terían quitado. Nos nosos días, posiblemente sirva como alpendre para gardar os apeiros do campo, xa que fica pechado e a carón dunhas leiras traballadas. O edificio presenta unha planta rectangular, foi erixido en cachotería de granito e conserva un teito a dúas augas cuberto con tella do país.

Despídome deste pequeno verxel, deste minúsculo paradiso da ribeira miñota, retomando o vieiro que me trouxo até eiquí e denantes de que algún veciño me chame a atención. Abandonei Tarrío ascendendo aquela ladeira e deixando atrás este recuncho onde se mesturan a maxia, a paz, a beleza e a natureza. Oxalá as fendas dos muros deste muíño resistan e lle gañen a partida ó tempo e as crecidas, ano a ano, e por moitos séculos máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario