venres, 12 de outubro de 2012

As lendarias serpes da Roza das Modias


"A penas fica nada
Diste sagrario de pedras
Repartidas agora
Polas cerrumes dos prados
Mais ó tocalas unha a unha
Agarimando a cafurna
Diste ventre nupcial
Recoñecín
O pulo exacto das bestas".

Xoán Abeleira. Poemas


Aquela mañá chovía nas baixas terras de Vilalba, no corazón da comarca chairega. Dende facía horas, as espesas nubes negras descargaban o fértil orballo, tan necesario para as labores agrícolas destas terras da parroquia de San Xoán de Alba. O ceo agonizaba tornándose escuro e bretemoso, humedecendo cada chanzo de terra, cada folla e cada árbore, enchoupando as leiras e asolagando as pradarías. Atravesamos os lindes dunha leira xa colleitada. Os pés de millo, xa segados, emerxían afiados e sen vida da lama, en meticulosas ringleiras e dificultándonos o paso. Somentes se escoitaban, ó lonxe, os roucos ladridos dun can preso; e os agonizantes berros dos corvos que sobrevoaban as leiras, semellaban decatarse da nosa presenza. O silencio da chaira resultaba inquedante. 
Ó outro lado da extensa leira traballada, albiscamos os dominios dun pequeno e escuro bosque na contorna do Monte Galde, por entre o cal a néboa se esparexía. Semellaba o lugar idóneo para agocharse o impresionante e descoñecido achado que procurabamos dende facía tempo. As nosas dúbidas convertíanse en medos, ó comprobar que estabamos ante unha fraga virxe, case inaccesible e chea de ollos que nos observaban dende a escuridade. Abafados e cos pés enchoupados pola lama, ollamos o feitizo que semellaba emerxer das entrañas daquel bosque mudo. Os lindes da fraga semellaban infranqueables polas ramaxes, impedíndonos acadar o noso obxectivo, un dos monumentos megalíticos máis singulares i esquecidos do País. Namentres bordeabamos o bosque, atopamos axiña o que semellaba unha intricada corredoira que se abría lixeiramente entre un denso muro de toxeiras e ramaxes. Armámonos de valor e aventurámonos por aquel angosto e desconcertante vieiro que semellaba levar a ningures. Abrímonos paso por antr’as silveiras e xestas. Sobre de nós, as pólas dos carballos e dos piñeiros semellaban sinalarnos, ameazantes, a cada paso que penetrabamos cara os adentros da fraga. As arañas, eternas tecedoras, tamén semellaban ollarnos, mais as pingas do orballo revelaban a perfección xeométrica das súas prateadas e malévolas arañeiras. O chan húmido semellaba un manto de follas caídas, que se amoreaban por milleiros. De súpeto, tras unha mesta franxa de xestas, achamos un pequeno claro onde semellamos albiscar un estraño coveiro rochoso, unha profunda fenda na terra da que emerxían uns alongados dentes de pedra. 


Achegámonos a contemplar o que sen dúbida era o antiquísimo dolmen que andabamos a buscar. Ante nós, á fin, erixíase o que queda do dolmen de Roza das Modias, un dos sete enterramentos que conforman a necrópole neolítica de Muíño Pequeno. Este conxunto constitúe un dos máis senlleiros e singulares da península, aínda que somentes un dos dolmes se conserva con certa integridade. 
Atravesamos os lindes da mámoa, unha pequena elevación no terreo duns doce metros de diámetro, que encerra os vestixios da cámara funeraria. Bordeamos a entrada, cuxo corredor fica desaparecido ou soterrado na contorna da mámoa, e descendemos ata as entrañas mesmas da tumba onde antano durmiron pra sempre os nosos antergos máis remotos. Dende abaixo, os oito ortostatos, de máis de metro e medio de altura, semellan afiados contra o ceo, como ameazando a calquera que ouse perturbar o sono dos antepasados. Adentrámonos na pequena cámara poligonal que aínda cheiraba a humidade. Os liques e o musgo cubrían a superficie do granito, aportando a única nota de cor a esta xoia con máis de cinco mil anos de antigüidade. As pingas caían dende as pólas dos carballos, e mollaban o frío chan da pequena necrópole. A anta, desaparecida dende fai tempo, xa non protexe o interior desta cámara funeraria. Mais nada, nin os máis duros invernos, nin as fortes treboadas, nin tan sequera o devalar dos innumerables séculos, foron quen de borrar as misteriosas liñas que noutrora foron gravadas sobre os inclinados ortóstatos da Roza das Modias. 


Catro das laxas amosan na súa cara interior uns singulares motivos decorativos en forma de innumerables liñas que serpean en vertical, de xeito paralelo unhas con respecto das outras. Polo que é sabido, trátase do caso máis significativo dentro dunha práctica pouco habitual consistente en decorar as cámaras funerarias con gravados, ademais das típicas pinturas. Outras mostras semellantes podémolas atopar no dolmen de Parada de Alperiz (Pontevedra), ou na mámoa de Braña (Ourense). En todos eles, a figura da cobra é habitual, e amósase en tódolos casos coma unha liña serpeante.
Ficamos en silencio tratando de comprender a indescifrable mensaxe dos antergos. Ó noso redor, a escuridade semella facerse máis e máis densa, coma se un feitizo comezase a estenderse a carón de nós. Son terras máxicas as de Vilalba; estas chairas foron o berce de innumerables tribos prehistóricas, os primeiros e máis antigos habitantes do noso País. Nos outeiros, aínda se albiscan centos de mámoas misteriosas onde aínda dormen as pantasmas dos primeiros labregos da nosa historia. 
Retrocedemos ata o borde da mámoa, para poder ollar a cámara na súa plenitude. Mentres tanto, cavilamos no sentido que terían aquelas liñas arcaicas, aqueles sucos gravados con paciencia por mans primitivas. Sábese que a serpe era o animal sagrado por excelencia dos castrexos, que chegaron a Galicia case tres mil anos despois de que se ergueran os grandes monumentos megalíticos. Mostras senlleiras como a cormelá Pedra da Serpe, ou o petróglifo do Castro de Troña, así nolo amosan. 

Quen sabe se estas misteriosas liñas da Roza das Modias e dos outros dolmes que amosan este tipo de gravados, non foron elaboradas polos mesmos castrexos, canda os petróglifos, aló pola Idade do Cobre. Quen sabe se serviron para adaptaren aqueles vellos enterramentos, que por aquel entón comezaban a saír á luz, ás súas propias crenzas, entre as cales a serpe ocupaba un lugar primordial. 
De súpeto, coma se dun mal agoiro se tratara, un estraño e sonoroso funguido que semellaba provir de tras de nós, rachou os nosos pensamentos. Xirámonos mudos e aterrados, e non tardamos en albiscar unha figura que semellaba deslizarse entre o valume. O seu escamudo brillo relucía entre o mesto chan da fraga, mais as súas cores pardas apenas permitían distinguir á recen chegada. Cando ergueu a cabeza por entre as follas, notamos coma cravaba en nós a súa ollada viperina, ameazante e confusa ó atoparnos alí. Sen dúbida, a pequena e velenosa serpe, un fermoso exemplar adulto de Víbora de Seoane (Vipera seoanei), regresaba ó seu fogar despois dunha xornada de cacería na procura de pequenos roedores ou lagartas despistadas coas que saciar a súa fame. É habitual que este réptil saia mesmo nestes chuviosos días de outubro, mais sempre sen perder de vista a súa anterga gorida herdada xeración a xeración, o seu eterno fogar, nas máis recónditas fendas soterradas baixo as lousas do dolmen. Semella que as serpes seguen a gardar a súa cova, protexéndoa dos intrusos que, coma nós, ousan adentrarse nas entrañas da tumba. Este é o fogar das pantasmas dos antergos, que se negan a separarse da terra que un día foi súa. 
A pequena e perigosa Víbora de Seoane foise introducindo no seu resgardado e invisible coveiro, non sen antes dirixirnos unha derradeira e desconfiada ollada de serpe. Abandonamos o lugar para non perturbarmos máis o sono dos espíritos dos antergos que aínda serpean no vello dolmen de Roza das Modias, eterno coveiro de serpes. 

Ningún comentario: