venres, 20 de marzo de 2015

O iriense Pedrón de Padrón


“Y á Padron ponliña verde,
Fada branca ô pé d' un rio,
Froita en frol d' á qu' eu quixerde,
Lonxe miro que se perde
Baix' un manto de resio.
¡Qu' inchadiña branca vela
Antr' os millos corre, soa
Misteriosa pura estrela!
Dille ó vento en torno d' ela
¡Palomiña, voa! voa!
Faille arrolo á branda ria
C' un remanso mormuxante,
Que nâs d' arboled' umbria
Vaixo un toldo d' alegria,
O calor d' un sol amante”.
Rosalía de Castro, A gaita gallega

Se algún obxecto testemuña aínda parte da lenda cristiá máis senlleira do noso país, a do traslado dos restos do Apóstolo Santiago dende Palestina até as terras da Raíña Lupa, se algunha cousa se conserva daquela lenda coa que se escribirían as primeiras páxinas da longa historia do Camiño de Santiago; ese é o Pedrón de Padrón, un granítico petón de culto antiquísimo do cal a lenda xacobea conta que foi amarrada a pétrea barca na que viaxaron os restos do apóstolo denantes mesmo de que os seus portadores pisasen o húmido chan galiciano. Este pasado mes de febreiro achegaríame até as terras rosalianas para tratar de achar este histórico pedrón, este simbólico elemento do que nacería esta lenda, esta vila pementeira e até o seu mesmo nome. Mais denantes de naufragármonos na historia deste pedrón, convén lembrar primeiro a lenda da que foi, en parte, protagonista.


A lenda conta que Teodoro e Atanasio, discípulos do Apóstolo Santiago, trasladaron os seus restos nunha barca de pedra dende Palestina. Logo de cruzar o Mediterráneo e parte do Atlántico, entrarían na Ría de Arousa e amarrarían a barca nun pedrón, o que hoxe nos ocupa, localizado nunha das ribeiras do Río Sar. Alí procurarían axuda para trasladar o corpo e chegarían camiñando até ós dominios da Raíña Lupa, que vivía nun castro fortificado nos arredores da actual capital do noso país. A presenza dos discípulos portando os restos do apóstolo chamaría a atención dos poboadores da zona e  chegaría a oídos de Lupa, que amais de ser a gobernadora das terras da sempre húmida e máxica Compostela, era unha raíña pagá. A Raíña Lupa sospeitaba que a presenza daqueles portadores era obra dun meigallo e mandaríaos apresar. Nembargantes, serían ceibados pouco despois por anxos que convencerían a Lupa para que deixase que estes soterrasen o corpo nas súas terras. Lupa aceptaría  e daríalles un carro tirado por touros bravos, mais estes amansarían milagrosamente logo de escoitaren a voz dos discípulos. Estes levarían o corpo do apóstolo ata o Castro Lupario, onde sería soterrado e onde o velarían ata morrer. 


O Pedrón que deu nome a esta vila de excelsos escritores, o lendario e granítico petón que marcaría a chegada a Galiza do corpo de Santiago e o comezo das peregrinacións a Compostela, localízase nos nosos días baixo o altar da Igrexa de Santiago “O Maior” de Padrón, a carón mesmo do curso do Río Sar e pouco denantes de que este pase a mesturarse coas augas do Ulla. Interneime neste templo logo de visitar a fonte do Carme, -sobre da cal acharía unha pétrea representación da chegada do corpo de Santiago a Padrón-, e logo de atravesar a súa antiga ponte sobre do Sar. 

Esta igrexa foi erixida por orde do poderoso Arcebispo Xelmírez aló polo ano 1133, mais daquela igrexa románica tan somentes se conserva unha única pedra onde se pode ler a seguinte inscrición: “Dominus Eclesia Procurator edificavit in era MCLXXI”, algo así como que "O señor procurador da igrexa edificou na era MCLXXI". Coa desaparición do templo inicial, erixiríase outro de estilo gótico por orde do arcebispo Lope de Mendoza. Durante o século XIX edificaríase o actual templo, de estilo neoclásico.

Nada máis entrar na Igrexa de Santiago “O Maior”, albiscaría en cada recuncho numerosas imaxes do Apóstolo Santiago. Dirixinme cara o altar maior, onde acharía a imaxe máis monumental do santo, mais non avistaría o pedrón. Ó pouco vin saír a un home da sancristía e pregunteille se sabía onde situaba o senlleiro pedrón. O señor asentiu cun aceno e convidoume a subir ó altar maior. Ó fondo, baixo os mesmos pés da imaxe do apóstolo que albiscara inicialmente, atoparía o lendario pedrón. O Pedrón de Padrón é unha pétrea ara romana, mais tamén hai quen pensa que puido ser nas súas orixes un menhir.  Está dedicada ó Deus Neptuno, ou iso é o que semella traducirse das inscricións que posúe, que segundo os estudosos virían a dicir algo así como: A Neptuno, o Foro Iriense cos seus cartos. Na mesma cara onde se poden ver as inscricións tamén se poden intuír os sucos dunha crus coa que se cristianizou este pedrón. Crese que a comezos da Idade Media foi usado de base para o altar da igrexa orixinaria en honor a Santiago. Tamén se cre que puido ser empregado polos fenicios para amarrar os barcos no antigo porto de Iria Flavia. 


Fiquei pampo ante aquel lendario e histórico pedrón, ante aquela ara romana tan importante na historia do culto a Santiago. Desta pedra naceu esta vila, o seu topónimo e a lenda cristiá máis senlleira do noso país. Até eiquí, até esta foxa tectónica onde os cursos do Sar e do Ulla se unen para afrontaren xuntos a súa fin nos máis salitrosos confíns do fero Atlántico, chegan cada día abondosos peregrinos que queren coñecer estas sacras terras e topar nelas os lugares propicios onde recrear unha mesma lenda que lles fixo confluír nos máis intricados camiños que conducen a Compostela. A meirande parte chegan até eiquí a través do Camiño Portugués, namentres que outros moitos adoitan achegarse despois de pisar a Praza do Obradoiro. Algúns, nembargantes, comezan o seu camiño por mar emulando a chegada dos discípulos de Santiago a Padrón. Outros achéganse, sinxelamente, por aquilo de que; “Quen vai a Santiago e non vai a Padrón, ou fai a romaría ou non”

2 comentarios:

debarbasyboinas dixo...

Grazas por este fantástico blog. É abraiante o pouco que coñecemos a nosa terra e o máxica que é. O traballo que fas neste blog axuda a organizar as viaxes.

Iván Fraga dixo...

Moitísimas grazas amigos. O voso blogue, que xa estiven ollando, tamén resulta ben interesante e ideal para a reflexión. Grazas por dedicar un anaco a pasáredes por esta fraga que nos é común. Unha aperta amigos!