"Romeiro pra Compostela
pasa o vieiro pelengrino,
montado ao lombo da ponte,
sin se mollar no camiño"
Luis Amado Carballo
Tocaba pisalas antergas lousas da sempre húmida Compostela, visitalo Obradoiro, a Quintana, o Franco ou a sempre fermosa Alameda, onde ollei a catedral ó caer o día.
Santiago de Compostela foi, é e será, o camiño de milleiros de romeiros, o fogar dos estudantes e o refuxio de escritores e artistas; o corazón e Capital da Galiza e o berce de pedra dos nostálxicos que, coma min, fuxen do ruído dos coches e das urbes para mergullárense nos ecos murmuradores das silandeiras rúas da pequena pero inmensa Compostela.
Nos soportais, a quenda é para os músicos sen playback e para os debuxantes de boa mestría. Entretanto, á noitiña, son os máis novos os que gañan a batalla das rúas, politizando entre cervexas e bautizando esquinas. Mais é ben certo que en inverno ninguén se libra da chuvia, que testemuña que Santiago siga sendo o que é, a cidade dos artistas, do misticismo e dos amantes da arte e da historia.
Dende aquí somentes dicir que para xantar O Santiso, para camiñar a Zona Vella, para gozar, o París-Dakar e para soñar; Santiago de Compostela. Iso sí, sempre que o tempo acompañe ou como diría Amado Carballo: "sin se mollar no camiño". Lorca tamén deixou os seus versos na cidade e, por se alguén non os gozou aínda, velaí van:
"Chove en Santiago
meu doce amor
camelia branca do ar
brila entebrecida ao sol.
Chove en Santiago
na noite escura
herbas de prata e sono
cobren a valeira lúa.
Olla a choiva pola rúa
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaido
soma de cinza do teu mar.
Soma e cinza do teu mar
Santiago,lonxe do sol
agoa da mañan anterga
trema no meu corazón"
Saúde aos composteláns que cada día transitan as rúas de Compostela.
4 comentarios:
Lembro perfectamente a miña primeira noite en Compostela,escomenzaba a miña experiencia universitaria.Tiven a enorme sorte de aloxarme ese primeiro curso na Rúa do Vilar(a máis fermosa das rúas compostelanas), con vistas ao franco...concretamente enriba do Bar Ourense, mítico onde os haia.Como calquera outro estudante, invadíanme os nervios desa primeira vez, a inquedanza, o desacougo existencial ante o que se me presentaba como un paso importante na miña vida...Decidín saír a explorar as rúas,(molladas case sempre) e o feito de sentir os meus pasos ao camiñar, proporcionoume unha paz e un acougo que nunca olvidarei...é Compostela un dos privilexiados lugares onde ún pode ouvir os seus pasos ao camiñar;iso, nos mundos que corren é unha porción de felicidade roubada a esta vida aloucada que nos tocou vivir.
JOSE MARIA VELAY
FISTERRA.
Muito obrigado por pôr umha foto tam formosa e por falar tam bem deste lugar, barafunda de pedras desgastadas polo caminhar de milhares de persoas molhadas pola chuva. Esse lugar chamado Compostela.
Um saúdo
Santiago... é un deses lugares onde non me importaría perderme....e pasar un longo rato camiñando,sen pensar....
Un lugar onde esconderse....un lugar onde afastarse.
Se hai dous lugares que marcaron a miña existencia, eses son Fisterra dunha banda, e Santiago de Compostela doutra, a miña segunda casa, a cidade máxica... o Olimpo de Pedra.
Non teño máis que engadir a tódalas verbas que xa lle dedicaches a esta cidade dourada. Só me resta que, como habitante dela, un aprende a sentir o seu latexo en cada paso que da sobre o seu pavimento, e en cada rocha que apalpa coas mans.
En definitiva, saúdos dende Santiago, "laio de pedra e cristal"
Xoán
Publicar un comentario