domingo, 30 de outubro de 2011

As Torres do Allo


“D'este val n'o medio e medio,
Entr' edras e musgo envoltas,
Ergue as torres un castelo,
Feito alá n' eras remotas
De pedra de sillería,
Cáxeque c'o tempo roxa.
Com' est' antigo edificio
Outro non hay segun contas”

Manuel Curros Enriquez, Aires da miña terra

Inmerso tralos misterios que enfeitizan ás laxas mortuorias nas terras da Soneira, decidín facer un alto no camiño e adentarme polo nobre vieiro que, conducido polas sombras das carballeiras, dá a benvida a un pazo nobre e impoñente; As Torres do Allo, no Concello de Zas. Esta fermosa xoia da arquitectura galega é un dos pazos máis antigos de Galicia, herdanza dos Condes de Altamira, data da primeira metade do século XVI. Foi construído polo fidalgo Gómez de Rioboo Vilardefrancos. Anteriormente e no mesmo lugar onde se ubica, as mesmas pedras destas torres serían parte dun vello castelo, unha fortaleza que máis tarde non gustaría ós Reis Católicos e que rematarían ordenando a súa destrución. As torres son de distintas épocas e o edificio é rectangular, de estilo renacentista. Chama moito a atención os elementos do gótico final que engalanan as súas fiestras, balconadas, escudos e portas. Ao ser redor pódense contar uns tres xeitosos hórreos e uns marabillosos campos de labranza. Tamén pode un parar a contemplar o misterio que esconden as pétreas e misteriosas gárgolas que vixían este nobre lugar.

1 comentario:

Anónimo dixo...

COMO ME ALEGRA QUE VOLVADES... E REFIROME TAMEN A XOAN... O CERTO É QUE FACIA MOITO TEMPO QUE NON VOS "CURIOSEABA"... XA CASE VOS DABA POR PERDIDOS... E MIRA TI... AQUI ESTADES DE NOVO... UN SAUDO. ANTONIO.