venres, 19 de setembro de 2008

Onde non agoniza a Historia: Mondoñedo


"Validos de treidores
a noite da Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo,
xa afloxan as cadeas…
Irmáns asoballados
de xentes extranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
e ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito a libertar a Terra!"

Ramón Cabanillas

Antiga capital de provincia galega, Conxunto Histórico-Artístico, catedral declarada Monumento Nacional e punto importante de peregrinación. Mondoñedo naceu con arte, tradición e traballo, pero a súa historia fala de tempos mellores. Tempos nos que unha Catedral de Mondoñedo, construida no século XIII i eternamente afincada na ollada de Don Álvaro Cunqueiro, tiña máis poder e soberanía. As lousas e ameas escorregaron coma auga de borraxeiras os tempos de Pascual Veiga, creador musical do hino galego dende o seu desterro na Habana. Esta antiga capital acolleu, ademais, a voz e letras de escritores como Manuel Leiras Pulpeiro ou Antonio Noriega Varela, ou o creador de Merlín e Familia e xa nomeado, Cunqueiro. Herdanza britona, castros, dolmes, petroglifos… e a misteriosa Cova do Rei Cintolo, en Supena, da cal contan que ten varios quilómetros de lonxitude.

A historia recende a Castela, traizón, Castelo da Frouxeira e á decapitación de Pardo de Cela. A día de hoxe Mondoñedo semella estar sumida en tempos de calma. O concello está formado por quince parroquias, e a vila ten case cinco mil veciños. Un dos que aínda perviven na lembranza desta terra é Carlos Folgueira, coñecido coma O Rei das Tartas. Foi reposteiro e a súa Tarta de Mondoñedo a bo seguro pasará a formar parte da sempre viva arte desta terra. A nosa visita estivo chea de recordos á xente que nunca ficará no esquecemento, no mesmo que non ficaron as letras nin o son nin, por suposto, as tartas. ¡Longo porvir a Mondoñedo!

Mondoñedo, foi ademáis, berce musical do recoñecido grupo Fuxan os Ventos. Acadaron o Primeiro Premio do II Festival musical de As San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan os Ventos, e por aquela facíanse chamar Folk72.

2 comentarios:

a dixo...

Ola
Ainda que escribo nesta última entrada... o meu comentario e sen dúbida para o Courel, a María do Monteiro.
Noraboa pola parte humana,que lle deches a esta foto...
Por reparar nesas persoas que están o noso carón, e que moitas veces deberían de ser un exemplo para nos de traballo,loita e superación.

Dorian dixo...

As rúas de Mondoñedo fican case sempre baleiras e silandeiras. É o destino do tempo que vai acabando coas cousas, dexenerándoas, volvéndoas... pasado.