"E nun mesmo vagón xuntaría
á Samaritana e o Pozo de Augas Vivas,
as Taboas do Sinaí e as Boaventuranzas.
E tudo ardería coma unha Zarza Ardente
nas fogueiras da Noite lnterminabel
alcendida para purifica-lo sangue
ate o cabo do mundo".
Tomás Barros, Vieiros de Señardade
Voltamos de novo a naufragar nas máxicas ribeiras que o Miño e o Sil foron rabuñando dende tempos remotos. Desta volta desexabamos coñecer unha paraxe natural da ribeira miñota que fica ateigada de paz e natureza, un recanto arrodeado de auga, vides e socalcos. Viaxamos cara o concello lugués de O Saviñao, inmerso nas Terras de Lemos, onde a auga, mais ca un sinxelo ben, é toda a súa riqueza. Xa tiveramos ocasión de coñecer algún que outro recanto inesquecible neste xeitoso concello. É o caso da Torre da Candaira e da praia fluvial de A Cova. En Seoane, moi preto desta marabillosa praia e na mesma parroquia de A Cova, ficaría o noso novo obxectivo. Estas terras fican dende a noite dos séculos nutridas por numerosos ríos como o Pez, o Saviñao, o Barrantes, o Porriño, o Sardiñeira e, por suposto, o Miño. O curso do noso río máis senlleiro semella serpear os outeiros, convertendo estas paraxes en lugares máis fascinantes e atractivos. Desta volta, o noso procurado destino non era outro que o mítico lugar de Cabo do Mundo, un espectacular meandro do Miño semellante a unha punta de terra que penetra no mar. Mais este, nun mar de augas doces. Denantes de chegar ó miradoiro dende o cal teríamos unha fantástica panorámica de Cabo do Mundo, decidimos coñecer a igrexa monacal de San Martiño da Cova, en O Priorato.
Igrexa monacal de San Martiño da Cova |
Trátase dun templo construído entrámbolos séculos XII e XIII que se erixe no alto das ladeiras, sobre do Miño, e de fronte a unha espectacular paisaxe. Contan que antigamente formaba parte dun antigo mosteiro de cóengos regulares de Santo Agostiño. Puidemos fitar os seus altos muros de cadeirado, o seu teito a dúas augas e a súa portada, enmarcada por un arco de medio punto. Ollamos tamén os motivos vexetais presentes nos chapiteis, as pétreas follas das vides. No seu interior, esta igrexa conserva pinturas do século XII e retablos dos séculos XVII e XVIII. Logo de coñecer o templo, decidimos coller rumbo ó miradoiro. De camiño a Seoane, pasamos a carón das instalacións adegueiras da firma Abadía da Cova e xa comezabamos a dar boa conta da beleza paisaxística do lugar e da feiticeira paraxe que estabamos a piques de coñecer. Nun abrir e pechar de ollos chegamos ó Miradoiro de Cabo do Mundo ou Miradoiro de A Cova. Foi unha sensación incrible e difícil de explicar. Diante de nós ficaba un maxestoso meandro que semellaba a punta dun cabo visto dende o mar. Ao seu redor puidemos ollar numerosos socalcos e unhas ladeiras ateigadas de vides e de adegas. O Río Miño foi traballando estas ladeiras ó seu antollo e conformando paisaxes tan marabillosas coma esta. Cabo do Mundo é a súa obra mestra.
Ficamos abraiados ante tal mostra de beleza, ante aquel cabo de augas doces traballado dende sempre polo noso máis senlleiro río. Este río que dende antano nutre os intricados socalcos onde se cultivan gran parte dos máis prezados caldos da Ribeira Sacra. Os romanos, aproveitando o clima suave que predominaba, e segue a predominar nestas terras, foron os primeiros que non dubidaron en traballar estas sacras ladeiras e cultivar as vides, das que logo sairía o tan prezado tesouro que eles coñecían como “ouro líquido do Sil”. Logo dos romanos, os encargados de traballar estes socalcos e sacarlles proveito serían os monxes. A Ribeira Sacra fica ateigada de mosteiros tan senlleiros como os de Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa Cristina, San Facundo e Santo Estevo de Ribas de Miño. Nos nosos días, o viño segue a ser o principal motor económico destas terras, o máis prezado tesouro dos veciños dos concellos de arredor. Na meirande parte destes socalcos da Ribeira Sacra, a uva máis empregada é a tinta da variedade mencía. Foi introducida no noso país a finais do século XIX, trocando as cepas de brancellao. No que respecta á uva branca, cabe destacar a variedade Godello. A Denominación de Orixe Ribeira Sacra foi acadada no ano 1997 e divídese nas seguintes zonas: Chantada, Amandi, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Sil e Ribeiras do Miño. Deixamos tras de nós Cabo do Mundo, o Miño, os socalcos e as vides, desexando que nestas terras endexamais se perda esta longa tradición vitivinícola.
Ningún comentario:
Publicar un comentario