"Ay! Cando funguen os ventos
nas polas do castañal
xa non ruxirán as armas
qu'alí tiñan nosos pais...!
Donde fixemos fogueiras
os carrascos nacerán,
e no dolmen en que'ibámos
de noite a sacrificar,
criáranse herbas e toxos
y-os mouchos aniñarán...
Cobrirán silvas y-adreiras
as pedras do noso lar,
e sobr'as mámoas dos mortos
xente allea pasará"
Arcebispo Lago
Achegámonos ós antergos tesouros que a historia nos foi agasallando ó longo
dos séculos, silenciosos lugares que nos falan dos comezos e dos finais, da
vida e da morte, das fortalezas e das debilidades. Un claro exemplo é o
vestixio da Pedra do Mouro, por todos coñecido como Dolmen de Axeitos, e que
conta xa cuns case seis mil anos. Antigamente, estaba soterrado nun outeiro formado
por rochas e terra coñecido como mámoa, que contaría tamén cun corredor radial que suporía un acceso á cámara.
Esta xoia do neolítico, afincada nas terras do Concello de Ribeira,
resístese a desaparecer e loita por ensinarnos a súa pendurada anta e as verticais
laxas que o conforman, impresionantes menhires acoitelados dende tempos
inmemoriais nestas terras para exercer de leito mortuorio de primitivos defuntos
dende o 4000 a.C. Pouco sabemos da vida naqueles tempos, mais sorprende o
dominio que o home galaico tiña para construír estes dolmens de xigantescas
pedras, toda unha mestría que herdamos deles e, máis posteriormente, tamén dos
romanos. Legados que fican condenados a vivir por sempre e para sempre,
mergullados e agochados en centos de recunchos do noso pequeno país, tesouros que
debemos seguir protexendo. Baixo a sombra da anta do Mouro e a súa feiticeira carballeira, decidimos liscar para non perturbar a
maxia que neste lugar se percibe. Boa sorte pois, Dolmen de Axeitos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario