"A fraga recuperou de súpeto a súa alma inxenua, na que toda ciencia consiste en saber que de canto se pode ver, facer ou pensar sobre a terra, o máis prodixioso, profundo e grave é isto: vivir"
Wenceslao Fernández Flórez
Nesta cálida tarde outonal deixámonos caer coma follas secas nos xardíns que engalanan a vella Igrexa de Santa María de Cambre, a carón do Río Mero e inmersos de cheo nas Mariñas de Frade. No corazón da vila atópase este conxunto medieval que data de finais do século XII e que xurdiu a carón dun mosteiro aínda máis antigo. Chama a atención o bo estado no que se conservan os seus elementos románicos, influídos por un estilo moi compostelán (na imaxe, o exterior da ábsida). A súa planta, de cruz latina e con deambulatorio, confirma o seu parecido co estilo compostelán. Cabe destacar tamén, por suposto, a súa fachada, que conserva unha impoñente portada e un fermoso rosetón románico. A igrexa foi costeada polos poderosos Condes de Traba, o que explica tamén, as súas dimensións. Para chegar ata alí é preciso pasar por unha impoñente e antiga senda que daba a benvida a este, non menos, fermoso conxunto, en pleno Camiño Inglés. A carón deste antigo vieiro, custodiado por dúas ringleiras de árbores centenarias, foi medrando ó longo dos séculos a singular vila de Cambre. Lonxe de fuxir deste verxel, refuxiámonos na sombra que os muros do templo nos brindaban e prometemos voltar, coma cada semana, para enchérmonos de paz e realidade.
1 comentario:
Sen dúbida un dos vestixios románicos máis abraiantes da costa norte galega. Unha xoia difícil de esquecer. Bo traballo, coma sempre!
Publicar un comentario