“Coidado coas historias
narradas por falsos pastores
contiñeiros que aínda levan nos pés a marca das ás,
pastores de cabras limpísimas de orixe aérea
que non soltan cagallas”
Marilar Aleixandre, A constelación da xuvenca
Retornamos ó Barbanza para continuar coa nosa particular viaxe na procura dos máis impresionantes legados históricos que atesoura esta serra atlántica. Desta volta quixemos achegarnos até un dos petróglifos máis importantes destas terras, até outra fascinante manifestación da arte rupestre prehistórica galega na que semellan revelarse, sobre dunha gran rocha granítica, unhas grandes figuras zoomorfas que recordan a silueta dunhas cabras. Nesta serra acariñada polos ventos atlánticos, nesta península do Barbanza, xa tiveramos a sorte de coñecer unha gran cantidade de figuras zoomorfas, unha gran manada de cérvidos, tallados nunha fría laxe granítica do Monte da Gurita, na parroquia de Baroña, no Concello de Porto do Son. Desta volta viaxaremos até as terras da Arousa Norte, i en concreto até o Concello de Ribeira.
Na parroquia de San Pedro de Palmeira, e máis concretamente no lugar de Figueirido, localízase o petróglifo de Pedra das Cabras, unha das máis importantes e prezadas mostras da arte rupestre que atesoura esta Serra do Barbanza e un dos máis senlleiros gravados do noso país. Achegámonos pois até a parroquia de Palmeira coa espranza de achar estoutra importante e valiosa mostra da arte máis anterga, con ganas de palpar unha parelliña “de cabras limpísimas” que deberon ocupar boa parte dos pensamentos do seu antigo creador, daqueles artistas primitivos, anónimos, descoñecidos. Foi toda unha sorte e un alivio para nós albiscar, nada máis chegar ó lugar de Figueirido, un indicador que nos alertaba do preto que estabamos xa da Pedra das Cabras. Deixámonos guiar polo indicador e collemos un desvío á dereita. Ó pouco de desviármonos ollamos outro panel informativo que nos sinalaba o comezo dunha ruta que levaba até o procurado petróglifo.
Comezamos a camiñar polo vieiro marcado, o itinerario da Pedra das Cabras. Acompañamos o curso do Río das Saíñas, atravesamos pradarías e camiñamos baixo a sombra de carballos, loureiros e todo tipo de especies arbóreas que se arremuíñan nas húmidas ribeiras do río. Non tardamos en chegar até o mouro piñeiral onde se localiza o petróglifo, nin en albiscar dende o lonxe o enorme petouto de Pedra das Cabras. Achegámonos até aquela mole granítica na que xa comezabamos a descubrir as sombras sutís duns sucos que conforman a silueta de dúas cabras. Á fin tiñamos ante nós outra das grandes mostras de arte rupestre da Serra do Barbanza, outro artístico legado da prehistoria do noso País. Achamos, arrodeados polo musgo, aqueles sucos con asombro e curiosidade, palpándoos e percorréndoos coas nosas mans. Estas dúas figuras animais, que ben poden representar cabras, corzos ou cérvidos, lembráronnos a aqueloutro cervo de gran cornamenta que tiveramos a sorte de coñecer no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro; o gravado de Laxe dos Carballos, outro dos máis importantes e senlleiros petróglifos de motivos zoomorfos que aínda conserva o noso país.
Os animais representados na Pedra das Cabras carecen da enorme cornamenta que atesoura o cervo da Laxe dos Carballos. Estes conservan un tronco máis estático, máis rectangular, e semellan posuír uns cornos máis curtos e rectos. Nembargantes, gardan certas similitudes nos alongados pescozos, nas diminutas cacholas e nos estreitos fociños. Nembargantes, é imposible coñecer con certeza cal é a especie animal representada nesta pedra, contrariamente á da Laxe dos Carballos, na que, grazas á característica cornamenta, resulta moi evidente. Malia todo, as xentes destas terras dende sempre coñeceron a este petróglifo como a Pedra das Cabras, polo que semella claro que os animais representados eiquí foron dende antano para eles unha parella de cabras. Tampouco resulta doado coñecer con certeza o momento no que se puideron levar a cabo estas obras de arte rupestre. Hai quen di que poden corresponder coa Idade do Cobre ou Calcolítico, do ano 2.500 ó 1.800 denantes de Cristo, entre o Neolítico e a Idade do Bronce. Ollamos por derradeira vez esta imaxe tatuada en pedra que nos achega quen sabe se até parte das ilusións, teimas ou soños dos galegos da Idade do Cobre. Deixamos tras de nós estoutra xoia milenaria do Barbanza, estas cabras “que non soltan cagallas”, desexando que nin o tempo nin a erosión sexan quén de borrar estes artísticos sucos de outrora, estas primeiras obras de arte do noso país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario