"De Xallas; mais coma Xallas,
N' he terra tan agre e estérea;
Préto d'areosa Lage,
Non longe de Pasarela:
As suas casas son brancas,
E unhas pombas asomellan,
Sobr' un tarréo pousadas,
No tempo da sementeira"
Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos
Dende o alto das rosadas, milenarias i escachadas rochas graníticas da enseada do Ézaro, -o único pero espectacular recuncho de mar do concello coruñés de Dumbría-, contémplase a fría morte do Xallas no inmenso Océano Atlántico. Dende o granítico alto da fervenza, a pintoresca vila do Pindo semella minúscula, arroupada polos indómitos mares da Costa da Morte. Os pondalianos "feros corvos" enloitan o ceo dos solpores dos confíns da terra. Semella como se estivesen a escoitar un réquiem de bardos bos e xenerosos para protagonizar a procesión máis antiga e ollar dende o recuncho máis privilexiado a lendaria Fervenza do Xallas.
Esta importantísima xoia natural é o único río do vello continente europeo que desemboca en fervenza sobre do mar, mais por desgraza, a partires do ano 1897 comezaría a ser cruelmente apresado e canalizado pola interesada man humana, decapitado por unha xigantesca presa de formigón. Ás veces o turismo consegue un domingo de liberdade para o pobre Xallas, para abrir un pouco o grifo e sacar unhas instantáneas dunha agónica, programada e paradisíaca morte. A nós tocaranos deleitarnos coas fotos dun Xallas que xa non ensina o seu máis fermoso e digno arte de morrer. Algún día ha volver ser libre, cavilei, namentres albiscaba outra morte, a do sol que cada día tingue de sangue este horizonte, estes confíns de terra, salitre e marusías, alcumados Costa da Morte.

2 comentarios:
Súmome a esta reivindicación:liberdade para o Xallas e busqueda activa e inmediata de enerxías alternativas e limpas que non escarallen o noso maravilloso entorno natural.
Un saudiño ultreiano.
Gracias por sumarte á causa!, sabía que o farías...Unha aperta ultreirana
Publicar un comentario