Houben de atravesar
Dúas chousas
A herba estaba tan húmida
A terra tan lenturenta
Que me enchoupei
Toda a roupa
Ecoaban os chíos contra todo
O ceo aquí e aló
Como se fora il mesmo
Unha laverca multiplicada
En diferentes sons
Dentro da media lúa
Onde antano medraban os ósos
Cara á seguinte vida
Achou abeiro un palitroque
Dixital
A penas fica nada
Diste sagrario de pedras
Repartidas agora
Polas cerrumes dos prados
Mais ó tocalas unha a unha
Agarimando a cafurna
Diste ventre nupcial
Recoñecín
O pulo exacto das bestas”
Xoán Abeleira, Dolmen da Corveira
Deveciamos por voltar a enchouparnos nos máis verdencentes prados, percorrer amplos horizontes e acadar os máis gloriosos e históricos monumentos. Ansiabamos camiñar tralos rabaños, collelo rumbo dos reghos, e pisar cañotas de millo nas leiras. Voltamos de novo a naufragar nas húmidas e frías terras da Comarca do Xallas, para respirar o bafo que emerxe da terra, a humidade eterna que alenta os leirados. Coa compaña preguiceira dun refulxente sol de inverno, adentrámonos nunha das moitas parroquias que se estenden ó longo e ancho do Concello de Mazaricos. Ó noso paso albiscamos grandes explotacións agrarias e gandeiras, ferrados e ferrados de leiras traballadas. O día estaba da nosa parte, non se albiscaba nube algunha nun ceo azul case inmaculado. As vacas pacían nos prados que se estenden de costas ó Macizo do Pindo, e os "feros corvos do Xallas" comezaban a facer acto de presenza.
Non tardamos en encamiñarnos cara a Parroquia de San Fins de Eirón, localizada na cara leste do Concello de Mazaricos. Logo de deixar atrás o cruce da Pereira e coller a estrada que conduce ata Pino do Val, fixemos parada no lugar de A Corveira. Á fin estabamos a escasos metros dun dos máis incribles megálitos do chan galego, unha xoia con dentes afiados. Nun prado aberto, cercado polos piñeiros e a carón dun pequeno regato, descansa o Dolmen da Mina da Parxubeira, tamén coñecido como Dolmen de Corveira, en referencia ó nome do lugar onde se localiza. A herba miúda fica comesta polas bestas, coma se dunha sostible laboura de mantemento se tratara. Quen sabe cantas vacas pacerían tranquilas a carón deste importantísimo dolmen, i en perfecta harmonía, dende a noite dos séculos. Deixamos tras de nós o medo a meternos onde non nos chaman, para profundar neste húmido prado, enchouparnos ata os nocellos e contemplar de preto este frío e milenario dolmen das terras do Xallas.
As afiadas laxas ortostáticas da Mina da Parxubeira, tal que dentes que loitan por saír das enxivas da terra, apuntan cara o ceo desafiantes. Todo é silencio ó redor deste conxunto de pedras milenarias, como é propio das tumbas funerarias; dos cemiterios e camposantos. Ante nós un dos xacementos máis senlleiros e admirados do País, datado entre o IV e III milenio antes de Cristo. Aquí descansan as almas e os restos dos galegos máis primitivos. Non é doado describir o que un sinte cando se atopa de fronte a un conxunto coma este, con toda a súa historia e simbolismo. O conxunto consta dun pequeno corredor orientado cara o leste e dunha cámara poligonal, que fica sen a anta que o cubría. Isto proporciónalle, se cabe, un aspecto máis bravío e desafiante. As súas dimensións e o lugar onde se atopa, fan deste xacemento un dos máis auténticos de Galicia. Contan que a mámoa, no seu dia, tiña unhas dimensións aproximadas de entre 19 e 22 metros de diámetro. O dolmen está integrado dentro dunha necrópole de catro túmulos. No mesmo termo municipal, disque se atopa a necrópole megalítica de Monte de Embaixo, preto de San Xosé do Val.
Foi escavado entre os anos 1977 e 1984 por Antón Rodríguez Casal, e durante os traballos foron atopados diferentes obxectos ó redor do túmulo. Contan que foron achados restos de cerámicas campaniformes, láminas de sílex, betilos, unha punta de frecha, e mesmo estelas antropomórficas (monumentos conmemorativos de pedra con forma de lápida erixidos verticalmente sobre da terra) de gneis granítico; unha rocha composta por cuarzo, mica e feldespato, que adoita atoparse nas minas de lousa. Ó parecer, tanto os betilos como as laminas de sílex, foron achadas enfronte mesmo do corredor de entrada. Todos estes obxectos fican hoxe no Museo Arqueolóxico de Galicia, no histórico Castelo de San Antón da cidade herculina. Quen sabe cantos obxectos foron depositados a carón dos mortos e baixo esta milenaria anta, símbolos protectores e pedras sacras, que acompañaban o camiño dos finados e acougaban a tristura dos que quedaban. Canto mudou a nosa terra dende aquel entón, mais este dolmen semella protexer o sono dos seus mortos, acougar da chuvia e do calor, ás almas que garda baixo a súa anta. Que ninguén perturbe o sono dos antergos da Mina da Parxubeira nin a paz que se respira neste prácido lugar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario