"O teu ollar espalla nos ronseles
que abrino moitas proas, como arados,
no mouro alfoz das ágoas balbordantes
a semente prolífica dos astros.
Encol da noite aboyan arelantes
as tuas mans de náufrago
y-es muiño de lua en col da terra
movido pol-os ventos afiados.
Luar aventureiro e navegante,
funámbulo na corda do hourizonte,
masteleiro xigante do silenzo,
misa de luz diante do mar insomne...
És ruleta onde o patrón
xoga o ouro da sua vida
e arpón cravado no lombo
da montana fuxitiva".
Luis Amado Carballo, Proel
Os escarpados cantís da costa de San Cibrao |
As silandeiras aves de paso atravesan a costa cantábrica da Mariña lucense, namentres as esgrevias costas de San Cibrao reciben os embates do mar do norte galego. Na costa do Concello lugués de Cervo, arroupado por longos e envexosos areais, érguese a pequena “Península da Paz”. No alto da “Atalaia”, o Faro de San Cibrao vixía as escuras noites deste pequeno recuncho das Rías Altas.
Dende o Alto da Atalaia, onde antano se albiscaban os cetáceos acosados polas carabelas baleeiras, albiscamos a enseada e o porto da pequena vila de San Cibrao. Trátase dunha tranquila poboación que contou sempre con diversas actividades vencelladas ó mar. Xa nos séculos XIV e XV, os curtidos carpinteiros de ribeira construían fermosas e elegantes carabelas para perseguir ás baleas. Os vellos lobos mariñeiros, -homes galegos, cántabros e vascos-, arribaban os corpos destes xigantes do mar nas praias de Cubelas e Areas Gordas. Alí, na mesma praia, eran despezadas. Delas, aproveitábase tanto a carne coma a graxa, que se usaba nas rudimentarias lámpadas da época.
A actividade mariñeira de San Cibrao foi tan próspera que ata chegou a contar con dúas factorías de salazón, aló polos séculos XIX e comezos do XX. Aínda poden albiscarse os muros dunha das antigas factorías, hoxe esquecidas e abandonadas. Dende o alto da Atalaia do Faro, contemplamos a longa liña do horizonte. Na boca da enseada, érguese un pequeno pero abrupto arquipélago que recibe os constantes azoutes do mar e do vento.
Son as Illas dos Farallóns, e nelas as aves de paso fan parada nos seus itinerantes destinos. Gaivotas e mascatos, cormoráns e albatros, son tamén os auténticos protagonistas do horizonte cantábrico. Conta a lenda, que no alto dun dos farallóns habita a serea Maruxaina, que vixía dende tempos inmemoriais o ir e vir dos garridos mariñeiros destas costas. Mais o horizonte fica rachado pola portentosa silueta do xigantesco dique da factoría de aluminio que dá traballo á meirande parte da poboación da contorna. Erixida aló polos anos setenta, constitúe o último paso da longa historia industrial do pequeno lugar de San Cibrao. Outra das industrias máis coñecidas e prósperas da zona é a factoría de louza de Sargadelos. Tivo as súas orixes aló no século XVIII, da man de Raimundo Ibáñez. Xa no século XX, o insigne galeguista Isaac Díaz Pardo, contribuíu a reavivar a chama desta longa tradición ceramista. Os seus vangardistas e dinámicos deseños, mesturados con símbolos e formas propias da nosa terra, constitúen o sinal de identidade da cerámica de Sargadelos. A vella arte sempre seguirá viva grazas á figura de Don Isaac, bo e xeneroso como poucos, e que sempre ficará coma un referente na nosa memoria.
Aquí, a carón do cilíndrico Faro, erixido no ano 1864, a invasiva pero fermosa "Unlla de gato", tingue de púrpura os cantís e as ladeiras. No alto de Punta Atalaia, o carrusel de lus xira para iluminar o destino de numerosos lobos mariñeiros, así coma das aves de paso que acompañan sempre as súas partidas.
Que a luz do Faro de San Cibrao siga a alumear tempos de paz e prosperidade!
Ningún comentario:
Publicar un comentario