“Denantes de que o seixo
fixera realidade as súas agullas, espetándoas
nas entrañas da terra, e que aquelas agullas
viraran lama, area, arxilas
de cores, recollidas por mans agarimosas
que bicando, cocendo, aloumiñando
fixeran os tarecos que chegaron a hoxe,
verbi gratia:
Santa Tegra,
Borneiro,
Viladonga
Denantes de que condes,
emperadores,
xefes,
reis,
caudillos,
triparan as vellísimas
chairas da nosa Terra,
metendo lume ás xestas e á poalla,
ao melro e á cerdeira,
deixándonos a patria tolleita, esnaquizada”.
Vitor Vaqueiro. Lideiras entre a paisaxe
Achegámonos unha vez máis ata as pondalianas terras bergantiñás, para contemplar os múltiples i esquecidos recantos que agocha. Estas terras fican ateigadas de antergos
tesouros de pedra, legados dos nosos antergos, os galegos primitivos. Algúns
son máis antigos que outros, mais todos eles son pegadas de valor incalculable
que tiveron a ben legarnos os nosos ancestros. Fican agochados baixo dos
piñeiros, asolagados polas toxeiras, devorados polos liques. No corazón do
concello de Cabana de Bergantiños, concretamente na parroquia de San Xoán de
Borneiro, sobrevive un dos vestixios máis senlleiros do chan galego, o Castro
da Cidá de Borneiro. Este castro milenario arrodeado de piñeiros sitúase nunha
elevación dun outeiro, a uns douscentos metros sobre do nivel do mar. Ao seu
redor, un pequeno regato bordea a parte inferior da ladeira, namentres un par
de muíños abatanan as augas e impulsan a corrente. A soidade pálpase entre os
piñeiros e os carballos, namentres un esquío rebuldeiro racha a paz deste
lendario poboado.
Ascendemos ó Castro de Borneiro pola ladeira oriental deste
pequeno outeiro ovalado, que domina e preside toda a chaira da contorna. Cara
poñente, o fero Atlántico albíscase ó lonxe, coma un horizonte por descubrir. Namentres
ascendemos, é sinxelo intuír que
estamos adentrándonos nun castro avanzado, pois esta gran vía principal
demostra que, a pesares de non térense achado restos da romanización, os
habitantes de Borneiro tiñan xa unha certa inquietude urbanística. Unha vez superados o foxo e o primeiro nivel
do muro, atravesamos o coñecido como "barrio de Entremurallas", un conxunto de
edificios funcionais que, coma o seu propio nome indica, atópase entre os dous
niveis de muralla defensiva. Entre estes edificios, a meirande parte deles de
planta cadrangular, destaca unha estrutura cilíndrica onde aínda ollamos os
indicios da borralla. Coma se fose onte cando os ancestros traballaban os
metais naquela forxa necesaria.
Á fin acadamos a croa, duns noventa por
cincuenta e cinco metros de diámetro, e no seu interior vemos emerxer da terra
os muros de vinte e nove fogares castrexos. As vivendas, que destacan polo seu
gran tamaño con respecto ó resto de castros que temos atopado, semellan
lixeiramente penduradas da ladeira. Os espazos que se forman entre elas,
ábrense ás labirínticas rúas e mesmo en torno a unha praza central.
Os habitantes de Borneiro, ademais das súas evidentes calidades
arquitectónicas, debían contar con artesáns de todo tipo.
Nas diferentes escavacións, que se estenden dende os anos trinta ata a última
década, téñense atopado ferramentas e armas de ferro, coma coitelos, puñais e
fouces. O bronce era relegado á xoiaría, pois neste depósito arqueolóxico
atopáronse fíbulas de bronce, agullas, aneis e colares, ademais de contas de
colares de vidro. Isto demostra que en Borneiro existiu algún tipo de aristocracia
que demandaba xoias e obxectos de valor. Despois de ter sido descuberto en 1924
por Parga Pondal e Pérez Bustamante, iniciouse un longo debate sobre a
antigüidade do xacemento. Finalmente, os arqueólogos fixeron uso do método do
Carbono 14, que evidenciou que se trataba dun castro tardío, sen romanizar,
pero que se desenrolou con moita forza de costa ós invasores.
As probas falan
de presenza humana na cidade de Borneiro entre os séculos III a.C., a II d.C. Até o de agora, foron trinta e seis as estruturas que saíron á luz, mais calcúlase que quedan baixo da terra unha cuarta parte das mesmas. As ruínas da vella citania de Borneiro, sen dúbida unha das
mellores conservadas do país, permítennos imaxinar como era a vida e o día a dia
daqueles antepasados, galegos primitivos que, sen coñecer a escritura, somentes
nos puideron deixar as ruínas mudas daqueles séculos orixinarios da nosa historia.
1 comentario:
Coñezo este castro dende hai anos, e certamente, está moi conservado. O entorno é moi agradable. Das tardes que paseei por entre as pallozas,ou sentándome nas pedras,lembro especialmente unha delas, de finais do mes de xullo,con pouca calor; unha tarde maina e dourada; a última, na que despedín unha lembranza sentimental.
Publicar un comentario