martes, 22 de outubro de 2013

A vilalbesa Torre dos Andrade


“Era neno sen infancia rematada,
retaba ás tormentas
cun lapis como espada,
cría que as mantas do braseiro
eran un castelo con cheiros de inferno.
Neno con maos en forma de binteiro,
estaba eu por cima
do pranto allén, mais morreu mía infancia
herdada,
quedei de min mesmo viúvo,
doente.
Hoxe, nas noites lóbregas,
cuando os lóstregos se achegan ao torreón
feito de follas
asústome, xa non teño
un vasoiro como lanza,
unha ilusión como cabalo”
Xavier Frías Conde, Onte foi cabalo de cinza

O outono é unha estación extraordinaria para coñecer as máis históricas torres e fortalezas do noso País. Galicia conta con numerosos castelos que, coma pantasmas de antigas batallas, resisten o paso dos séculos para testemuñar parte das súas lendas. Unha escura e bretemosa mañá, botamos a andar cara as sempre húmidas terras da Chá. Nesta verdescente comarca eríxese triunfante unha das torres máis senlleiras deste noso País. Levabamos con nós o recordo doutras moitas torres e fortalezas luguesas que xa coñeceramos con anterioridade; é o caso da fortaleza de San Paio de Narla, o Castelo de Pambre, a Torre da Candaira ou a sempre misteriosa Torre da Caldaloba. Viaxamos desta volta cara a capital da Comarca da Terra Chá, ata a antiga vila de Santa María de Montenegro; ata a Vilalba dos nosos días. Neste mesmo concello xa coñeceramos parte dos seus tesouros máis antergos, como o menhir de Pedra Chantada ou o Dolmen de Roza das Modias. Cando chegamos a Vilalba, non nos foi nada complexo atopar a vella Torre da Homenaxe dos Andrade, fica a carón da Igrexa de Santa María; no centro mesmo desta histórica vila. Esta vella torre é o único que queda da antiga fortaleza que os Andrade tiñan nestas terras de Vilalba, onde converxían o Camiño Real e o Camiño do Norte, e dende a cal controlaban as zonas centrais da provincia de Lugo. A antiga fortaleza foi erixida no século XI pola liñaxe dos Castro, mais a estrutura que podemos ver nos nosos días responde a unha serie de reconstrucións emprendidas durante o século XV baixo o mandato de Don Diego de Andrade, Conde de Vilalba. 


A estrutura inicial do castelo era de planta poligonal e contaba con tres torres e unha muralla que arrodeaba o conxunto. Durante a meirande parte da Idade Media, os Castro foron os señores de Vilalba, e os primeiros en habitar este castelo. Contan que Pedro I O Cruel, dooulle a vila ó seu medio irmán Fernán Pérez de Andrade, alcumado "O Boo" e primeiro señor de Pontedeume, polo apoio que lle emprestara na guerra civil que mantivera con Henrique II de Trastámara. Nembargantes, Fernán traizoou a Pedro I e arrimouse ó rival. Contan que puxo a salvo dos inimigos a Henrique II no castelo de La Rochele. I este, xa vitorioso i en sinal de agradecemento, fíxoo posuidor do señorío da vila. Tempo despois, no século XV, os Irmandiños derrubaron o castelo no que por aqueles tempos vivía outro descendente dos Andrade. Era Nuño Freire de Andrade, alcumado "O Mao", señor de Pontedeume, Vilalba e Ferrol. A súa crueldade, os seus abusos e as constantes subidas dos impostos para costear as súas campañas en Castela, fixo que os mariñeiros e burgueses de Ferrol, Betanzos e Pontedeume, se unisen ós campesiños para formar no 1431 a "Irmandade Fusquenlla", da que se di que foi a primeira das Revoltas Irmandinhas. Esta irmandade, liderada por Roi Xordo e apoiada por milleiros de veciños, chegou a asediar a Nuño Freire e á súa familia no seu Castelo de Moeche. O corpo de Nuño e o gótico sartego no que repousan os seus restos, fican aínda no Mosteiro de Santa María de Monfero. 


Coa chegada dos Reis Católicos, o condado de Vilalba seríalle outorgado a Diego de Andrade, sétimo señor de Pontedeume. Comezarían tamén as primeiras reconstrucións, mais o castelo non tardaría en volver ás mans dos Castro; os seus primeiros moradores. Teresa de Andrade, neta de Diego de Andrade, contraería matrimonio con  Fernando Ruiz de Castro Osorio, da Casa de Lemos. Contan que séculos despois, no XVIII, se levarían a cabo novas obras no edificio. Nos nosos días, a única torre que se conserva daquel antigo castelo dos Castro e dos Andrade é a Torre da Homenaxe; de planta octogonal e máis de corenta metros de altitude. Está construída a base de cachotaría de granito e de xisto. Ten catro andares, numerosas seteiras e ameas na súa parte superior. Na actualidade funciona como Parador Nacional de Turismo; unha boa maneira, dende logo, de mantela protexida, con vida i en paz. Percorremos tódalas caras desta torre ollando cada detalle, recreando outra páxina máis da fonda pegada que deixou na nosa historia a Casa dos Andrade. Liscamos desta vila nobre e farturenta, desta terra de afumados queixos e cotizados capóns, desexando que a crueldade e os abusos ós que estamos afeitos nos nosos días non nos fagan recrear as revoltas de séculos pasados.

Ningún comentario: