"...mas as paixóns que neste drama ferven, [...], interesan en calquer clima; e na Ribeira do Eo e a Mariña galego-oriental, onde o amor e o mar, como nos versos do Almirante Chariño, misturan e confunden as súas ondas..."
Ricardo Carvalho Calero. Beiramar, Escritos sobre o teatro
Amor e Mar, unha boa menciña que na Mariña resoa. Formada polos concellos de Ribadeo, Cervo, Burela, Foz, Viveiro, Barreiros, Xove, Mondoñedo, Ourol, Valadouro, Vicedo, Trabada, Lourenzá e A Pontenova; A Mariña Lucense abrangue un extenso litoral dende a Ponte do Río Sor, en O Vicedo, ata a fronteiriza e fermosa vila de Ribadeo. Esta terra caracterízase polos seus escarpados cantís, aportándolle misterio e admiración. A de sobra coñecida e transitada Praia das Catedrais (Ribadeo), de fina e branquecina area, sorprende aos visitantes con máis de 300 metros de cantís que a natureza foi pulindo grazas á erosión do vento e do mar, conformando uns arcos que se poden visitar cando a marea baixa. Está catalogada como Rede Natura. É interesante visitar os faros desta costa cantábrica, nos que destacan o de Illa Pancha, en Ribadeo; o Faro de Punta Atalaia, en San Cibrao; ou o de Punta Roncadoira, sito nun encrave de gran altitude, onde escoitar o asubío do vento. Tamén a costa de Lugo ten un importante legado celta, como é o caso do Castro de Fazouro, un asentamento de lousa moi representativo e ben conservado. Atópase na Parroquia de Fazouro, moi preto de Foz. Na Mariña pódense ver multitude de casas coloniais e outros moitos fogares que deixan ver un estilo arquitectónico semellante á popular casa chairega. Visita obrigada a Mondoñedo, antiga capital de provincia e importante foco eclesiástico e artístico, no que cabe destacar a súa catedral, construida en bases románicas e sufrindo ampliacións barrocas, cun rosetón e un cruceiro de estilo gótico. Esta antiga capital deixou escritos na historia, tamén, os nomes de grandes escritores da Literatura Galega, como Noriega Varela, Pardo de Cela, Pascual Veiga, Leiras Pulpeiro e, como non, Don Álvaro Cunqueiro, a quen atopamos na Praza da Catedral observando como o fixera en vida, a súa xente e a súa catedral.
2 comentarios:
Unha das zonas máis singulares da Galicia, sen dúbida. Sorprenden os cantís de lousa, tan diferentes dos nosos da Costa da Morte.
Tampouco esqueceréi xamais aquela visita ó norte galaico. E, dende logo, voltaremos nalgunha ocasión.
Un saúdo dende Compostela!!!
Creo que fun fai 5 anos con meus pais.....,recordo que cando chegáramos estaba a marea alta, e para atopar o sitio déramos unha chea de voltas.
Que fácil parecía todo daquela!
un saúdo!
Publicar un comentario