mércores, 12 de febreiro de 2014

A descoñecida Fervenza de Mince


“Xa embolta se mira
N' espuma que salta,
Do chorro que ferve
Na rouca cascada”
Rosalía de Castro, Cantares Gallegos

Este pasado verán tratamos de fuxir da ardente Compostela para procuralo aire fresco baixo a sombra das fragas e ramaxes que arrodean as innumerables fervenzas que se perden polo noso húmido e verdescente país. Por estas mesmas datas xa tiveramos ocasión de coñecer a Fervenza das Brañas e as augas do Río Furelos no Concello de Toques, aló polas Terras de Melide, nembargantes, liscaramos d’alí coa sensación de non ter coñecido aquela fervenza no seu mellor momento, no seu maior esplendor. O certo é que o estío non é a mellor época para contemplar o enorme caudal destes saltos de auga, mais si para refrescarse e ollar a natureza que os envolve, a infinidade de verdes que os arrodea. Durante a nosa visita á anteriormente citada Fervenza das Brañas, o meu amigo Santi, compostelán de Basquiños e descendente de labregos das terras do Ulla, faloume dunha fervenza moi pouco coñecida que fica perdida nunha aldeíña do Concello de Touro. Ao parecer, o meu amigo adoitaba pasar as súas vacacións de verán por estas terras e a cotío se achegaba, xunto cos amigos do lugar, até aquela fervenza para mergullárense no río. Como non podía ser doutro xeito, convidei a Santi a que me acompañase até alí, devecía por coñecer ese lugar. 


Dirixímonos pois cara o concello coruñés de Touro, i en concreto até a parroquia de Santiago de Prevediños. Namentres viaxabamos, Santi foime contando as particularidades desta fervenza que estabamos a procurar. Ao parecer, carece de todo tipo de indicadores, e para chegar ata alí deberiamos atravesar un intricado e case que selvático acceso. A procurada ruxidoira non era outra que a Fervenza de Mince, un espectacular salto de auga do Rego de Prevediños, un afluente do Ulla que se localiza entrámbolos lugares de Insúa e Mince. Entramos na freguesía de Prevediños e achegámonos ó axitado leito do río pola beira do lugar de Insúa, a través dunha longa estrada que se estende a carón de infindas campiñas. Detivémonos ó final da recta daquela estrada, e tal e como me dixera de camiño o meu bo amigo Santi, alí non atopamos ningún panel informativo nin indicador que nos guiase até a fervenza. Descendemos camiño do río a carón dunha leira de millo, procurando non estragar o traballo dos últimos labregos do lugar. Logo de deixar atrás as verdes leiras traballadas, internámonos na escuridade da fraga, onde xa comezabamos a escoitar o estrondo das augas do Rego de Prevediños. 


Estabamos moi preto da Fervenza de Mince, nembargantes aínda debiamos atravesar unha fraga que xa se presentaba selvática e asolagada de cheo pola maleza. Non existía ningún vieiro marcado que nos conducise ata o lugar. Aínda recordo a cantidade de silveiras que tivemos que sortear, a cantidade de pólas humedecidas que ficaban estragadas pola fraga. Pouco a pouco, o desnivel do terreo foise incrementando de xeito importante, e dende o lonxe xa comezabamos a percibir o bafo da ruxida. Non nos foi nada doado chegar, foi unha auténtica aventura. A humidade e o calor fixéronnos suar abondo, mais a curiosidade por coñecer de preto esta fervenza, tan única e tan descoñecida, íanse incrementando a cada paso. O chan daquela fraga ficaba tan húmido que tivemos que agarrarnos ós troncos das árbores para non esvarar e poder continuar. Somentes nos restaba descender un profundo barranco, a vertixinosa ribeira do Rego de Prevediños, para achegármonos ó mesmo leito do río. Nos derradeiros metros percorridos, o terreo era case impracticable. De non ser por unha longa póla que atopamos na fraga e que empregamos como apoio para descender, non teriamos chegado até a vertixinosa ribeira do regato. Con moito sixilo e por momentos case que a chimpos, conseguimos chegar até o mesmo leito do río. 


Agora si estabamos de fronte á sorprendente e fascinante, a solitaria e descoñecida Fervenza de Mince. Fincamos as punteiras dos nosos pés nas fendas das rochas para non esvarar, pois estas semellaban máis cheas limo e humidade que o chan da fraga que acabaramos de atravesar. Ollamos, inmóbiles, os dous impresionantes saltos de auga do Rego de Prevediños. Como diciamos ó comezo, este caudaloso regato, tamén coñecido por estas terras como Rego de Vilapedre ou Rego de Quintás, é un afluente do mesmísimo Río Ulla. No alto da impresionante fervenza achamos un pequeno muíño abandonado pero en moi bo estado de conservación e ficamos pampos ante a cantidade de auga que baixaba por esta ruxidoira a pesares de que estabamos no verán. Malia que semella moito máis impresionante, esta fervenza acada pouco máis de dez metros de altitude dende o seu primeiro salto. A fraga que arrodea a Fervenza de Mince componse principalmente de árbores tan senlleiras como bidueiros, freixos, salgueiros e ameneiros. Ademais, froito da constante humidade que se respira neste verxel, puidemos ollar tamén unha gran cantidade de fentos e musgos. 


Semella incrible que nos tempos nos que vivimos aínda poidamos achar na nosa Galiza lugares tan fascinantes, e ó mesmo tempo, tan descoñecidos. Deixamos tras de nós este marabilloso verxel, este auténtico descubrimento, con algún que outro apuro. Ó chegar de novo á estrada decatámonos do luxadas e suadas que tiñamos as nosas roupas. Os nosos pantalóns ficaban cheos de lama e desenfiados polas silveiras; as nosas pernas, ensanguentadas. Namentres marchabamos cara Compostela, fomos pensando de novo en cómo é posible que un lugar de tal beleza fique á súa vez tan esquecido e deixado, sen indicadores nin paneis informativos que nos alerten da súa presenza e nos mostren as súas características, a súa historia; sen tan sequera un vieiro que nos achegue ata alí. Por outra banda, tamén poida que estas carencias propicien que esta fraga i esta fervenza semellen máis máxicas e impresionantes aínda; máis auténticas. Sexa como sexa, nos nosos días resulta case imposible, e mesmo un serio risco, achegarnos ata o lugar sen irmos suficientemente preparados. Sería conveniente dar a coñecer esta fervenza e poñela en valor como se merece, pois tanto os veciños de Touro como tódolos galegos e galegas, temos dereito a coñecer e gozar desta ruxidoira, deste afluente do mesmísimo Ulla, sen medo a luxarnos nin mancarnos. Somentes me resta agradecer ó meu amigo Santi a súa axuda nesta aventura e desexar que a sona desta fervenza chegue moito máis lonxe que o terreal camiño das súas augas. 

2 comentarios:

Torres de Prevediños dixo...

De feito, en Prevediños hai duas fervenzas fermosísimas e absolutamente descoñecidas e intransitable o acceso ata elas. Tamén ten media ducia de muiños de auga que se están caendo e non se fai nada para recuperalos. É increible que queden no olvido e mesmo se convirtan en ruinas absolutas. E o concello non fai nada!!!!

I. Iván Fraga Moure dixo...

Prezado lector,

En primeiro lugar quero agradecer enormemente o teu comentario. É unha mágoa que os nosos dirixentes esquezan o valor destas xoias naturais e patrimoniais que poderían ser un auténtico reclamo turístico para o concello. Son moitos os políticos que se amparan na crise para desculpar a súa inoperancia, pero o certo é que moitas veces non é unha cuestión económica, senón unha cuestión de vontade.

Polo que a min respecta, prometo tentar atopar algunha que outra esquecida fervenza máis por esas túas verdescentes terras. Aproveito tamén para convidarte a que te pases por esta fraga sempre que queiras.

Un saúdo e un pracer!