
Herba aquí ou acolá
Todo pende en que ún esteña morto
perguntando póla herba que nasce derriba
coma por un novo corpo máis levián,
abaneado pólo vento,
- que trae e que leva a semente -
Herba no monte ou nas rúas da cidade
- aquí podían ser os pés dos vagabundos
que ún se soñara nús unha mañán de cedo -
Canto vai da memoria á herba
por onde terreas pensativas azas
caladamente te recomezan. Ouh abril,
tí liberdado dos vermes e dos ósos
dos ouvidos por onde estabas apegado
a aqueles outros pasaxeiros de traxe novo!
Cando chove adeprendo a beber auga.
Por unha boca que non tiven, abrancuxados
fíos que zugan no terrón e medran:
foron percisos nubes e sol e un sacho
- namentras te valeiras
esqueces os cantos ledos do verán e o merlo
o pan o lume e esa doce sorrisa
que todos tivemos unha vez pousada no peito -
Todo pende en que ún esteña morto
e queira volver ao val e á noite
esmola de home, pasteiro comunal
onde brancas ovellas alindadas por unha vella
pacen seguido sin erguer a cabeza
sin decatarse de ónde ven a herba
que moen e remoen os dentes apertados.
Sin decatarse da resurreción da carne de Álvaro Cunqueiro,
un novo corpo limpo que soñaba co vento,
— beira dun río, quizaves,
ou nun alto —.
Ese alguén de meu que nunca volve
á auga da infancia
sin saber saír do laberinto.
Ese que é outro home que eu levo
derrubado sobre min
ou como a hedra 90 carballos abraza.
En balde lle digo que hoxe recollen
as coloradas mazáns
e que hai que buscar as que caen entre a herba.
Verdadeiramente é como levar un morto
nada apetece e de nada se lembra
preguizoso sombrío. A seu carón vivo
e o eu que canta e volve
mira de esguello pra ónde xaz
e olla cómo apodrecen nel os soños e os anceios
a mocedade que foi e as sorrisas das mulleres
todo o que foi amado e recibido
todo o que foi e nunca máis será.
Pro o eu que vive e anda
resiste e non esquece ren,
despedíndose farto de vida
cando a vida de meu e máila súa acaben.
Pro eu resucitarei que soio volven
os que recordan, compañeiros.
Álvaro Cunqueiro
1 comentario:
Non esquezamos endexamais a Cunqueiro, o gran persoeiro de Mondoñedo. Bueno, o Rei das Tartas case que lle vai á zaga. jajaja
un saúdo dende Compostela.
P.D. Xa hai nova entrada en Promontorium Nerium, a ver se lle adicas uns minutiños a botarlle unha ollada.
Saúde, sorte... e república
Publicar un comentario