martes, 8 de outubro de 2013

A Fonte das Burgas de Caldas de Reis


"Para Caldas tod' é escuro,
ceo azul lose n' Adina,
trasparente limpo e puro,
D' Arretén no monte duro
nube corre pelegrina".
Rosalía de Castro, Cantares gallegos

Non foi precisamente a sede a que nos fixo ancorar nunha terra de augas quentes, sulfurosas e máxicas. Foi a curiosidade, quizais, a que nos levou ata unha histórica vila onde a auga é un auténtico tesouro. Unha fermosa tarde de verán, o meu amigo Santi e máis eu, saímos de Compostela e collemos rumbo ó sur para coñecer un recuncho máis da sempre cálida Provincia de Pontevedra. Desta volta decidimos achegármonos ata as belidas terras do Salnés. Procurabamos o curso Umia, pois sabiamos que entrámbolas dúas ribeiras deste mítico río galego, achariamos o noso tesouro. Naquelas ribeiras agardaba por nós a histórica Aquis Celenis e as súa Fonte das Burgas. Nestas terras, a cultura termal ven herdada dende a noite dos séculos. Non en van, as súas fontes son visitadas por milleiros de persoas que procuran nestas augas minero-medicinais un alivio para as súas doenzas i enfermidades. Entramos en Caldas paseniño, falando cos veciños do lugar. Este municipio pontevedrés, conformado por nove parroquias e máis de dez mil veciños, desprende vida e ledicia. Camiñamos polas súas rúas procurando a sobra das árbores e o fresco ar que desprenden as augas do Umia. Foi unha tarde seca e calorosa. Á fin estabamos nunha das vilas de maior tradición termal de Galicia, e a escasos metros do seu histórico tesouro. 


Non nos resultou nada complexo atopar a Fonte das Burgas, pois fican ben sinalizadas e no mesmo centro da vila. Dende o lonxe puidemos albiscar a pétrea estrutura onde se atopan as fontes de augas  milagreiras e o bafo que se desprende dos seus canos. Trátase dunha fonte termal pública erixida no ano 1881. Achegámonos ata as burgas e agardamos a nosa quenda para coñecer, máis de preto, as particularidades desta máxica auga que emana das entrañas da terra. No pouco tempo que estivemos preto das fontes puidemos observar abondosa xente que se detiña a beber das quentes augas e mesmo a fregarse con elas. Outros enchían pequenas botellas e levábanas consigo. A primeira sensación que recordo cando me acheguei ós canos foi o intenso cheiro a ovos podres que semellaba provir das súas augas. Mollei as miñas mans con moito coidado, pois as augas de Caldas saen a unha temperatura moi elevada. Contan que pode acadar máis de cincuenta graos. Ademais, o fluxo das augas non é constante. A textura da auga semellaba densa, máis espesa e suave do común. Quen sabe a riqueza mineral que arrastra esta auga dende as entrañas da terra. 


Puiden escoitar os latexantes e incontrolados funguidos de aire que proviñan dos canos, coma axitados saloucos que regurxitan pola gorxa da terra. Ollei as cabezas de león polas que saen as augas e os pardos limos minerais que se foron depositando a carón dos canos. Mesmo os verdes sucos que o musgo debuxa. Somentes me restaba beber. E así fixen. Non me resultou doado tragala. O alto contido en xofre, e o seu fétido cheiro, fai destas augas un trago moi pouco apetecible. Nembargantes, ninguén dubida dos seus beneficios. Estas augas pertencen ó grupo de augas sulfuradas cloruro-sódicas hipertermais. Contan que é unha das máis interesantes no eido minero-medicinal, en parte, grazas á súa composición e temperatura. Dende o punto de vista medicinal, están especialmente indicadas para atallar diferentes afeccións respiratorias e mesmo xinecolóxicas, enfermidades da pel, reumas e outras moitas doenzas físicas. Hai moitos que a beben e outros moitos que se fregan con ela, pero o certo é que dende que chegamos á Fonte das Burgas non deixamos de ver a veciños e forasteiros que se achegan até eiquí. Non nos resulta estraño pensar que fosen os romanos os primeiros en experimentar, coñecer e  valorar, as beneficiosas propiedades destas augas. Na viaxe que fixeramos ó Xurés, xa deramos boa conta da importancia que tiñan para eles estas augas quentes e medicinais. 


Alí puidemos ollar as ruínas do balneario de Aquis Querquennis; unha xigantesca construción que nos devolve ás maiores épocas de esplendor do Imperio Romano no noso País. Lonxe xa das épocas romanas, esta vila viu nacer a unha importante personalidade; Afonso de Borgoña. Afonso era fillo de Dona Urraca, e chegou a ser Emperador. É por esta razón, sumado á riqueza da súa auga, pola que esta vila do Salnés é coñecida como Caldas de Reis. Na actualidade, Caldas conta con dous balnearios: O Dávila, que fica xusto detrás da Fonte das Burgas, e o Acuña, que conserva un edificio de comezos do século XX; unha mostra máis de que a cultura termal nesta vila segue viva e latexante. O sol xa non quentaba o mesmo denantes de marchar, xa purificados por estas augas máxicas e medicinais. Deixamos tras de nós o quente bafo que emerxe destas fontes, as densas augas que tinguen de cores a pedra, o fungar dos canos e o cheiro a ovos podres. Mais xuramos volver, quen sabe cando, a beber da riqueza e do poder que arrastra esta auga dende as entrañas mesmas da terra. 

1 comentario:

Gonzo dixo...

Antes dos romanos a tribo dos celenos xa adoraban as augas do deus Edovio, http://anosahistoria.blogspot.com.es/2014/06/camino-portugues-e-templarios-caldas-de.html