martes, 25 de marzo de 2014

O castro costeiro de Achadizo


“Volve ós cons do castro esgrevio e, desde arriba,
no teu sitio, contra os ventos, posto en alto,
continúa a ser o forte, o deslumbrante
faro e luz que pola noite sabe guiarnos”.
Bernardino Graña, Luz de novembro

Continuamos a nosa longa viaxe pola Comarca do Barbanza na procura dos máis representativos e históricos achados arqueolóxicos que se concentran nos montes e ribeiras desta xigantesca península atlántica galega. Logo de coñecer, no Concello de Boiro, os derradeiros muros dos poboados de Neixón Grande e Neixón Pequeno, decidimos procurar outro castro costeiro e mariñeiro que se localiza tamén neste mesmo concello coruñés. Desta volta procurabamos un poboado castrexo de gran importancia e valor que nos nosos días se presenta moito máis pequeno que os de Punta Neixón. Andabamos na procura dos derradeiros muros do Castro de Achadizo, outro antigo asentamento castrexo do Barbanza, outra xoia arqueolóxica do Concello de Boiro. O Castro de Achadizo localízase no Barrio do Campo, na aldea de Pesqueira e sobre do fermoso porto de Cabo de Cruz, arrodeado polos coloridos fogares mariñeiros. Saímos de Boiro cara Cabo de Cruz e logo dun par de quilómetros percorridos, chegamos a este pequeno pero antigo porto pesqueiro.


Nada máis chegar a Cabo de Cruz, arrodeámolo porto e contemplamos unha gran cantidade de pequenas embarcacións de diferentes cores que dan fe do presente que segue a estar o mar na vida dos seus habitantes. Namentres contemplabamos a contorna deste porto boirense e tratabamos de coñecer os femininos nomes dalgunhas das moitas embarcacións, como a “Conchita”, a “Atrevida”, a “Alba Un”, a “Ms. Mery” ou a “Sueira”, que engalanan de cores este pequeno pero fermoso porto mariñeiro, decatámonos que xusto detrás das nosas costas tiñamos un indicador do Castro de Achadizo. Achegámonos até aquel indicador e seguimos o rueiro que semellaba sinalizar. Internámonos no Barrio do Campo, unha rúa de fogares mariñeiros pintados de distintas cores, ó igual cas pequenas embarcacións do porto, e ó pouco puidemos albiscar preto de nós unha pequena praciña axardinada. Dirixímonos até aquel pequeno xardín para comprobar se agochaba os derradeiros muros do castro que procurabamos. Andabamos no certo.  


Naquel pequeno xardín achamos o castro costeiro de Achadizo. Estes son os derradeiros muros do antigo poboado castrexo da Idade do Ferro, habitado entrámbolos séculos VI e II denantes de Cristo. Nos nosos días somentes se conservan estes escasos muros, esta pequena mostra. Supoñemos que o resto dos muros das vivendas, o resto das construcións deste asentamento castrexo, deberon localizarse por todo este rueiro, e quen sabe se ficarán aínda baixo os cimentos dos fogares mariñeiros deste Barrio do Campo. As escavacións desenvolvidas neste castro comezaron no 1991, logo de saíren á lus restos arqueolóxicos namentres se realizaban tarefas de construción para a apertura dunha nova rúa. Nas escavacións,  levadas a cabo entre o 1991 e 1994 baixo a dirección de Concheiro Coello, foron achadas estruturas domésticas e defensivas, así como unha gran cantidade de concheiros. Estes concheiros eran depósitos de materiais orgánicos, algo así como os antigos colectores de lixo dos nosos antergos, que contiñan osos, espiñas de peixe, cunchas de moluscos e outros desperdicios, e que permiten estudar a dieta dos habitantes castrexos e precisar, testemuñar, a antigüidade do poboado. 


Os concheiros achados neste castro contiñan un gran número de cunchas de lapas (Patella vulgata) e bígaros (Littorina littorea), amais de osos de animais e carbón vexetal. Tamén foron achados neste castro restos cerámicos e anzois, así como outros utensilios da vida cotiá dos castrexos de Achadizo. Ollamos o pouco que queda, a derradeira vivenda castrexa e parte dun muro que testemuñan o primeiro poboado, a primeira comunidade mariñeira de Cabo de Cruz. Maxinamos como debeu ser este poboado, quen sabe cantos muros de pedra ficarán baixo deste barrio. Foi un pracer coñecer esta pequeno pero importante Castro de Achadizo, maxinar a vida daquela primeira comunidade e coñecer un porto tan pintoresco como Cabo de Cruz. A nós tócanos proseguir coa longa viaxe que nos trouxo até eiquí e que a bo seguro nos ha conducir até outros moitos achados arqueolóxicos de gran importancia que se perden polos montes e ribeiras desta atlántica e impresionante península do Barbanza. 

Ningún comentario: