sábado, 30 de agosto de 2014

O xacemento guitiricense de Pena Xiboi


“Cercenou
ventos leviáns
para sementar unha befa
nunha nuve
- que coseu-
pediu-lle o dia
un petón
para nos pechar os angueiros
da vida.
E o pan
a pedra desangrada
furou a frecha
e o seu corpo
que non coñeceu
máis que verbas irtas
de pensamentos avarentos”
Cesáreo Sánchez, A escrita do silencio

Fai cousa dun par de anos, namentres percorriámolas húmidas pradarías da Terra Chá e acompañabamos o curso do Río Parga, decidimos aproveitar a viaxe para tratar de procurar un recuncho único ateigado de misterio. Naquela viaxe tiveramos a sorte de coñecer o menhir de Pedra Chantada, as Penas de Rodas, a Lagoa de Cospeito, o Encoro de San Xoán e algún que outro paradisíaco recuncho que deixa tras de si o sinuoso curso do Parga, mais aínda nos quedaba por ver un dos lugares máis misteriosos e descoñecidos destas terras. Estamos a falar do xacemento arqueolóxico de Pena Xiboi, declarado Ben de Interese Cultural. Este xacemento fica no lugar de Tolda, na Parroquia de Santo Estevo de Parga, no Concello de Guitiriz. Aínda lembro a ascensión á que tiveramos que facer fronte para chegar até o lugar. O xacemento sitúase moi preto do Muíño da Ruxida, e de fronte a unha canteira. O camiño ficaba ateigado de lama e desfeito polas rodeiras dos camións. Achamos o xigantesco petouto de Pena Xiboi á nosa dereita, a carón mesmo do camiño. Ficamos pampos ante aquela pena granítica de enormes proporcións sobre da cal, recentemente, foi erixido un cruceiro. 


Achegámonos até aquela pena paseniño, ollando a súa morfoloxía erosionada, traballada polos elementos ó longo do tempo. Chamou a nosa atención unha placa conmemorativa que semella lembrar ós seus antepasados. Este xacemento data de entrámbolos anos 8000 e 5000 denantes de Cristo. Percorremos todas e cada unha das caras desta mole granítica. Pouco se sabe da historia deste Xacemento de Pena Xiboi, descuberto por Manuel A. López Felpeto no ano 1990 i escavado de urxencia no 1994 polo seu descubridor, e os seus colegas C. Llana e R. Villar, ante o perigo que comezaba a supoñer a actividade da canteira. Segundo López Felpeto, Pena Xiboi “contén os testemuños materiais da presenza nesta zona hai uns 9000 anos dun grupo de cazadores que estableceron un campamento temporal entorno á Pena de Xiboi”. O seu descubridor fala dunha sociedade de cazadores do Mesolítico azilense de comezos do Epipaleolítico. Nas escavacións de Pena Xiboi acháronse unhas tres mil pezas de diferentes materiais, entre os que destacaban os utensilios de caza e outros obxectos diversos de uso doméstico. López-Felpeto sinala que este petouto permite “coñecer mellor o interesante proceso de cambios que se producen nestas sociedades no paso do Paleolítico superior ó Epipaleolítico”.


Semella que aqueles primitivos cazadores do Mesolítico azilense de comezos do Epipaleolítico acharon na contorna, e ó abeiro desta mole granítica, as súas necesidades básicas cubertas por unha tempada. Deixamos tras de nós este enorme petouto de Santo Estevo de Parga, esta provisional morada de primitivos cazadores, desexando coñecer outros moitos recunchos desta chaira de extensos horizontes. Oxalá que a actividade da canteira non faga perigar o estado deste misterioso xacemento de Pena Xiboi.

Ningún comentario: