xoves, 10 de novembro de 2011

O vento mareiro de Baroña


"Doce a vista desde longe,
Castro boó, castro compreto,
¡Ou castro, amigo dos celtas,
Antr' os castros o primeíro!"
Eduardo Pondal

Poucos lugares quedan xa coa maxia, historia e natureza que posúe o milenario Castro de Baroña, no municipio coruñés de Porto do Son. Este fermosísimo lugar fica nunha minúscula península, moi preto da Praia de Arealonga, -curiosamente, ó igual que o Castro de Fazouro, no termo municipal de Foz, Lugo-, e a súa historia remóntase ós siglos I a.C. e I d.C., cando os primitivos habitantes desta cidadela se asentaron neste istmo, co fin de atopar unha fonte de alimento constante; os froitos do mar.



Este castro mariñeiro ten unha liña de muro defensivo e un foxo, así como unha vintena de pequenas vivendas, separadas en dúas áreas. Unha delas, a inferior, está desprotexida da intemperie, a carón das murallas e conta con pequenas escaleiras polas que se accedía ó alto dos muros. Sen embargo, a zona máis elevada parece estar máis resgardada por un túmulo de rochas acoiteladas, pero conserva unhas escaleiras, xa da era romana, que lle aportan un cariz máis portentoso, ademais de posuír as mellores vistas do castro. Ámbalas dúas zonas están divididas pola entrada principal e por unha praza ou zona aberta que antano, a bo seguro, debeu ser o corazón desta cidadela. Pese a non ter auga doce no interior, non resultaría estraño atopar pequenos regatos nos arredores. O tempo foi pasando e esta vella xoia e as súas preciosas pedras, resistíronse eternamente a seren moldeadas polo vento mariñeiro e o salgado recendo do mar. Longa vida a Baroña, e a tódolos castros galegos!

3 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

Fascinante viaxe a unha das citanias "céltigas" máis impresionantes do país. Noraboa!

navegacruz dixo...

Por fin Mouro!

Moito te botei en falta durante meses. Por fin agora podemos disfrutar de novo das túas palabras e fantásticas fotos.

Saúde!

I. Iván Fraga Moure dixo...

Graciñas ós dous, seguidores incansables desta Fraga.

Querida Navegacruz, prometo ter máis regularidade, pero xa sabes os enredos ós que nos vemos sometidos nesta vidiña, jeje.

Apertas ós dous!