"¡Qué triste está a aldea,
que triste é que sola!
A terra sin frutos, a feira sin xente,
sin brazos o campo,
sin nenos á escola,
sin sol o hourizonte, sin fror a semente!
A pedra y-as nubes
a sembra arrasando,
agoiran un ano de fame sombría;
sin pan os labregos,
nin herba pr'o gando,
¿qué vay á ser d'éles n'a crua invernía?
Manadas famentas
de lobos montesos
baixaron d 'as chouzas n'a noite calada.
e, postos en ringla,
c'os ollos acesos
acenan d'os probes pr'a porta pechada..."
Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra
A Cela sitúase no alto da Serra do Xurés ou Baixa Limia |
Nas faldras da rochosa Serra do Xurés, existe un pequeno lugar pouco coñecido, que recibe o nome de A Cela, e cuia principal singularidade está en que conserva unha impresionante mostra da arquitectura popular galega. Nos nosos días, esta pequena aldea que fica entre xigantescos penedos, amósase solitaria e abandonada a case mil metros de altitude. Só uns poucos fogares aínda seguen a abafar o val co fume das súas lareiras. Non é doado resistir nestas duras e solitarias serras, pois a neve e as xeadas dificultan e distancian este pequeno lugar do resto do mundo. As noites enloitan as corredoiras rochosas da aldea, e os lobos comezan a asexar o lugar, na procura dunha presa doada que mate a fame. O silencio apodérase do pequeno lugar da Cela, e o arume das lareiras lémbranos os frios invernos e as neves. Unha vez que deixamos atrás a pequena capeliña, adentrámonos de cheo a ollar as intricadas corredoiras que se intúen entre as xigantescas penas que semellan impresionantes monumentos da natureza.
Estas moles graníticas son as protagonistas desta fermosa paraxe natural, e constitúen para os veciños unha parte fundamental da súa identidade. A frondosa paisaxe agasállanos coa presenza de numerosas especies autóctonas e mediterráneas, entre as que cabe destacar, os carballos, os loureiros, vimbieiros, abeleiras, bidueiros, e tamén as especies mediterráneas coma os madroños, as sobreiras e as enciñeiras. As pequenas hortas aparecen ateigadas de grelos, coleiros, repolos, e todo tipo de legumes e hortalizas. Todos estes pequenos minifundios constitúen a parte máis fundamental da alimentación dos veciños. Ao redor das mesmas, ollamos a división exercida polas xigantescas penas, que á súa vez serven de acomodo para as alongadas e rexas viñas. As ringleiras de vimbio amosan os seus fornidos e centenarios pés, e todo o seu esplendor amarelo tingue de fermosura e cor as prácidas e frondosas campiñas do lugar. Seguindo os vieiros suxeridos na rocha, aparecen ante nós pezas de antigas labouras de canteiros nos muros e cercados.
As casas e galpóns adáptanse prefectamente ó rochoso chán |
Hórreo ou "canasto" baleiro no lugar da Cela |
A Cela pode estar situada nunha antiga canteira |
Ningún comentario:
Publicar un comentario