martes, 25 de febreiro de 2014

As mouras lousas do Castro da Torre


“Hein d'ir a Cido i a Castro de Brío
baixar i andar pola aurela do río.
Hein d'ir a Céramo cruzal'o Faro i entón
debrocar pra baixo cara Oéncia e León.
Hein d'ir a Vales i a Pena da Airexa
i a un eido solo onde ninguén me vexa”.
Uxío Novoneyra

Na nosa última viaxe ás feiticeiras terras de Novoneyra, ós solitarios eidos do Courel, tivemos a sorte de coñecer unha pequena mostra das máis esquecidas e silenciosas aldeas que aínda resisten nesta dura pero fascinante serra. Logo da visita ós fogares dos nosos avós, procuramos aldeas aínda máis antigas, silenciosas i esquecidas.  A serra do Courel agocha unha boa mostra de restos de castros espallados polos picos e ladeiras que albiscan o curso do Lor. Somentes uns poucos están catalogados, como os de Cido e Brío, presentes na escrita de Novoneyra, ou os de Vilar, Megoxe e A Torre. Este último, o da Torre, é o único que foi escavado i estudado en profundidade; recuperado. Na nosa primeira viaxe a estas terras caurelás xa tiveramos ocasión de coñecer as enloitadas lousas que conforman as antigas e recuperadas vivendas deste castro, así como as fabulosas vistas que se albiscan dende alí. Nembargantes, non nos deteramos moito a analizar a súa localización nin as súas principais características. Na nosa segunda viaxe ó Caurel, quixemos regresar ó Castro da Torre para retratar este antigo asentamento e recrear parte da historia destes nosos esquecidos castros. 


Viaxamos pois cara a parroquia de Folgoso, i en concreto, até o lugar de Sobredo. Adoecía por ensinarlles ós meus amigos Samuel e Adrián os escuros muros de lousa dos primeiros habitantes do Courel e as impresionantes paisaxes que se albiscan dende o Castro da Torre. Un persistente orballo semellaba querer acompañarnos até o castro. Chegamos a Sobredo e agardamos un anaco a ver se escampaba. O ceo mostrábase escuro e con poucas trazas de mudar a mellor, polo que decidimos abrigarnos ben e comezar a ascender a pé até o cumio dun meandro conformado polo Lor onde, a uns 760 metros de altitude, se localiza o Castro da Torre. Non tardamos en chegar, somentes nos restaba aguantar a chuvieira. O Castro da Torre aséntase sobre dun promontorio de lousa dunhas dimensións aproximadas de 150 por 50 metros que se ergue uns 30 metros sobre do terreo que o arrodea. A rocha do chan deste outeiro preséntase núa. Comezamos a percorrer o castro pola rúa principal que o atravesa, ollando as vivendas.  Este castro coñécese como o da Torre porque hai quen di que eiquí existiu, en tempos pasados, unha torre de vixilancia. Este antigo fogar castrexo preséntase ante nós ateigado de maleza e poboado polos breixos. 


As edificacións foron erixidas con muros de lousa, mais tamén se acharon seixos nas fiadas inferiores das zonas máis húmidas. As estruturas das vivendas varían entre planta circular, rectangular con vértices redondeados e rectangulares con esquinas vivas. O castro conserva unha serie de socalcos ou rebaixes na propia rocha onde se asentan parte das vivendas, conformando un foxo defensivo duns 100 metros de lonxitude e uns 15 de profundidade. Tamén conserva un alxibe que a bo seguro debeu apagar a sede daqueles primeiros poboadores. Non resulta doado establecer con certeza o preciso momento no que se comezou a desenrolar a cultura castrexa no noso país, nembargantes, sábese que ocorreu entrámbolos séculos X e V denantes e Cristo, coincidindo co tempo no que os castrexos comezaban a levar unha vida máis estable e sedentaria e co desenrolo das primeiras actividades agrarias. Non é frecuente ver castros no fondo de vales sombrizos, os castrexos adoitaban erixilos nos outeiros, nas ladeiras ou nos máis intricados cumios, ó igual que este Castro da Torre. O obxectivo era situarse nos altos para controlar a contorna, albiscar posibles perigos e anticiparse a eles. 


As zonas altas son moito máis seguras, pois o desnivel do terreo dificulta enormemente a entrada no castro de posibles invasores. As vivendas dos castrexos ficaban, ademais, arrodeadas por fortes murallas e profundos foxos, que, dalgún xeito, aumentaban a súa seguridade. A partires do século II denantes de Cristo, coa progresiva chegada do Imperio Romano, a estrutura, a utilidade e a vida dos castros foi mudando. O declive da cultura castrexa comezaría entre finais do século I e o III despois de Cristo, coa imposición da nova organización política e social galaico-romana. Os castros fóronse abandonando e mesmo sendo empregados para outros usos. Moitos estudosos semellan relacionar a existencia dos castros do Courel coa riqueza mineral que agochan estas terras e que reflicten e descobren, as augas do Río Lor. A meirande parte destes castros da conca do Lor eran mineiros, é dicir, o lugar onde se asentaba a poboación civil que traballaba nas explotacións auríferas e mesmo as tropas romanas que dominaban o noso territorio. Os materiais achados na escavación arqueolóxica sitúan o uso deste castro entrámbolos séculos I e IV despois de Cristo. Dende o alto do Castro da Torre ollamos as fantásticas paisaxes que se estendían baixo de nós, aínda a pesares de que estaba orballando. Logo de coñecer estoutro castro galego e papar unha boa molladura, decidimos abandonar o lugar para procuralo refuxio nalgún que outro recanto máis desta fascinante e paradisíaca Serra do Courel

Ningún comentario: