“Sempre hai unha princesa,
un dragón e unha torre,
e un cabaleiro que a vén rescatar.
Sempre
o conto é o mesmo.
Pero xamais nos explican a que tanta insistencia,
o nome do dragón, o lugar da torre.
Nunca nos descobren
que o cabaleiro non vén,
que non existe,
que só é unha mentira profiláctica
para que o dragón non nos devore
e a torre non se revele como o camiño do inferno”.
Marta Dacosta, A princesa na torre
Medramos cos mesmos contos, coas mesmas historias e cos mesmos medos. Soñabamos con dragóns e cabaleiros, con princesas presas en castelos. Co paso do tempo, fomos madurando i entendemos que non existen os dragóns nin os príncipes azuis, e que os muros dos seus castelos fican agora en ruínas e sen vida, orfos i en paz. Mais nos contos, coma tantas veces tería recitado a poetisa Marta Dacosta, “xamais nos explican a que tanta insistencia, o nome do dragón, o lugar da torre”. A sorte de vivir neste vello país ateigado de lendas e historia, é que lle podemos poñer nome ós castelos, mesmo datar e rememorar as máis duras historias e lendas das nosas torres e fortalezas. Podemos descubrir os medos e as teimas que, coma dragóns ou bestas salvaxes, atormentaban a aquelas nobres xentes d’antano. Nesta nosa lendaria Galicia podemos atopar antigas torres endexamais soñadas, históricos muros erixidos en lugares fascinantes, e lendas máis duras e reais. Soñabamos con pisar antigos dominios e feudos, mesmo o chan d’antigas contendas. Desexabamos materializar aquelas historias de meniños, fitar e palpar os muros daqueles castelos propios do mundo dos soños. É por iso que nos puxemos a andar cara a fértil Provincia de Lugo, nin máis nin menos que ata a máxica Ribeira Sacra. Contan que nun pequeno lugar de O Saviñao fica unha belida torre recentemente restaurada, unha antiga construción que ben pode ilustrar os máis populares contos de princesas, dragóns e cabaleiros.
A Ribeira Sacra nunca deixa de sorprendernos. Canto máis viaxamos por este paraíso, máis tesouros atopamos. Amais das súas traballadas ribeiras e o seu afamado viño, esta terra enfeitizada goza de numerosos atractivos. Dende máxicas praias fluviais i esplendorosas fragas ata torres, fortalezas e importantísimos mosteiros e abadías. Desta volta agardábannos os fortes e rexos muros da lendaria Torre da Candaira. Para descubrir esta antiga construción, tivemos que procurar a Parroquia de Santa Baia de Rebordaos e a aldea da Candaira, onde non achamos resto algún daquela torre, polo que decidimos preguntar a unha veciña do lugar que, moi amablemente, nos indicou o camiño para dar con ela. Neste lugar respírase paz, coma se nunca houbera máis guerra que a monotonía e a faena. Un ceo incerto semellaba darnos unha pequena tregua, namentres o sol comezaba a mostrarnos o camiño que nos levaría ata os pés da Torre da Candaira. Non tardamos en albiscar as cadradas ameas que coroan o alto doutra feiticeira torre galega. Nunha fermosa campiña, arrodeada de mestas carballeiras, puidemos contemplar en plenitude aquela torre da que tanto nos tiñan falado. Achegámonos pois a ollar de fite cada unha das catro caras desta antiga mostra galega de arquitectura militar. O edificio semella saído dun conto de fadas, mais o certo é que estabamos a pisar unha terra sacra, pura e anterga. Estabamos ante unha peculiar fortaleza que data de mediados do século XIII, unha sinxela construción chea de detalles. A súa básica estrutura consta dunha planta cadrada e tres andares. De estilo Románico tardío, mide case dez metros de cada lado, i estímase que uns once de alto. Trátase dun dos exemplares de arquitectura civil mellor conservados do noso País.
Foi construída a base de sillería e perpiaños de granito e, debido á súa recente restauración, non conserva as súas orixinais e afiadas ameas. Nembargantes, esta vella torre aínda conserva o seu encanto, a súa sinxeleza, o seu aquel. Esa cadrada estrutura que a fai única, coma as que soñabamos de meniños, estaba a materializarse diante de nós. Fomos ollando de preto cada unha das catro caras do edificio. Nunha das susoditas caras puidemos ollar a seteira, dende a cal os antigos defensores vixiaban e mesmo lanzaban setas, ou frechas, ó inimigo que tentara aproximarse. Tamén se conservan escudos de armas, ventás e portas que non pasan desapercibidas. Contan que hoxe somentes fica habilitado o primeiro andar do edificio. Antano, para accederen ós andares superiores, tiñan que facelo a través dunha escaleira exterior solapada ás fachadas da torre. Esta vella construción foise transmitindo de xeración a xeración ó longo de centos de anos. Unha das primeiras mencións referente ós seus habitantes data de finais do século XV, moito despois da edificación da torre. Ó parecer, sitúa por aquel entón a Xoán da Nogueira e a María Álvarez de Saa Taboada, que procedía da estirpe dos Taboada e os Camba, como os donos da torre. Anos despois, a estirpe dos Taboada e dos Soutomaior foise misturando. Aló polo 1544, sitúase a Don Pedro Sarmiento, neto de Pedro Madruga, e a súa muller Leonor de Candaira como os donos da torre.
Nembargantes, no século XVI, coñécese outro dono e señor. Ao parecer, pertencía a Diego Sarmiento e a Dona Constanza de Soutomaior, os pais de Pedro Sarmiento. Constanza era, á súa vez, filla de Don Pedro Álvarez de Soutomaior, polo que se pode dicir que pertencía á filla e ó xenro de Pedro Madruga, e non ó neto como se cría. Madruga, coñecido tamén como Conde de Camiña, foi unha das máis célebres figuras do medievo; un bélico cabaleiro temido e admirado na Galiza feudal. Era bastardo, e viviu en carnes as loitas irmandiñas, mais tamén tivo moitos problemas coa Mitra compostelana. Descendía da liñaxe de Soutomaior e conseguiu chegar ó máis alto poder da súa estirpe. Este antigo e atroz cabaleiro era un coñecido inimigo de Alfonso II de Fonseca, arcebispo de Compostela dende o ano 1469 ata o 1512. Contan que o alcume de Madruga fora obra do seu cronista e admirador Vasco da Ponte, e que lle viña dado polos seus matutinos combates, polas súas sanguentas alboradas. Anos despois, esta mesma torre foi habitada por outras importantes figuras nobiliarias, como o Señor de Tor, Don Francisco de Garza de Quiroga Taboada e Álvarez de Castro, que procedía da Casa de Lemos. Mais retomando o que nos ocupa, e polo que semella contar a historia, poucas loitas se deberon suceder nesta vella torre de Rebordaos. Polo que se sabe, foi unha propiedade máis da longa e poderosa estirpe dos Soutomaior, os Camba e os Taboada. O estudoso X. Fernández Pintos, logo da súa análise, chegou á conclusión de que esta construción poida que se tratara dunha torre defensiva que formaría parte dunha casa pacega, constituíndo quizais, o extremo máis occidental dunha antiga casa forte. Fose o que fose, esta torre segue a manter con vida as súas lendas e as xestas dos seus señores. Deixamos tras de nós outra mostra máis das múltiples historias que garda o noso País, agardando voltar de novo a outro castelo senlleiro que nos fale dos seus mellores tempos. Sigamos pois a soñar coma meniños, pois é o mellor xeito manter acesas as nosas ilusións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario