venres, 29 de agosto de 2014

Retorno ós cantís da Serra da Capelada


“Vin o teu rostro macio
nas rochas de Ortegal, as túas bágoas
de escumas estiladas esvarando
como esquíos voadores
até os chumbos verdizos do Cantábrico”.
Vítor Vaqueiro, A cámara da névoa

Canto tempo ten pasado xa dende a nosa primeira visita á sempre impresionante e solitaria Serra da Capelada. Canto ten chovido xa dende a última vez que nos achegamos até o Faro de Cabo Ortegal, até o Santo Andrés do Cabo do Mundo e até os cantís da Costa Ártabra. Retornamos até as terras dos confíns do norte galaico, retornamos até os máis elevados cantís da vella Europa, para volver a percorrer esta serra que abrangue os concellos coruñeses de Cariño, Cedeira e Ortigueira. Na nosa folla de ruta ficaban as mesmas paraxes que xa tiveramos a oportunidade de coñecer anos atrás, mais desta volta decidimos coñecer tamén outro faro que, xunto ó de Cabo Ortegal e ó de Estaca de Bares, alerta cada noite ós mariñeiros dos perigos destes mares fronteirizos onde se mesturan as augas do Atlántico coas do Cantábrico; trátase do Faro de Punta Candieira, mais deixaremos esta última paraxe para outra ocasión. Agora desexabamos somentes achegármonos até os máis vertixinosos e intricados cantís do noso país e do noso continente para ollar o seu mar e desafiar ó seu vento.


Como diciamos, na Serra da Capelada atópanse os cantís máis altos de Europa, que acadan en Vixía de Herbeira o seu punto máis elevado; 615 metros de caída sobre do mar, somentes superado polos 860 metros da montaña norueguesa de Hornelen, os máis de 750 metros do Cabo Enniberg, nas danesas Illas Feroe, e os 688 metros da montaña irlandesa de Croaghaun. Podemos dicir entón, que o Miradoiro de Vixía de Herbeira é o cantil máis alto da Península Ibérica e o cuarto máis alto do noso continente. Denantes de regresar até este elevado Miradoiro de Vixía de Herbeira, onde teremos ocasión de coñecer tamén a súa Garita, decidimos achegármonos até os sempre impresionantes cantís de Cabo Ortegal. Viaxamos pois, dende o núcleo da vila mariñeira de Cariño, cara os páramos das bestas polos marcados vieiros dos romeiros, para somerxérmonos antr’un mesto manto de néboa e albiscar dende os máis intricados cantís a delgada liña dun horizonte imperturbable, a escuma que emana da loita entre dous mares tan alleos e tan irmáns.  


Sempre resulta impresionante chegar a Ortegal, nunca deixa de sorprendernos, de intimidarnos. Non nos resultou doado manternos firmes neste xigantesco petouto que se erixe sobre do mar e desafía ós duros azoutes dos ventos do norte. O vento sopra neste lugar coma en poucos outros, e ás veces non resulta doado facerlle fronte. O Cabo Ortegal é, despois de Estaca de Bares, o cabo máis setentrional da Península Ibérica. Ortegal é, ademais, un complexo xeolóxico de grande interese internacional, xa que na contorna deste cabo abundan as rocas básicas, ultrabásicas, gneis, ecloxitas e até granito negro; contan que o máis antigo da Península Ibérica e o cuarto máis antigo de Europa. Achegámonos até a beira mesma dos cantís para ollar o mar e as impresionantes rochas que fican ó seu redor. Na banda oeste achamos a Punta do Limo, un impresionante petouto que desafía os feros azoutes do mar baixo da sombra do cabo, namentres que no leste acharíamos os pétreos aguillóns; tres illotes, tal que moas afiadas, que semellan emerxer do mar. Logo de contemplar esta costa dende a beira mesma dos cantís, decidimos detérmonos ante a cilíndrica silueta do seu faro. 


O Faro de Cabo Ortegal sitúase a uns 124 metros sobre do nivel do mar. Foi proxectado no ano 1982 e remataría de construírse dous anos despois, no 1984. O edificio, unha torre cilíndrica de formigón, posúe tres metros de diámetro e unha altura de 13 metros. A torre conta tamén con dúas balconadas de case cinco metros de diámetro. A lus deste faro acada as 18 millas náuticas. Deixamos tras de nós o faro e o cabo de Ortegal para proseguir o noso camiño cara o Miradoiro de Vixía de Herbeira, cara os máis altos e impresionantes cantís da Península Ibérica e da vella Europa. Namentres viaxabamos, fomos ollando unha gran cantidade de bestas e vacas que pacen ceibas por estes montes. Resulta incrible, i é toda unha sorte, ollar estes montes afastados tan limpos e saneados polos animais. Estabamos xa dentro das fronteiras do Concello de Cedeira, a piques de chegar á Garita de Herbeira, somentes debiamos achar un parque eólico por antr’un mesto manto de néboa, e o certo é que non tardamos en atopalo. 


Albiscamos ó lonxe unha gran cantidade de aeroxeradores nunha contorna erma que semellaba de todo menos terrestre. Estabamos no máis alto, baixo das impresionantes aspas dun aeroxerador e a escasos metros da Garita de Herbeira, un dos miradoiros máis espectaculares do noso país. Achegámonos paseniño até este balcón para sentir a vertixe que produce asomarse a estes cantís. A medida que nos iamos achegando até a Garita, iamos deixando tras de nós as neboeiras, e o día, milagrosamente, semellaba querer abrir. Estabamos a máis de 600 metros de altitude sobre do mar, sobre duns cantís que posúen máis dun 80% de pendente. O horizonte ficaba limpo e azul. Os ventos do norte foron afastando as nubes, polo que puidemos albiscar aquela paraxe nun bo momento. Nada semellaba perturbar aquela paisaxe, aquel horizonte.


O macizo de Herbeira, ó igual que o Cabo Ortegal, é tamén un punto de interese xeolóxico internacional, pois eiquí abondan rochas moi pouco frecuentes no planeta, como é o caso das peridotitas e as piroxenitas. Estas rochas presentan un ton escuro, mais pola erosión, presentan tamén cores pardas. Son propias do manto terrestre, situado a máis de 70 quilómetros de profundidade, e a súa presenza na superficie da terra é moi pouco frecuente. Tamén se ten detectado cromita neste macizo de Herbeira, un mineral empregado, principalmente, para a fabricación de platino e de cromo. Logo de contemplar a impresionante paisaxe, decidimos achegarnos até a garita. Contan que esta antiga e pequena construción de pedra foi erixida aló polo século XVIII para vixiar esta liña de costa. Foi erixida en cachotería de granito e posúe unha planta rectangular, tres xanelas, unha lareira e unha porta. Deixamos tras de nós a pequena e antiga Garita de Herbeira i esta marabillosa paraxe para coller rumbo cara o Faro de Punta Candieira, cara outra muxica que cada noite alerta ós mariñeiros dos perigos desta costa traizoeira, desta fronteira de mares, deste xigantesco balcón da vella Europa.

Ningún comentario: