martes, 19 de febreiro de 2013

A Lagoa de Cospeito e as lendas de Valverde


“Venceredes vós,
pero nosoutros 
temos da nosa parte
o Cadramón, o Piapáxaro,
o Cabo de Home, a illa
de San Simón, o lusco, o fusco,
o Castromao, o Xallas, as lagoas
innumerables de Valverde”
Darío Xohán Cabana, Cabalgada na brétema

Cantos regatos, mananciais e fervenzas, marmulan a carón de nós, en cada recanto desta bendicida terra na que nacemos. Cantos encoros, ríos e lagoas, acougan a sede dos campos e dos animais. Canta auga alenta o verdescente chan galego, canta humidade desprende das súas concas e vales! Canta fartura se albisca no vello fogar de Breogán. Encamiñámonos cara as lixeiras depresións e as planicies, cara os terreos enchoupados e as máis nutridas chousas. Liscamos coa alborada cara o interior da Patria, coa mirada posta na fértil Comarca da Terra Chá, e co firme desexo de atravesar as cerrumes dos máis verdescentes prados. Co afán de camiñar, de enchoupármonolos pés na terra branda e lamacenta.  Nas nosas primeiras visitas a estas chairas luguesas, xa fixeramos parada na Lagoa da Fonmiñá e no feiticeiro Encoro de San Xoán, no Concello de Guitiriz

Alí puidemos contemplar a fermosura das paraxes que se estenden ó redor dos encoros e o aproveitamento que os veciños lle souberon sacar á súa auga. Nembargantes, aínda nos quedaban por coñecer as máis importantes brañas do País e as escuras lendas da vila somerxida de Valverde. De camiño ó Concello de Cospeito, albiscamos as frondosas carballeiras e as ringleiras de especies hidrófilas que acompañan o curso de innumerables regatos. Achamos dende o lonxe, a conca na que adormece unha das lagoas máis recoñecidas de Galicia, un inmenso brañal cheo de vida e de lendas. Logo de tantos quilómetros percorridos sobre da asfáltica brea das autoestradas, os nosos pés botaron a andar á fin na Feira do Monte, para coller rumbo cara a feiticeira Ruta das Lagoas. Denantes de comezar a camiñar a carón destas vellas lagoas de Valverde, decidimos deternos no seu Centro de Interpretación. Dende alí puidemos avistar ós seus habitantes, os verdadeiros protagonistas deste húmido e belido lugar; as súas aves.  O Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito fica nun alto onde se pode albiscar unha excelente panorámica desta paraxe chairega. Son moitos os regatos que conflúen e se ramifican nestas arxilosas terras da Chá, en parte, grazas á planicie da conca alta do Miño. Non debemos esquecer que esta lagoa ábrese entrámbolos cursos do Miño e do Támoga, o seu afluente. 


Botamos a andar polos sendeiros marcados, respirando a humidade que se desprende das terras. Atrás deixamos a presa e as preocupacións, e por diante agardábannos as sendas e as xunqueiras; as longas i extensas pradarías. Este importantísimo espazo natural, antano, estaba conformado por dúas lagoas. Unha delas ocupaba unha extensión aproximada de 58 hectáreas, mentres que a outra, unhas 16. Aló polos anos sesenta, un proxecto quixo desecar esta paraxe co único obxectivo de dedicar as terras ó aproveitamento do sector agrícola. Para levar a cabo o seu firme propósito, deforestaron a meirande parte das árbores e matogueiras que arrodeaban as lagoas, o que levou consigo a perda de gran parte da súa fauna. Nembargantes, foi nos oitenta cando se coñeceu o alcance do erro cometido anos atrás. Nesa década púxose en marcha a recuperación do brañal, tal como hoxe o coñecemos. Agora consta dunha lagoa central de 57 hectáreas, que fica á beira doutra lagoa máis pequena, dunhas dez hectáreas aproximadas. Hoxe é un perfecto lugar de lecer, onde camiñar é un pracer, unha necesidade. Ó noso carón imos vendo numerosas ringleiras de bidueiros e ameneiros, pradarías verdescentes abafadas pola humidade. Mais o que de verdade enche de vida este verxel, son os seus habitantes. 


A Lagoa de Cospeito é o refuxio e o sustento de numerosas aves migratorias como as avefrías ou galos da braña, que fuxen das extremas temperaturas do Norte de Europa para procuraren o noso clima, máis cálido, nos meses de inverno. E que dicir das galiñas de auga, cercetas, garzas, e multitude de anátidos que adoitan presenciarse nestes terreos enchoupados. No que respecta ó mundo dos anfibios, estas augas lamacentas son o hábitat idóneo de tritóns, píntegas e rás de San Antonio. As carballeiras que arrodean este lendario brañal, a bo seguro que agochan ós máis silenciosos, ós nocturnos. Quen sabe cantos corzos, ourizos, xabaríns e donicelas, pisarán estas terras chás e lamacentas. Quen sabe cantas troitas, londras e sapos, acougarán baixo as súas augas. Logo de centos de metros percorridos, decidimos voltar polo mesmo vieiro, a carón das ramaxes dos salgueiros. Deixamos tras de nós as xunqueiras e as densas matogueiras para voltar ó lugar onde deramos comezo a nosa andaina. Namentres retornabamos, afondamos na lenda de Valverde.


Contan que nesta lagoa, antano existira un pobo coñecido como a Vila de Valverde, onde un forasteiro sen recursos fora procurar pousada. Uns dicían que era un pobre que andaba a pedir, namentres outros sostiñan que se estaba a tratar da mesmísima virxe disfrazada. Mais ninguén en Valverde quixo acollelo no seu fogar. Foi entón cando tivo que deixar atrás esta vila e coller camiño cara o monte. Nunha ladeira puido avistar un pequeno fogar onde vivía unha familia moi pobre tamén, mais honrada e hospitalaria. Acollérono no seu fogar e mataron a única tenreira que lles quedaba para darlle de comer á familia e ó forasteiro. Cando remataron de cear, o pobre home pediu que botaran os osos máis grandes nunha cuadra, e os máis pequenos noutra; e así fixeron. Ó día seguinte, o pobre espertou chamando polo dono da casa, mandouno muxir as vacas e dar de mamar ós tenreiros. O dono pensaba que o pobre forasteiro toleara. Como vou muxir as vacas se a única tenreira que nos quedaba ceámola onte?.  O forasteiro contestoulle que, tan certo era que tiña vacas e tenreiras como que a Vila de Valverde ficaba baixo das augas. Logo, o forasteiro desapareceu, e a familia puido constatar todo canto el dixera. Para o seu asombro,  a Vila de Valverde ficaba baixo das augas da lagoa, como castigo polo trato dispensado a aquel home sen recursos, e as súas cuadras, ateigadas de vacas e tenreiros. Algúns contan que anos atrás, nas épocas de seca, aínda se podían ver parte da torre da igrexa e as chemineas da asolagada Vila de Valverde. Deixamos tras de nos as lendas de Valverde e as aves que se refuxian neste húmido e rico brañal. Que o milagre da auga non consiga asolagar, tamén, as sabias lendas herdadas polos máis vellos.

Ningún comentario: