sábado, 10 de marzo de 2012

As torres da anterga Compostela


"Cidade, os teus ollos de onte
foron o espello roto
onde eu quixen amarte.
Chegar a Compostela desde dentro,
coa forma da palabra rezumando,
voltar cara ó silencio de granito
cando a vida é verdade e ninguén chega.
Tan só o verso que ispe na nostalxia,
leve harmonía do lume en homenaxe
ou retorno a esa fraguiza sempre acesa
que nos marca os alustros da memoria.
Tráioche agora unha oración de noite
pecha e reixas forxadas ás escuras
coa música dos teus canos de pedra,
e ti segues ofrecéndome a túa aperta
falsa e clandestina,
erguendo as mans das lousas prohibidas
co engado do que brilla e se proclama.
Pouco ten mudado,
nada cambia
o ritmo das sombras debaixo das torres;
Santiago é un rostro sorrinte
na máxica bóveda das estrelas".

Luís González Tosar, Volver a Compostela


Fachada do Convento de Santa Clara
O horizonte arde no solpor da vella capital da Patria. Camiñando polas empedradas ruelas, trato de mesturarme co bafo da cidade, perderme por antre os arcos e debuxar a miña sombra na dourada luz que emiten os ocres farois. Os cristais dos vellos e nobres fogares reflicten os pasos nas sempre transcorridas rúas da anterga e monumental Santiago de Compostela. Namentres procuro rueiros de prata e acibeches, nos meus pensamentos a marusía de lembranzas trasládame ó mar da Crunia, o meu antigo leito de aluguer e o berce da miña madurez; a miña ensalitrada fonda. Os meus pasos adoecen por facerse camiño na maratón das empedradas ruelas, por atopar acougo nas tabernas e soportais. 
Non son poucos os rueiros que se abren cando un forasteiro pon os pés en Compostela. Esta cidade agocha nas súas entrañas unha gran cantidade de fermosas rúas e innumerables recunchos onde contemplar auténticas obras de arte. Por todo isto, e moito máis, o Casco Histórico desta monumental cidade, foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 1985. O noso percorrido comeza na entrada norte da cidade, en concreto na rúa dos Basquiños. Dende alí, emprendemos a nosa andaina; aquí podemos albiscar unha das mellores mostras da arquitectura barroca, a fachada do Convento de Santa Clara. Trátase dun complexo monástico que, na súa meirande parte, foi edificado entrámbolos séculos XVII e XVIII. Neste convento traballaron os mellores mestres de cada xeración de arquitectos: Domingo Antonio de Andrade, Frai Gabriel Domínguez e, finalmente, Simón Rodríguez, que construíu a súa rexa e portentosa fachada. Trátase dun falso telón, ergueito en enormes pezas de sillería, e culminado cunhas xigantescas formas xeométricas esculpidas en granito do país. De fronte atópase o Convento do Carme, cuia fachada é da época renacentista. 

Mosteiro de San Martiño Pinario
Camiñando polo Casco Histórico
Continuamos coa nosa andaina mergullándonos na estreita rúa dos Loureiros, para penetrar na zona vella pola Porta da Pena, antigo linde da vella cidadela, antano amurallada. Ós poucos pasos atopámonos cunha das máis senlleiras obras arquitectónicas da cidade, a Igrexa do Mosteiro de San Martiño Pinario. A súa fachada é unha síntese da arquitectura prebarroca galega. Foi proxectada por Mateo Lopes, cunha fachada de telón elegantemente decorada. Rodeamos o mosteiro pola rúa das campás de San Xoán, e chegamos á Praza da Acibechería. Dende alí, contemplamos a fachada principal do mosteiro de San Martiño, xa da época barroca. Este complexo ten as súas orixes no século X. No século XVI, chegou a ter baixo o seu dominio, tódolos mosteiros beneditinos do país, o que o converteu no máis grande do Estado, con máis de vinte mil metros cadrados. Dámosllelas costas á fachada de San Martiño Pinario para contemplar o esplendor e a grandeza das catro fornidas torres da antiga e maxestosa Catedral de Santiago. As impoñentes siluetas dos campanarios protagonizan os sanguentos solpores do horizonte compostelán. As rúas, coma sempre, son transitadas por milleiros de peregrinos que, dende a Acibechería, acceden ó Obradoiro. Esta rúa recibe o seu nome da multitude de obradoiros que, dende antano, practicaban a arte de traballar o acibeche, mineral típico destas terras. 
A historia de Compostela está estreitamente vencellada á súa catedral, un dos conxuntos monumentais máis fermosos e impresionantes da vella Europa. A Fachada da Acibechería, de estilo Neoclásico, é a derradeira mostra dunha evolución arquitectónica que funde as súas raíces en tempos lonxanos. A lenda conta que os comezos da cidade poden remontarse a comezos do século IX, cando un pastor chegou a Iria Flavia afirmando ter atopado o corpo do Apóstolo Santiago. O bispo Teodomiro mandou fundar a primeira capela, entorno á que naceu a cidade, e que fora destruída polo caudillo musulmán Almanzor. 

Atravesamos unha pequena ruela ata chegar á Quintana de Vivos, praza mítica de Compostela, onde ollamos a Porta Santa, na cabeceira da Catedral, e que somentes permanece aberta en Ano Xacobeo. Quintana de Mortos é un espazo amplo e aberto, sito entre a Catedral e o sobrio mosteiro de San Paio de Antealtares. Resoan as graves e vibrantes badaladas dende o alto da Torre do Reloxo. Atravesamos a praza e chegamos a Praterías, cuio nome provén tamén do antigo gremio de prateiros e orfebres. A Fachada de Praterías é a única orixinal que conserva a Catedral, de estilo Románico. Este santuario foi o gran soño do arcebispo Diego Xelmírez, quen lle dou a esta igrexa todo o gran poder que chegou a ter. A Catedral foi erixida para dar cabida ó numeroso tráfico de peregrinos que chegaban ata Compostela; e, para traballar nela, foron chamados os mellores canteiros de Europa. Foi proxectada por Bernardo O Vello, e construída entre os anos 1075 e 1112. Ten unha planta de cruz latina e tres naves interiores, erguidas en xigantescas pezas de granito do país. Trátase da obra culminante da arquitectura románica. 

Fachada do Obradoiro da Catedral
Sobre a Fachada de Praterías, érguese o símbolo da outra gran época dourada da anterga Compostela: os séculos do Barroco (XVII e XVIII). A portentosa Torre da Berenguela érguese ata os setenta e catro metros sobre o antigo cemiterio de Quintana de Mortos. Foi proxectada por un ambicioso arquitecto nado na Costa da Morte, que con tan só trinta anos asumiu o arriscado reto de contribuír á evolución da estrutura da Catedral. A súa obra máis recoñecida, e que máis pegada deixou na arquitectura barroca galega, é a Torre do Reloxo, máis coñecida como A Berenguela. Foi todo un desafío na época; mais, a beleza do resultado final, converteu ó seu deseñador no arquitecto máis importante da historia de Galicia, Domingo Antonio de Andrade. Baixo a sombra da Berenguela, a Fonte do Sereo acolle as moedas dos soñadores transeúntes, que agoiran un desexo cada vez que se achegan a Praterías. 

Praza do Obradoiro, corazón da Patria
Entramos na Praza do Obradoiro acompañados do son das gaitas que, dende o arco, espallan ó ar ceibes, as notas da liberdade. Estamos no corazón da Patria, auténtico monumento central de Santiago, e mesmo de todo o chan galego. Fronte de nós, eríxese a obra mestra do Barroco peninsular, un prodixio da arquitectura do século XVIII, e que converteu á Catedral nun xigantesco monumento ateigado de liques dourados que embelecen e adornan a Fachada do Obradoiro. Proxectada por Casas e Novoa, e cun gran telón esculpido no granito, coas máis diversas e ostentosas formas, entre as que cabe citar as vieiras, follas de parras e uvas, cabazas ou volutas. Unhas grandes vidreiras reflicten as cores do solpor e, sobre elas, as torres das Campás e da Carraca, érguense a uns setenta e catro metros de altitude. A fachada cobre e protexe o Pórtico da Gloria, obra culmen do Románico europeo, e que foi esculpida polo Mestre Mateo e o seu obradoiro. 
Aquí, no Obradoiro, pódese ver a máis importante mostra de cada estilo arquitectónico compostelán. Á nosa dereita, albiscamos o pazo románico de San Xerome, sede do Reitorado da Universidade; e á nosa esquerda, o Hostal dos Reis Católicos, de estilo Gótico. Finalmente, ás nosas costas, ollamos a sombra dos arcos do Pazo de Raxoi, a obra máis importante do Neoclásico galego. Os peregrinos caen de xeonllos co cansazo e coa emoción da meta desexada a cada paso. A proximidade do monte virxe, lémbranos que ficamos no seo do rural, a carón das terras do Dubra, do Tambre e de Outes, baixo o dominio do Pico Sacro, e nun antiquísimo cruce de camiños xa dende época romana. O casco histórico de Santiago, que ten o seu punto culminante na Catedral, érguese sobre un outeiro entre as bravas serras da contorna compostelá. 

As rúas de Compostela
Abandonámo-lo Obradoiro camiño da rúa do Franco, a máis popular e histórica da cidade. O seu nome deriva de ter sido, dende antano, unha zona na que os comerciantes tiñan certos privilexios. Ós poucos metros atopamos o Pazo de Fonseca, edificio fundacional da Universidade de Santiago de Compostela, unha das máis antigas e a máis importante de Galicia. Os seus trinta mil alumnos poboan as rúas compostelás, e manteñen viva a chama dunha institución con máis de cincocentos anos de historia. Seguimos cara ó Franco na procura dunha vella taberna onde apagar a sede e acougar a fame grazas, en parte, ás tapas que acompañan á bebida. A rúa do Franco é a máis transitada e viva do Casco Histórico e, en tempada alta, fica repleta de turistas e visitantes. Continuamos a nosa rolda polas lousas de Compostela, descubrindo rúas míticas que, nas tardes de chuvia, reflicten coma espellos a luz tenue da tardiña. A beleza lendaria de Santiago fixo que fora cantada por poetas e músicos; pintada eternamente por artistas, e fotografada infinitas veces ó longo dos tempos. Podemos imaxinar a un abraiado Federico García Lorca mesturándose coa humidade deste “Laio de pedra e cristal”. O corazón de Compostela está ateigado de pequenas praciñas onde os soñadores músicos da rúa entoan sons de nostalxia. Pasamos polo Toural, onde a figura dun xigante de pedra que soporta o peso do mundo preside o alto da fachada do Museo Eugenio Granell, e chegamos ata a Praza da Universidade, para ollar a impoñente fachada renacentista da Facultade de Historia, a máis antiga da vella institución. 


Percorremos algunhas das máis míticas rúas da Zona Vella, na procura de saborear a auténtica esencia compostelá. Subimos ata a Praza de Cervantes, a través das vivas rúas de Caldeirería e O Preguntoiro. Os seus nomes lembran os vellos gremios de artesáns que, dende o Medievo, habitaron esta zona. Hoxe seguen a constituír un dos corazóns comerciais da cidade. Baixamos pola Conga, onde naceu a musa Rosalía de Castro, ata chegar á rúa do Vilar. Alí contemplamos os elegantes arcos baixo os que se resgardan estudantes e peregrinos, e que pertencen ás burguesas e fachendosas vivendas de granito do país, con grandes ventanais. Na Rúa Nova, atopamos viva a cultura de Compostela. Aquí ubícanse varios teatros que dan boa conta do rendible que semella ser a cultura nesta cidade de estudantes. Obras teatrais, concertos, exposicións, ciclos de cine, e museos coma o CGAC ou o Museo do Pobo Galego, forman parte da ampla e constante oferta cultural que ofrece a vella capital e que a diferenza do resto de cidades do País Galego. 

Arredor do Casco Histórico, Santiago conta con multitude de barrios populares, habitados por nativos e estudantes, e que amosan aínda a tranquilidade e humildade da vida dos barrios. 
Entre eles, o de San Pedro ocupa un lugar destacado. Se na Zona Vella as casas semellan burguesas, aquí son vivendas pequenas e humildes, aínda que igual de antigas. Por aquí entra o Camiño Francés, e conta con dous grandes parques, o da Almáciga e o de Belvís. Este último conta cunha impresionante panorámica da cidade. Non está demais achegarse, tamén, ata un dos máis míticos parques desta cidade verde, premiada en numerosas ocasións polo desenvolvemento sostible e respectuoso do seu urbanismo. Trátase dos antigos terreos do Mosteiro de San Domingos de Bonaval, que foi reconvertido en espazo de lecer, aproveitando as antigas estruturas e os nichos baleiros do antigo cemiterio. 
Rematamos o noso percorrido ollando o solpor dende a Capela de Santa Susana, no alta da Alameda. Dende este amplo e antigo parque, que divide a Compostela antiga da Zona Nova, albiscamos unha das panorámicas máis míticas e primorosas da cidade. A lonxeva Catedral, de oitocentos anos de historia, érguese sobre os vermellos e irregulares tellados do Campo das Estrelas. As árbores dos bulevares están en flor, e a tardiña cae lentamente sobre a cidade de pedra, sobre a urbe das impoñentes torres. Cae a noite pouco a pouco sobre a capital da Patria, mais Compostela non durme. A gaita segue a resoar ó fondo dende o Obradoiro, e os estudantes, máis eu, retomamos o vieiro de volta ó fogar. 
Que sigan a refulxir as douradas torres baixo o brillo do Campo das Estrelas

2 comentarios:

navegacruz dixo...

Grande entrada! pola extensión e polo contido. Unha cidade como Compostela non pasa por menos!

Unhas fotos exquitas, coma sempre. Santiago foi e será o meu fogar, inda que a vida me fai dar voltas arredor dela, alí estou censada, alí teño un lugar onde volver ás fins de semana de farra e soño con estar sempre. Unha aperta e moita forsa!

m* dixo...

Compostela é unha cidade que te atrapa. Ten a beleza da proximidade, de non semellar nunca unha cidade. Proximidade xeográfica de calquera recuncho ao que queiras chegar, pero tamén a proximidade das persoas. En Compostela non existen os descoñecidos, todo o mundo ten un lugar.

A miña nai sempre di que é unha aldea con semáforos. Quizais por iso, polo pouco que ten de cidade, é a única que levo gravada a lume e da que sempre me sentirei parte.