mércores, 3 de marzo de 2010

O vento amigo da Roncadoira


"Vento mareiro, amigo
dos velamios senlleiros, da nebriña
de ronseles no ar aloumiñada,
do azul lonxano que se volve lila.

Unha frauta delgada de horizontes,
trema na túa voz e dálle vida.

Hoxe as dornas sulcaron,
a sorrisa do mar profunda e nidia.

Hoxe as dornas, beberon o teu sangue na badía.

E ti, beilando muiñeiras tolo
no corazón da noite
onde a forza de Deus anda perdida.

Mans de vidro e de nube,
vento amigo,
medra no teu lecer a moradía"

A. Avilés de Taramancos, As Moradías do Vento

Se queredes escoitar o asubío melodioso do Cantábrico, debedes achegarvos á Punta Roncadoira, no concello lugués de Xove, na Mariña Occidental. O vento amósase salvaxe, mesturándose co mar, izando o voo das aves de paso costeiras, libertarias i emigrantes. Estas fermosas aves son as agónicas donas deste silencioso horizonte, surcando a Ría de Viveiro e as illas Sarón, Farallóns e Coelleira. O Faro, de estrutura cilíndrica e provisto de dúas balconadas, recorda a outros faros do norte, como o de Illa Pancha ou o de Ortegal. Este faro é un idóneo miradoiro onde perder a ollada entre a Praia de Esteiro e Portocelo. O vento farturento de liberdades asubía constantemente para perturbar un silenzo que afoga e ceibar as melodiosas verbas do mar. Que o vento acompañe o voo das xeracionais aves de paso!

3 comentarios:

Bluevenus dixo...

comenteiche na Repi que veria o tueu blog e eiqui estou gratamente impresionada esta moi ben segue asi.

Unknown dixo...

Pois xa sabes, estás convidada a pasar cando ti queiras. Unha aperta

Xoán S. Pazos dixo...

Un deses cabos tan únicos e fermosos coma pouco coñecidos. Sinto xa nostalxia de escoitar o vello Cantábrico dende puntas coma esta.
Fermosa entrada, coma é habitual.
Un saudo,
e saúde, sorte... e república.