sábado, 25 de febreiro de 2012

Ponte Maceira, vieiro sobre o Tambre


“A corrente vai no quenlle
afinando un marmurío.
Xabonándoa con fervenzas
lávall'a roupa o muiño.

Romeiro pra Compostela
pasa o vieiro pelengrino,
montado ao lombo da ponte,
sin se mollar no camino”.

Luis Amado Carballo, Proel

Semella que aínda se poden albiscar as relucentes armaduras e as afiadas espadas dos lexionarios romanos que aínda xacen baixo os arcos da Ponte Maceira. Conta a lenda, que a vella ponte orixinaria derrubouse baixo o paso dos romanos que, dende a cidade pagá de Dugium, viñan perseguindo ós discípulos que portaban o corpo do apóstolo Santiago. Aínda nos nosos días, este fermoso lugar segue a gardar un importante vínculo coa tradición xacobea, pois é por esta ponte pola que os peregrinos atravesan o Río Tambre, de camiño a Fisterra.

A Ponte e a súa contorna
As vellas batallas de Ponte Maceira
Séculos despois, o poderío da Igrexa compostelá xa substituíra ó dominio romano, e o Arcebispado desexaba controlar tódalas terras da contorna. Son os tempos nos que o mítico Diego Xelmírez loitaba cos seus propios exércitos contra as grandes familias nobres, e o Tambre constituía a fronteira natural entre o imperio compostelán e as ricas terras dos Condes de Traba. Por iso aquí, na Ponte Maceira, os exércitos do Arcebispo e os de Don Pedro Froilaz de Traba víronse as caras na sanguenta Batalla de Ponte Maceira, a comezos do século XII. A ambición de Xelmírez tinguiu de sangue as augas do Tambre, que arrastrou os corpos dos caídos de ámbolos dous bandos. Mais non é casualidade que se derramara tanto sangue por estas terras bendicidas pola natureza. A mitra compostelá ansiaba dominar esta fértil comarca co fin de engrandecer o seu cada vez máis extenso imperio: por aquel entón, Xelmírez estaba a construír a esplendorosa Catedral de Santiago, e os enormes custos requirían de máis bens e riquezas. 

A historia da Ponte
Ponte Maceira foi, dende antano, un importante posto de parada nas vellas rutas que unían a capital coas terras máis extremas. O gran tráfico que tivo que ter naquelas épocas, obrigou a erguer unha maxestosa ponte aló polo século XIII, sobre os pés da antiga ponte romana. A parte medieval está construída nun Gótico primitivo. De feito, o único arco oxival que ten é o central, os demais son de medio punto, e lémbrannos ó Románico. Son, en total, cinco arcos ergueitos con contundentes pezas de sillería, conformando unha extensa ponte de máis de oitenta metros de longo, e cunha vía central duns tres metros de anchura. Nun dos extremos aparecen dous arcos máis, e que serven para aliviar o enorme caudal do Río Tambre. 

Vista xeral do lugar de Ponte Maceira
Ponte Maceira, aldea monumental
Hoxe en día, a Ponte Maceira divide os concellos de Negreira e Ames. Nembargantes, a aldea que leva o seu nome, e que conta cun impresionante conxunto monumental, fica na beira nicrariense, ós pes dun extenso souto. O lugar atópase no corazón dunhas fértiles terras, adurmiñadas sobre o espello de auga do Tambre. Este caudaloso río, agasállanos ó seu paso cunha natureza exuberante: nas beiras podemos atopar castiñeiros, bidueiros, salgueiros, e outras moitas especies de hidrófilos. Xunqueiras, fentos e todo tipo de vexetación rematan de conformar a diversidade natural do lugar. Os verdes prados e campiñas, comparten a paisaxe coas enormes rochas erosionadas que se albiscan nas ribeiras do río. A humidade pálpase en cada pedra, en cada recuncho desta lendaria Ponte Maceira, que se resiste a renderse ante os embates do Tambre caudaloso. Na pequena aldea podemos ver cruceiros, cabazos, pombais, rúas empedradas e a Capela de San Brais, que data do século XVIII. En ámbalas dúas beiras do río atopamos os fachendosos fogares da sempre poderosa burguesía. Son grandes casas de cantería con numerosas galerías abertas ó Tambre. 


Os muíños e a riqueza da auga
Antes de que o río atravese a ponte, unha pequena presa en arco precipita as augas, remexendo a cristalina paz que adormece no seu reflexo. En ámbolos dous extremos podemos ver algúns muíños de grandes dimensións, pero o mellor conxunto atópase na beira nicrariense. Trátase de dous fornidos edificios que se erguen sobre o río, un xunto do outro, aproveitando a forza das augas. Cando accedemos ó seu interior podemos ver que conservan aínda as moas e ata as oxidadas rodas que se encargaban de facelas xirar. Nun deles pódense contemplar ata dúas moas, iluminadas polas estreitas fiestras de pedra. No muíño máis pequeno, vemos no chan o que puido ser unha laxa funeraria que ten gravada unha estrela de cinco puntas, vestixio da lonxeva historia deste mítico e fermoso lugar. As ovellas pacen sosegadas nas campiñas que acompañan o curso do Tambre, namentres algún que outro peregrino atravesa aínda a ponte coa ollada posta en Occidente, camiño de Fisterra. Semella que poucas cousas cambiaron dende os tempos antigos neste vieiro ateigado de lendas, e nada cambiará namentres o Tambre siga a regar as fértiles ladeiras ó seu paso. 
Longo porvir á Ponte Maceira e ós seus máis fieis camiñantes!

Ningún comentario: