“O teu camiño sonoro baixo a ponte sobre o rio, agarda-me
co seu silente ser.
A luz despertada e aqui, no meu andar agardo, na via romana”.
Cesáreo Sánchez, A Escrita do Silencio
Ponte romana sobre o Bibei, na Via Nova |
Foron moitos os camiños que percorreron o chan galego ó longo da nosa extensa historia, vieiros que encamiñaban a infinitos destinos. Os romanos foron os primeiros en establecer unha gran rede viaria para comunicar os núcleos de poboación máis importantes. O conxunto destas vías de alta capacidade, e preparadas para o tráfico rodado, recibía o nome de Cursus Publicus. No ano 80 d.C, un novo ramal viña a sumarse ós que unían Lucus con Bracara, e Asturica con Lucus. A Vía XVIII, coñecida como Via Nova, unía Asturica con Bracara, atravesando 215 millas; uns trescentos quilómetros. A vía atravesaba terras lusas, galegas e leonesas, e constituíu un impulso fundamental para a vertebración territorial da Gallaecia romana.
Miliarios en Ponte Bibei |
A construción desta importante infraestrutura, constituíu un gran esforzo e foi un dos meirandes logros da enxeñaría civil da época. Unha boa mostra vémola na ponte sobre o Bibei, en Terras de Trives, a ponte romana mellor conservada do chan galego. Foi erixida por orde do Emperador Traxano, a comezos do século II d.C. Ó seu carón, aínda se conservan os vellos miliarios que lembran a inauguración, e a posterior reconstrución da ponte por diversos funcionarios públicos da época. Conta con tres arcos de medio punto, de diferentes formas e tamaños, e uns rexos pés de planta rectangular apuntada augas arriba de forma triangular. A ponte, duns setenta e cinco metros de lonxitude e vinte e tres de altitude, permitíalle á Via Nova salvar os desniveis dos vales do Bibei, para adentrarse nas prósperas Terras do Ouro.
A Mansio Aquis Originis
As ruinas da Mansio Aquis Originis |
Multitude de soldados das poderosas lexións do Imperio percorreron estes vieiros para impoñer orde nas terras galegas. Por esa razón, o Imperio mandou construír campamentos militares coma o de Aquis Querquennis.
Nembargantes, pronto comezaron a chegar viaxeiros de todo tipo e tódalas partes do Imperio: trotamundos, homes de negocios, inmigrantes, foraxidos, e todo tipo de aventureiros arrastrados ata aquí pola sonada febre do ouro. Os fachendosos patricios descansaban os seus corpos, cansados da viaxe, nas diversas mansións que, ó longo da vía, funcionaban de refuxio ou pousada. Un exemplo senlleiro atopámolo, xa en terras do Xurés, e unhas millas despois do Santuario de Santa Comba de Bande, na Mansio Aquis Originis. A carón do Río Caldo e da impetuosa Fervenza da Corga de Fecha, e ós pés da Vía Nova, aínda quedan restos dunha antiga estación termal, que pode ser a Mansio Aquis Originis citada polos antigos.
Miliario no Xurés |
Inmersa nunha fraga, conta con dous ámbitos funcionais que datan dos séculos III a V d.C: unha estación termal e un ambiente de cociña. Os vellos patricios paraban para curar as feridas da viaxe e repousar os seus corpos nas termas do río Caldo. As mesas estarían repletas dos mellores produtos da serra, e os viaxeiros, dende tódalas partes do mundo, entrelazarían alí os seus camiños. As estancias contiñan diferentes ambientes e temperaturas. Téñense atopados alí restos dun antigo culto ás ninfas, polo que se pensa que estas augas puideron ser consideradas sagradas.
Os miliarios
Miliarios na Ponte Nova, no Xurés |
En poucos lugares poden verse aínda as pedras do pavimento desta antiga pero importante arteria romana. Un deses poucos sitios é preto de Portela de Homem, onde a vía cruza a raia de Portugal. Alí atópase unha anterga área recreativa coñecida como Ponte Nova. Podemos ollala nun estado fabuloso, a carón dos vellos pero ergueitos miliarios. Estes monolitos servían para informar ó viaxeiro, indicando as distancias en millas. Tamén eran usados para nomear e lembrar ós antigos emperadores que daban orde de construír estas vías. O primeiro deles foi Tito, seguido por outros da dinastía Flavia. Na Via Nova galega téñense atopado 116 miliarios dos 300 que hai en toda a Península.
Cando o mundo cambiou, a vella vía deixou de ser percorrida polos antigos camiñantes. A soidade e a maleza apoderáronse das súas pedras, coma pechando un vello capítulo do pasado, cando tódolos camiños conducían á Terra do Ouro. Que o tempo abra novos camiños para novas xentes e destinos, na procura de soños e de liberdades!
5 comentarios:
Volver a trazar os camiños que transitaron os nosos antepasados é un dos mellores xeitos de reconstruir a nosa historia, abofé. Noraboa por esta gran entrada. Un saúdo!
Foi unha arriscada viaxe ós confins de terras galegas, e un tanto perigosa, pero coido que pagou a pena.
A Ponte Bibei non está en terras de Valdeorras, está en Terras de Trives limitrofe co concello Lucense de Ribas de Sil.
Totalmente de acordo, amigo! Tes toda a razón, trabuqueime e xa está corrixido. Un saúdo e moitas grazas pola aclaración!
Grazas pola correción. Un saúdo dende as Terras de Trives.
Publicar un comentario