venres, 26 de outubro de 2012

O Encoro de San Xoán no Río Pardiñas


"Están, meu corazón, meu neno lindo,
os carballos batendo-se co ar e co machado
e o monte alto contra a máquina que o aboura,
a lagoa azul renovando a sua auga
teimosamente cegada"

Lois Diéguez. Sete poemas e un maio

Achegámonos ata as fértiles terras de Guitiriz para coñecer de preto os segredos que gardan as nutridas e verdescentes terras da comarca chairega, así como as fermosas paraxes que agocha en cada ferrado. Esta é a gran chaira lucense, lendaria terra de labregos eternamente peiteada polos arados, unha comunidade de bos e xenerosos que nunca deixaron de loitar polo seu pan. Mais se algo ten de especial este extremo occidental da Terra Chá é a súa auga, o seu bafo, a lama e a humidade. Os habitantes destas terras acostumáronse dende antano a sacarlle proveito a esta riqueza vital. Guitiriz, de feito, conta cun dos mellores balnearios do chan galego, e con diversidade de regatos e roteiros entre fervenzas e muíños. Ademais, esta capital do occidente chairego pode presumir de ser dona das súa propia auga. Para iso está o encoro de San Xoán, no curso alto do río Pardiñas. 
Ascendemos polas esgrevias ladeiras dos montes na procura desta pequena lagoa sita na parroquia de San Xoán de Lagostelle. Ó noso paso ábrense numerosas fragas de carballos, coníferas e outras moitas especies autóctonas que nos amosan a riqueza que agocha esta paraxe. Finalmente acadamos o noso obxectivo de ollar as prácidas e limpas augas do encoro, e contemplamos a xeitosa obra de enxeñaría que logrou crear esta fermosa lagoa de montaña. 


O dique, construído a comezos dos anos oitenta, abastece de auga o casco urbano de Guitiriz. A superficie reflicte cal espello unha infinda gama de cores, e as escuras nubes que se arremuíñan no ceo tinguen de nostalxia este lugar. O bosque fúndese nunha inabarcable gama de verdes, e as afiadas coníferas aportan á paisaxe un aspecto de lagoa de alta montaña. Os rosados penedos, desgastados pola auga, emerxen cando o nivel do encoro baixa, e as numerosas algas bailan unha danza eterna baixo da superficie. 
Atravesámo-la área recreativa para achegarnos ata o dique, deixando a un lado o amplo aliviadoiro que garante a estabilidade e o nivel das augas. Cruzámo-lo encoro fascinados pola beleza do lugar e chegamos ata a ribeira oposta. Alí puidemos ver que a infinidade de verdes se traducía en multitude e variedade de especies arbóreas, dende o piñeiro até o salgueiro, pasando por freixos, ameneiros, bidueiros, e castiñeiros. Os liques e o musgo apodéranse de toda a ribeira, pois a humidade abrolla a cada centímetro. Por estas datas, de seguro que estas terras húmidas acollen multitude de cogomelos e de seguro que a súa fauna será tamén abondosa e variada. 


A auga da lagoa do Río Pardiñas abastece os fogares dos veciños de Guitiriz, e permítelles tamén regaren as súas hortas, os seus cultivos. Pero ademais, constitúe unha fermosa reserva natural, e unha área de lecer onde se poden coñecer os segredos destas fragas. É moi habitual que as familias da contorna se acheguen ata esta área de recreo para disfrutaren da beleza e do sosego que se respira neste pequeno pero fermoso recuncho. Na antiga cabana do gardamontes achamos a aula da natureza, que permite ó visitante descubrir a gran riqueza e biodiversidade que fai deste encoro un dos encraves máis fermosos das terras de Guitiriz. 
Que endexamais sequen as augas do encoro de San Xoán, lagoa vital de Guitiriz! 

Ningún comentario: